domingo, 30 de novembro de 2014
sábado, 29 de novembro de 2014
Graffiti de Lugo. A teoría da relatividade *
Cochiño ou homazo?
Depende...
* A teoría da relatividade non é unha creación orixinal de Einstein, senón do pobo galego
https://www.facebook.com/conceptoyoe
https://www.facebook.com/conceptoyoe
venres, 28 de novembro de 2014
mércores, 26 de novembro de 2014
luns, 24 de novembro de 2014
Niinoniinoniino!!!
EMERXENCIA!
Urxe corrector ortográfico!
(Preferiblemente non abducido pola seita da mestura plurilingüe)
[Visto no estacionamento do Centro Comercial As Termas (Lugo)]
domingo, 23 de novembro de 2014
sábado, 22 de novembro de 2014
Dicionario visual. Bambán
Etiquetas:
acaneadoiro,
arrandeadoiro,
bambán,
bimbón,
carriola,
cinchón,
dicionario visual,
dindán,
graffiti,
hostal Bríos,
lingua,
Lugo,
mexedor,
randeeira
venres, 21 de novembro de 2014
xoves, 20 de novembro de 2014
Vivo en ti. Coro do IES Francisco Aguiar de Betanzos
Desde Betanzos para o mundo, adaptando o tema Si me voy, de Paula Rojo
[Saúdos a toda esa xentiña. Hoxe, desde Lugo.]
Insectario. Luís Seoane
Velaquí unha mostra das xilografías do artista plástico galego
que podemos contemplar no Museo Provincial de Lugo
Enlace ao DRAG: definición e pronuncia (na suxestiva voz do actor Luís Iglesia) da palabra 'xilografía'.
mércores, 19 de novembro de 2014
Graffiti obsceno II
Cunha caligrafía sospeitosamente semellante á do graffiti "Leer es de Maricas", esta semana encontrei, noutra rúa de Lugo "follar es de pobres". Os niveis intelectual e moral da nova sentenza tampouco desmerecen o da anterior.
martes, 18 de novembro de 2014
Indiferenza machista
![]() |
Vero Boquete, candidata ao Balón de Ouro |
Verónica Boquete é a capitá da selección española de fútbol feminino. Naceu en Compostela e hai tempo que xoga fóra: en Suecia, Alemaña, EUA...
Das dez xogadoras do mundo candidatas ao Balón de Ouro, é a única sen marca patrocinadora, porque as firmas internacionais só poden contratala desde as súas filiais españolas e aquí non lle fan caso.
Vero laméntase de que as xogadoras españolas, que conseguen triunfos deportivos internacionais, mesmo deben comprar as propias botas para poderen competir.
Se queres ler a noticia completa, preme no seguinte enlace:
luns, 17 de novembro de 2014
domingo, 16 de novembro de 2014
Tatauxes gañadoras de "Galiza, a flor de pel"
En http://www.blogoteca.com/tattoosdagaliza/ podes ver os 160 deseños enviados ao concurso e outros máis que se seguen sumando a esta 'tatooteca' que pretende recoller as tatuaxes gravadas nos corpiños desa xente que leva o país sobre a epiderme.
Graffiti obsceno
Na miña recolleita de graffiti, ás veces encontro pintadas indesexables, suxas. Esta é, sen dúbida, a peor que atopei polo de agora: Leer es de Maricas. A expresión simultánea de homofobia e enxalzamento da ignorancia outórganlle o desprezable primeiro posto no palmarés da estulticia.
Para maior pena, a caligrafía, que semella infantil, atópase nun recunchiño ben coidado próximo á Praza Maior de Lugo: a Praciña do Colexio (nome alusivo ao centro escolar dos padres franciscanos, abeirado á praza).
sábado, 15 de novembro de 2014
venres, 14 de novembro de 2014
Biga en Lugo
Enferrúxanse as bestas anoréxicas á intemperie da Praza Maior lucense, mais non perde forza a expresión das súas cabezas: orellas guichas, crinas ergueitas, furibundos os ollos baleiros... ofrecen orgullosas e compracentes as súas selas ao brinquedo infantil desde o ano 2012, mercé ao oficio e a arte dos ferreiros.
xoves, 13 de novembro de 2014
Casas estrañas. Un edificio con vistas
Desde o adarve da muralla romana de Lugo podemos contemplar e sermos contemplados asemade, grazas ao singular edificio extramuros.
E que encontramos se viramos sobre o noso propio eixe 180º?
O centro de saúde Nosa Señora dos Ollos Grandes.
Todo cadra.
mércores, 12 de novembro de 2014
martes, 11 de novembro de 2014
Dicionario visual. Breakdance
Aínda que o DRAG non recolle o anglicismo 'breakdance', este termo si aparece no Gran Dicionario Xerais da Lingua.
O enlace levarate a un vídeo realizado por Singrima Films que recolle algúns momentos do campionato de España de breakdance que se celebrou en Compostela o 1 de novembro:
luns, 10 de novembro de 2014
Palabras na arañeira
Enceréllanse as palabras
como insectos na arañeira,
tremelican e tremelocen
os filamentos transparentes:
liñas de sintagmas
que infinitan o nobelo.
Engrósase a madeixa
no vaivén da dúbida,
abaneando donda no bambeo,
indolente aos verbos secuestrados
(e os adverbios) tras os dentes.
E de repente,
devecen por desanoarse,
por desataren a lingua,
as letras caladas:
invisibles fantasmas
dos textos inéditos
que enchen o cerebro.
Méxense e reméxense
os arquivos e os documentos
no hemisferio esquerdo.
Como un tumor benigno
que o bisturí extirpa
para que flúa o sangue liberado,
os versos claros
... agardan.
para que flúa o sangue liberado,
os versos claros
... agardan.
Dicionario visual. Bóla
Se queres que unha imaxe escollida por ti apareza na bóla, podes conseguilo facilmente no seguinte enlace: http://es.photofacefun.com/?section_id=10
Enlace a: O acento diacrítico
domingo, 9 de novembro de 2014
Debuxando a Nala. Heather Rooney
Uns poucos lapis abondan cando sobra talento.
Máis coñecida polas súas pinturas hiperrealistas de famosos (nomeadamente de deportistas e actores), a novísima Heather Rooney ofrécenos -neste vídeo acelerado- unha representación da gatiña Nala.
Para ver o vídeo con maior resolución:
Dicionario visual. Buxaina
Polo San Martiño, peóns ao camiño.
Polo Santo André, trompos outra vez.
Polo San Amaro, peóns ao tellado.
Polo Santo Antón, peóns ao caixón.
Pola Santa Olalla, peóns á borralla.
Polas Pascuas, trompos ás ascuas.
[A RAG desaconsella o termo 'trompo'. O vocábulo 'bailarete' non designa o mesmo obxecto: ver DRAG aquí.]
venres, 7 de novembro de 2014
Mesquita de Córdoba. Colita
ImPUTADIÑA
Imputada, pero pouco. Unicamente por delitos fiscais, nos que Facenda non se sente prexudicada. Do branqueo de capitais, zafa. E a vivir, que son dous días!
xoves, 6 de novembro de 2014
Por unha letriña!
A grande esperanza negra hai ben tempo que viña perdendo a cor. A derrota -tras a desilusión provocada entre os electores latinos, sobre todo, pola demora na reforma das leis migratorias que tanto lles afectan- concedeulle a maioría no Senado e no Congreso ao Partido Republicano e agora a Obama só lle queda manter o tipo ata 2017, ano no que rematará a súa presidencia.
Sen concluír a grande aposta do seu goberno por unha Sanidade pública de calidade, mantivo (mantén) unha política exterior no que se refire aos conflitos bélicos que ben podería ter asinado a dereita máis conservadora (véxase, simplemente, o apoio incondicional a Israel no masacre de Gaza dos últimos tempos). A concesión do Premio Nobel da Paz (?!) en 2009 non lle impediu bombardear ata sete países desde aquela.
Por estas razóns e por outras (como o incumprimento da promesa de pechar Guantánamo) comparto a decepción por un presidente cuxa imaxe se foi esvaecendo canda os seus actos, tornándose máis e máis cincenta, destinguíndose ata o branco, desaparecendo tal pantasma do que non chegou a ser.
Pinga. Xián Blanco
As fotografías de Xián Blanco son un convite para a camiñada devagariño, para a mirada atenta á beleza miúda e de balde que nos agarda á volta de cada recuncho. Unha sinxela gota -esfera líquida cotiá- talvez agoche no seu reflexo escintilante unha sorpresa ou un misterio.
Redescuberta da natureza e dos obxectos simples que nos rodean e acompañan, como ese lapis alaranxado, apuntando -desafiante- ao ceo; os insectos ao agocho tras as herbas; a suavidade luminosa e etérea do mexacán, que de tan branco se volve azul...
Non se trata unicamente de calibrar con precisión a luz, a composición, a profundidade... porque o dominio da técnica fai oficio; pero só a ollada singular fai arte.
Cow-boy das Rías Baixas. Santos Morcegos!!!
As badaladas resoan no aire azul que mexe o millo mentres os cipreses apenas abanean no camposanto en calma.
Unhas botas con esporas presaxian o duelo, que o elegante lector impasible evita con retranca (- Quen gaña? - O que non perde.)
Na taberna, pedras de granito do país nas paredes e non táboas americanas; e un penico branco, relocente, sobre a barra. Non se escancia whisky nos vasos, senón tinto nas cuncas e os naipes de póker renunciaron ante as fichas de dominó sobre o tapete, que deseñan, pícaras, un vaqueiro ben dotado.
Esta taberna non é un saloon. Esta taberna é a homenaxe musical da banda guardesa Santos Morcegos!!! ao irrepetible John Balan (que en paz descanse).
mércores, 5 de novembro de 2014
Dicionario visual. Cadela
![]() |
Fotografía: Xián Blanco Méndez (preme sobre o nome para ver fotos espectaculares) Modelo: Bellota |
Non ter unha cadela: non ter diñeiro.
Saír can a cadela / Saír a cadela can: levar unha decepción.
Enlace ao DRAG: AQUÍ
martes, 4 de novembro de 2014
luns, 3 de novembro de 2014
Dicionario visual. Faciana
![]() |
Espectador expectante. No3l (2014) |
Dar a cara: afrontar as consecuencias dos propios actos.
Cara a cara: en presenza do outro e descubertamente.
Con cara de can: hostilmente.
Con cara de poucos amigos: desagradable, adusto.
Ser un cara lavada: ser inconsecuente, atrevido ou desvergonzado.
Ter moita cara: aproveitarse dunha situación.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)