![]() |
Vista desde a Torre Hercón, na Coruña |
Por chiste, prometeulles aos amigos que subiría a pé as escaleiras do edificio máis alto da cidade se nevaba en agosto.
O 3 de agosto de 2014, ás 6.05, nevou. Apenas catro folerpiñas tímidas que axiña se esvaeceron no ar e que a radio festexou como a noticia do ano.
Ás 7.15 da mañá comezou a ascensión dos 958 chanzos que a separaban do ceo. Dúas horas e trinta e cinco minutos despois, arfando, chegou á azotea.
Desde alí, unha panorámica inédita encheulle os ollos: as avenidas -que a rentes do chan semellaban enormes- adelgazaron as liñas, as árbores do bulevar eran pompóns verdes e os humanos, seres mínimos a camiñar apresurados.
Respirou profundamente, uliu o aire frío da mañá -xa sen nubes-, sentiu o balbordo do tráfico urbano, empoleirouse no bordo da cornixa e voou.
A Churrusqueira
A Churrusqueira
Ningún comentario:
Publicar un comentario