A flor rara que vos traio hoxe é un tema dun mozo da Estrada (ECDG) e outro de Sabucedo (Eleeme). A canción xa ten un tempiño e é unha flor rara porque é a única en galego (por agora) da súa discografía. Erik acaba de editar un novo traballo con Big Sexy titulado Free lines (en castelán, como o propio nome indica), que vos recomendo ardententemente (dez temas para escoitar con atención) e que estes rapaces regalan, íntegro, no enlace que figura ao fondo da páxina.
O texto en azul cobalto é unha pequena biografía alfabética da miña autoría que resume a curtísima vida de Erik (El Chico de Gali).
(Debaixo do texto tendes o arquivo sonoro da canción Somos galegos).
(Debaixo do texto tendes o arquivo sonoro da canción Somos galegos).
Biografía alfabética de ECDG
Aprendiz
de amor á arte, amigo auténtico dos auténticos amigos,
baleira
a bile bailando o boli e brilla na barafunda do berro e do barullo
básico
creando
cancións certeiras coas que cospe, colérico, na corrupta clase,
destapando
demos e deuses; demostra donaire de dandi nos diálogos discretos.
Estudante
de ESA na Estrada, escala esqueiras empinadas con enerxía e empeño
fabricando,
feiticeiro, o seu futuro. Fanático da fam e da familia, fogueira sen
fume,
galopa
e galga o de Gali: galego non de gorxa, de grandeza gardada.
Herdeiro
da historia horizontal: heterodoxia e herexía nos hedonistas himnos,
infancia inconsciente, impertinencia coa ignominia impune dos indignos infames.
Loce
o laio sen lucrarse, lixeiro o lapis lúgubre libera lonxe longas
letras.
Mantén maneiras maseliñas mentres mata medos, manexando meses de miúdas moedas:
non negocia números. Nanas de nai narcotizantes e namoros de neno nos que naufraga.
Ñam ñam de ñandús e ñus ao aloumiñar os avoíños como andoriña
no seu niño,
ofrecéndolles
oracións e ósos, obedecendo obrigas ou oscilando orbitante na onda
oblicua.
Pelexa para prosperar prescindindo de pantasmas (pobre pai
perdido!: perdeu o 1º premio),
queima queixumes con quimeras; quizais querendo quentarse, quebra a queixa que
rapea
con rabia rexa, regala rimas rotas e rectas, recollendo o ramo na rebusca
rítmica.
Substitúe
as sombras polo sol, soña sereas e sacode sermóns sabiamente,
traballa
con tesón e talento tentando tornar ao tramo trazado sen tremor
torpe,
ultima
ultreias únicas, unificando utopías e ultrarrealidades, unicornios
e universos.
Vate
do vermello verso, con 21, vive voraz; voga valente virando o
veleiro,
xogando
con xeito xarelo xermola a xoia do xenio, xesticula e xira, xeitoso,
zafa
da zaga e da zampullada, zarrapica no zafiro, zigzaguea, zoa a
zapatilla e... zas!
A Churrusqueira
A Churrusqueira
Se queredes descargar de balde o recente disco Free lines, de Erik e Big Sexy (Colectivo LC Fam), premede no enlace do fondo. (Para baixalo debedes ter instalado un compresor de arquivos de extensión .rar).
http://www.mediafire.com/download/a70y427njgstaic/Free+lines.rar
Ningún comentario:
Publicar un comentario