Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

venres, 31 de outubro de 2014

Guerrilla boligráfica


O verbo converter pertence á II conxugación. No DRAG podes ver como se conxuga este verbo. Premendo AQUí podes coñecer algúns outros verbos que se acomodan igualmente á II conxugación.

DEMOcracia


Segundo o último estudo de Oxfam, a fortuna das 3 persoas máis ricas do Estado equivale á dos 9 millóns máis pobres.

Enlace ao informe completo de Intermón Oxfam, premendo AQUÍ. É longo, pero simplemente unha ollada aos gráficos xa achega moita información que arrepía.

Non están todos os que son...

... porque un rolo de papel hixiénico extralongo escrito en Times New Roman 4 non abondaría.

Microfarsa do bilingüismo cordial

Obra traxicómica nun só acto para dous personaxes

(Érguese o pano e aparecen dous personaxes identicamente vestidos da cabeza aos pés con roupa branca folgada e cunhas máscaras, tamén brancas, que ocultan os seus rostros. Están colocados un fronte ao outro no medio do escenario.)

(Escóitase unha voz en off, que di: Vostedes, que opinan sobre o galego?/ Ustedes, ¿qué opinan sobre el gallego?)

- A: ¿El gallego? Me encanta. Tiene un sonido muy suave y palabras muy bonitas, como bolboreta, que es preciosa. ¿Cómo no voy defenderlo, si es nuestro idioma, o sea, el de aquí, de Galicia?

- B: O ghallegho? Ai, o ghallegho, si, ho... É bonito. O ghallegho, claro. Non isto que falamos aquí os do pueblo, que é castrapo. Pero o ghallego ben falado é outra cousa.

- A: Pobo.

- B: Como di?

- A: Pobo. Que no se dice pueblo, que en galego se dice pobo.

- B: Ai, si. É verdá... xa sei, xa sei. Pueblo é pobo. No ghallegho correto.

- A: Sí.  Esazto.

- B: É como pulpo. Que non é pulpo. Que é polbo.

- A: Correzto.

- B: O que pasa que pa min... ou sexa, cando oigho polbo... a ver, dáme a risa. Porque pa min polbo é outra cousa... hahaha!

- A: Jajaja! Bien que le entiendo. 

- B: A min ghústanmelle ben os dous, eh? O de botar e o de papar. Hehe! Non sei se m´entende.

- A: Jiji! L´entiendo muy bien. Aaaay... la retranca gallega.

- B: Pois o caso é entenderse e levarse ben.

- A: Totalmente dacuerdo. Si aquí todo el mundo puede hablar lo que quiera. Eu me sinto ben cando escoito a un neno pequeno falando en galego, por exemplo, porque penso que non se vai perder o idioma.

- B: Non ve? Así dá ghusto. Encontrar alghén que fala ben o ghallegho coma usté, que se ve que o estudiou e que o fala como ten que ser; si, señor.

- A: Ah, pues... moitas grazas! Y hasta lueguito.

- B: Deica!

(Cada personaxe desparece por un lado do escenario, cara ás bambolinas, mentres baixa o pano.)

xoves, 30 de outubro de 2014

mércores, 29 de outubro de 2014

Churrusquenciclopedia. Sobrevivente

Logo das dúas primeiras entregas da Churrusquenciclopedia ('calatrávico' e 'abusuario'), tráiovos hoxe unha palabra que xa existe, pero á que lle engado un novo significado.

Sobrevivente (adx. e subst.)
Sinónimo: sobrevividor-a. [Rexistro coloquial].

Quen vive de marabilla (prefixo 'sobre': por encima da media; con abundancia) grazas a uns sobres (recipientes de papel) máxicos acugulados de billetes ilegais, pero de curso legal: o chamado diñeiro paradóxico. 


Os cartos devanditos preséntanse en forma de simples e finísimos paralelepípedos de papel moeda que, malia a súa simplicidade, posúen unha virtude excepcional: a saber: aínda que en esencia son negros (absorben a luz sen reflectila) teñen o poder de iluminar a faciana dos sobreviventes cun sorriso branco e escintilante.


Billetes trucados por obra e graza de PhotoFunia
A procedencia dos sobres meigos escapa de momento á pescuda científica. A teoría que goza de maior aceptación entre os físicos propón unha orixe cósmica, probablemente exogaláctica, pois as leis terrestres tradicionais non contemplan a posibilidade moral de conseguir unha fortuna hiperbólica de xeito fortuíto.

Na imaxe, billetes falsos (como non?) coa efixie dun presidente (!?) terrestre (probablemente da Terra Media ou máis ben da Media Terra;  porque da nosa Terra non é. Fixo).

martes, 28 de outubro de 2014

Liberdade de PPrensa


Segundo as investigacións ordenadas polo xuíz Ruz, o PP comprou -con cartos da súa caixa B- accións de Libertad Digital en 2004, cando o medio de comunicación atravesaba problemas económicos. 

Daquela, os xornalistas (?) de LD (encabezados polo santísimo Losantos) apoiaban a tese "conspiranoica" do goberno sobre a autoría dos atentados do metro de Madrid por parte de ETA; pero seguro que iso é pura casualidade.

Segundo o ex-tesoureiro encarcerado, Bárcenas, a orde de comprar as accións partiu do que entón era secretario xeral do PP: Acebes. 
Algúns dos testaferros máis podentes para levar a cabo a misión foron Yáñez, Lapuerta ou a propia muller de Bárcenas (só eles tres investiron 410.000 euros, mais hai 220 accionistas ao servizo do partido). Rosalía Iglesias e Lapuerta (que non son parvos) nunca restituíron o diñeiro (xa se sabe: quen rouba a un ladrón...).

O castigo de Currás. Por limpio!

O ex-alcalde de Santiago, que logo de moito marear se viu obrigado a deixar o cargo por estar imputado en dúas causas xudiciais, pero que aínda así continuou e continúa chuchando do bote consistorial como concelleiro, xa ten o seu castigo exemplar: o PP acaba de nomealo delegado en Galicia de TRAGSA (cun soldo superior ao de Feijóo e que pode roldar os 100.000 euros anuais).

Dicionario visual. Cabicha


'Cabicha' é o substantivo que designa o extremo do cigarro que queda sen fumar.


Sabemos das nefastas consecuencias do tabaquismo para a saúde, mais talvez non se coñeza suficientemente que o tabaco é unha das tres causas principais de cegueira entre os galegos (e a máis evitable, pois as outras dúas son a idade e a diabetes).


Nova do Telexornal da TVG:

Rajoy con Magoogle Glasses


En teoría, os anteollos ideados por Google -que Mariano luciu non hai moito- serven para ver o mundo como unha realidade aumentada. No entanto, as declaracións do presidente (ou iso din) fanme pensar que el prefire as da competencia: as lentes Magoogle, para observar unha realidade diminuída; porque ten menos vista (ou iso pretende facernos crer) que Mr. Magoo, o velliño dos debuxos creado en 1949. 
Premendo aquí accederás a un vídeo que simula como serán as lentes de realidade aumentada no futuro.

luns, 27 de outubro de 2014

Chiando: chíos e rechouchíos

Chiando é un microdocumental no que se nos explica (en primeira persoa) como un mozo de 17 anos foi quen de loitar para conseguir un dereito: Twitter en galego. Resulta emocionante o relato de como un rapaz tan novo se enfrontou á compañía, como logrou involucrar unha marea de xente que se sumou ao labor de tradución, e como, finalmente, se cumpriu o soño de contar cunha ferramenta máis no noso idioma.



Deseño do Rei Zentolo
Os creadores da rede social nacida en California escolleron a palabra 'twitter' pola súa sonoridade e polisemia significativa: "refacho curto de información" e "son emitido polos paxaros".

En galego, o vocabulario que triunfou na rede non calca foneticamente os termos ingleses, senón que opta por solucións máis enxebres que se aproximan á duplicidade semántica da lingua de orixe, pois aluden tanto ao trilo das aves como á lingua humana (non dar un chío: non dicir palabra). 

Son palabras normativas, recollidas no DRAG: chío, chiar, rechouchío e rechouchiar.

domingo, 26 de outubro de 2014

Balance. Sara Tavares

Estes son os balances que nos gustan, e non os "documentos contables nos que se fan constar os datos relativos ás operacións administrativas dunha empresa ou dun negocio" (Gran Dicionario Xerais da Lingua).

Señoras e señores, meniñas e meniños; con todos vostedes: a caboverdiana Sara Tavares, moi ben acompañada.

Dicionario visual. Carreta

A palabra 'carretilla' é un préstamo lingüístico do castelán, como acontece con outras palabras coa mesma terminación diminutiva (como 'tortilla' ou 'bocadillo', p.e.). Xa que logo, é unha forma aceptada e non se considera unha interferencia.
No entanto, para referírmonos á máquina automóbil que se usa para o transporte nas empresas, só é normativo o termo 'carretilla'.

A da imaxe forma parte do concurso de carretas decoradas que se organiza cada ano en Vila de Cruces, con ocasión do singular rally que celebran con estes vehículos.

Déixovos un enlace a un vídeo de deporte extremo con carreta:

sábado, 25 de outubro de 2014

Ulos?

Latuff

Seguen sen encontrar (e xa vai alá un mes) os corenta e tres estudantes desaparecidos no estado de Guerrero (México). 

Tampouco dan sinais de vida o alcalde de Iguala e a súa esposa, responsables -segundo a Fiscalía- de ordenarlle á policía entregar os estudantes ao narco.

O que si aparecen son fosas comúns cheas de cadáveres anónimos e familias "esperanzadas" á procura dos seus parentes nos buratos.




Podes consultar a nova (que contén un vídeo) sobre as protestas no enlace:

venres, 24 de outubro de 2014

xoves, 23 de outubro de 2014

10 anos do PXNL

O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, afirmou -no seu discurso de conmemoración do X aniversario do Plan Xeral de Normalización Lingüística- o seguinte:
"A política lingüística do Goberno galego está inspirada no Plan." (Palabrita del Niño Jesús.)



Pero se desconfías do discurso oficial (mira que es malpensad@...), preme no enlace e comprobarás as diferenzas entre o proxecto do PXNL no ámbito educativo e o que o Goberno leva argallado nesta materia.

Galiza trilingüe

Se diminuíu o número de galegofalantes, non me digas:
Xa que presumides de plurilingüismo, pregúntate:
Na imaxe: Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística

Palabra de amor


Segundo o dito popular, hai amores que matan, mais eu non concordo coa máxima.

Por iso, logo dos últimos datos estatísticos sobre o uso do galego (IGE), que non acaban de casar co cariño que moita xente afirma profesar pola lingua de noso, xórdeme unha dúbida razoable, que plasmei no deseño que vedes á dereita.

O galego vai perdendo presenza en todos os ámbitos, mesmo na rede (onde se iniciara cun pulo emocionante) debido, en gran medida, á política lingüística dos últimos tempos, caracterizada por un aparente desleixo que agocha unha planificada estratexia de substitución idiomática en favor do castelán.

Ben sei que, nas situacións de conflito lingüístico (e por moito que se empeñen, non se coñece ningunha comunidade onde dúas linguas convivan harmonicamente e se usen en pé de igualdade en todos os ámbitos; o que hai é diglosia), a presión social maioritaria actúa a favor da lingua A. E sei que é difícil contrarrestar esa presión, especialmente cando o poder teima en afastar a lingua minorizada do ámbito académico, privando unha parte da xeración máis nova -produce mágoa comprobar que moitos nenos e adolescentes non se desenvolven con fluidez en galego- dunha ferramenta comunicativa, non só valiosa, senón propia; ata o punto de chegaren a considerala allea, co que iso supón para a cohesión social dunha comunidade que, pese a todo, segue autorrecoñecéndose como pobo distinto e unido: identificado como galego. 

Cómpre, entón, a implicación de plataformas civís a prol do idioma e parece que, nesa fronte, as asociacións que defenden o galego están ben vivas (e, na miña opinión, socialmente mellor consideradas que a que se pretende bilingüe). Non obstante, non abonda.

Aquí e agora, a acción individual é crucial. Porque existen moitas formas de apoiar unha lingua, pero hai unha mellor que todas as demais. E ti sabes ben cal é.

Risiterapia co pequeno Nicolás

Lamentablemente, non fun quen de atopar na rede ningunha imaxe das bolsas de patacas fritidas Risi dos anos 80. O parecido daquel logo co protagonista destes días era abraiante. Aínda así, o bonequiño masculino que promociona o tubérculo manufacturado garda certa semellanza co ppeixiño; non si?

Dicionario visual. Tatuaxe



Os nomes rematados en -axe son femininos; agás 'traxe', 'garaxe' e 'paxe', que son masculinos e 'personaxe', que permite a distinción de xénero.


Premendo no enlace, accederás á páxina do EDL do IES Marco do Camballón, de Vila de Cruces, que organiza un concurso de fotografía para as tatuaxes relacionadas co mundo galego.

O Sabadell avala o Rato


O Banco Sabadell avala a fianza de 3.000.000 de euros imposta a Rato. 

Cando pensamos que xa se chegou ao límite último da desvergonza e non poden rirse máis de nós... zas!, sorpresa. 

Que pensarán os clientes do tal banco que traballen como formiguiñas ao veren a que adica a entidade os seus euriños?

mércores, 22 de outubro de 2014

Churrusquenciclopedia. Abusuaria-o

Abusuaria-o: (s. e adx.). Persoa que, estando autorizada para facer uso de determinado produto ou servizo segundo uns límites legalmente establecidos, decide prescindir das normas e dispoñer deses bens a esgalla para satisfacer os seus intereses persoais; lanzándose á festa rachada como se non houbese un mañá.
Os abusuarios asentan a súa moral en teses filosóficas tan rigorosas como estendidas. A saber: 
A vivir, que son dous días
Tabaco, muller e viño; mellor para min que para o meu veciño
Cada un arrima a brasa para a súa sardiña
E para cando as cousas se lles reviran un chisco:
Nunca choveu que non escampara

En homenaxe a todas esas persoas, un clásico brasileiro versionado por Estação Sambô

martes, 21 de outubro de 2014

Rematou a festa

O fabricante de lambetadas como Kojak, Lolipop e mesmo Piruleta (neoloxismo incorporado ao DRAE, que non ao DRAG) pide a súa liquidación ao non poder cumprir o convenio de acredores que aprobara. 

Con inicios en Latinoamérica nos anos 40, a compañía estableceuse en Alcalá de Henares en 1965 e conta con almacéns en todo o Estado, desde onde exporta os seus doces produtos a uns vinte e cinco países. 

Rato pásase á moda galega

Hai unhas horas, Rodrigo Rato solicitoulle ao PP a súa suspensión temporal de militancia; ata que se "aclare" o asunto das tarxetas negras, segundo afirma na carta dirixida a Cospedal. O roedor confia, probablemente, en que as devanditas vaian suavizando a súa cor consonte pasa o tempo, que todo o borra.

Para iniciar a súa nova vida, dálle unha volta ao vestiario. Abandona a chaqueta clásica por un estilo máis informal: camiseta de manga curta para os días de calor e suadoiro para cando baixen as temperaturas, ambos impresos co lema "Marcho, que teño que marchar".

luns, 20 de outubro de 2014

Quen quere ser millonario?

A Churrusqueira
Onte, en La Sexta, Arturo Fernández confirmoulle a Ana Pastor que un seguro asinado con Mapfre, sufragado co diñeiro do rescate e cuxa débeda seguimos pagando  (y lo que te rondaré, morena) lles cobre a defensa  aos directivos e aos conselleiros da entidade financeira do oso sen hérbedo.
Blesa mesmo intentou custear a fianza de 16.000.000 de euros que lle impuxo o xuíz Andreu mediante o devandito seguro; aínda que o maxistrado llo impediu.

Polo tanto, a resposta correcta é a D.
Parabéns se acertaches, mais lamento dicirche que non serás ti @ millonari@. Aquí tamén había trampa!

Rap lipogramático. Andrew Huang

Un lipograma é unha obra literaria na que se prescinde dunha ou de varias letras do alfabeto.
No blog xogosdelingua.blogspot.com.es -ao que cheguei a través doutro (cartaxeometrica.blogspot.com.es)- atopei unha entrada de Carlos L. Medrano que nos brinda un rap lipogramático de Andrew Huang, composto en inglés sen botar man da letra 'e'.

[Se encontro algún exemplo de lipograma rapeado en galego, prometo publicalo.] 

O negativo positivo

A Churrusqueira

sábado, 18 de outubro de 2014

Malala e malos

Hai uns días publiquei esta imaxe, cun fragmento do discurso que Malala pronunciou no Auditorio das Nacións Unidas. 
A moza paquistaní, tiroteada por ir a clase e galardoada co Nobel da Paz, confia na educación como unha arma para mudar a sociedade.


Aquí, algúns adultos espelidos enchen os seus petos con cursos de formación fantasmas polos que reciben unhas subvencións xeitosas da administración autonómica.
Entre eles, destacan Francisco Javier Pérez Belo, Gerardo Crespo e Eliseo Calviño (na imaxe), pero hai moitos máis: a xuíza vailles tomar declaración a 68 implicados.

Dicionario visual. Lebre




A estupenda acuarela de Durero representa un  exemplar de lebre nova.

En galego, a cría deste animal recibe os nomes de 'lebrato' ou 'lebracho'.

A expresión 'levantar a lebre' significa "revelar algo que estaba oculto" ou "suscitar unha polémica". 

venres, 17 de outubro de 2014

BluSSa (by Mango)

O mundo da moda non cansa de ofrecernos deseños polémicos. A penúltima suspicacia vén provocada polo estampado dunha blusa de Mango que en Alemaña xa foi bautizada SS, pola súa semellanza co emblema nazi. Xulgade vós.

Miudezas monetarias

Pobre Blesa! É un incomprendido. E mira que llo explicou ben clariño ao xuíz Andreu:


[Xuro que o texto non é da miña colleita. Aparece no xornal El País como parte da declaración que o ex-presidente de Caja Madrid expuxo onte perante o xuíz.] 

Xa non somos parvos

Nin tatexos, disque. A cousa non estaba clara, porque había diversidade de opinións en Costa Rica e El Salvador,  pero os ilustres membros da Real Academia Española acaban de certificalo, na nova edición do seu dicionario, ao eliminaren as acepcións de "tonto"e "tartamudo" da definición de 'gallego-ga'.
Bo é sabelo! Xa podemos durmir tranquilos.

Castor vs. contribuínte



Os castores son roedores caracterizados por unha actividade frenética que modifica a paisaxe dunha forma espectacular. Adican a súa vida a construír presas nos ríos mediante a colocación de troncos e pólas das árbores que conseguen derrubar coas súas potentes mandíbulas.
Son animaliños laboriosos que seguen o seu instinto natural, cunha conduta perfeccionada polas leis evolutivas, sen intervención do raciocinio.

Na costa castellonense, fronte a Vinaròs, instalouse unha plataforma para extraer - mediante a técnica da fractura hidráulica (frácking)- gas natural e almacenalo. A autorización para o proxecto concedeuna o goberno de Zapatero (PSOE) en 2008. Chamóuselle Proxecto Castor.
Escal UGS (participada maioritariamente por ACS) encargouse da construción. Para conseguir os 1.400 millóns de euros que se precisaban, emitíronse bonos de débeda respaldados polo BEI (Banco Europeo de Investimentos).

Ao pouco de comezar os traballos de inxección de gas colchón para extraer o gas natural, en 2013, rexistráronse máis de 500 sismos na zona. Entón, o goberno actual (PP) encargou informes ao IGME (Instituto Geológico y Minero de España) e ao IGN (Instituto Geológico Nacional). A súa conclusión: hai relación directa entre os labores na plataforma e os terremotos, orixinados pola rotura dunha falla xeolóxica non cartografiada ata entón e que agora foi bautizada como falla Castor.
Por iso o Proxecto Castor vai ser desmantelado e entre todos teremos que devolverlle o diñeiro investido á empresa propietaria: 1.350 millóns de euros.

Resumindo: sen estudos serios autorízase a construción dun proxecto perigoso (como denunciaban os ecoloxistas) a unha empresa privada que pensa obter beneficios da súa explotación. Cando as cousas van mal (demostración empírica de que o proxecto non era fiable), a empresa lava as mans e os de sempre restituímoslle o investimento.
Os contribuíntes somos animaliños laboriosos que non seguimos o instinto natural, posto que a cultura e a civilización modificaron a nosa conduta, que se desenvolve rutineiramente, sen intervención do raciocinio. 
Porque se usaramos a cabeciña... Ai, mimá!

xoves, 16 de outubro de 2014

Glande´s Clan na Praza Vermella (2013)

Sen grandes alardes técnicos -simplemente cunha cámara abaixada- o grupo de breakdance Glande´s Clan, integrado na asociación Vella Escola, ofrécenos un espectáculo cheo de enerxía que é unha gozada contemplar.
Desconxúntome só con velos! 

Dicionario visual. Dorsal



Como adxectivo, a palabra `dorsal´ (derivada de `dorso´) serve para referírmonos a algo que está situado na parte posterior dun corpo ou relativo a el.

Como substantivo, nomea o número identificativo que locen os deportistas nas costas.

mércores, 15 de outubro de 2014

15-O. Día Internacional da Muller Rural

A fortaleza tenra

Fotografía: José Manuel Casal
Enlace ao álbum fotográfico de La Voz de Galicia: As raíñas do campo

Dicionario visual. Graffiti


Esta palabra, procedente do italiano, é invariable en canto ao número. É dicir: escríbese igual en singular e plural (un graffiti, varios graffiti).

Xunta de(s)Galicia

Lemos o seguinte na páxina oficial da Xunta, na sección da Secretaría Xeral de Política Lingüística:

A Consellería valora positivamente os últimos datos sobre o uso do galego difundidos polo IGE.

Para a Consellería, os datos son positivos e mostran a fortaleza da lingua propia de Galicia.
Entre os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística, podemos destacar que o número de persoas que fala sempre en galego cae 13 puntos entre os anos 2001 e 2011. Polo tanto, e por primeira vez na historia, os galegofalantes deixan de ser  a maioría da poboación. Ademais, a porcentaxe de monolingües en galego é especialmente baixa nas bisbarras urbanas occidentais.

Máis información: Galicia Hoxe

martes, 14 de outubro de 2014

Kussondulola. Tá-se ben na radio

Unha musiquiña de cando a TVG se situaba na vangarda da programación infantil. Nesta ocasión, o club do porco bravo achegábanos o reggae da banda angolana liderada por Janelo da Costa para facer bailar os pequechos.


Dicionario visual. Monopatín


Déixovos o enlace a un vídeo protagonizado e realizado pola rapazada da asociación Launch Systems Skateboard, da Estrada. Foi gravado nas rúas da vila e nas instalacións que o grupo preparou na Estación de Autobuses utilizando material reciclado:

luns, 13 de outubro de 2014

Flash-back

O domingo estiven vendo El abuelo tiene un plan (1973), protagonizada por Paco Martínez Soria (confeso o meu pecado). O caso é que nunha escena de cama o actor aragonés loce un pixama case cuspidiño ao mono de Son Goku. Mágoa non atopar imaxes a corpo completo do tal, porque a semellanza é notable. 
Quen me ía dicir a min que os estilistas do cine español da pretransición foron pioneiros da moda manga!

Malala dixit

domingo, 12 de outubro de 2014

Mollarse ou non mollarse: esa é a cuestión

Despois de asistir onte no serán á gala benéfica da Estación da Estrada a prol da futura Casa da Xuventude, acordei hoxe con espírito científico-filosófico-revolucionario e elaborei, de boa mañá, unha teoría taxonómica que a seguir vos expoño:

Atendendo á súa etoloxía (é dicir, ao seu comportamento) a especie humana pode clasificarse en tres categorías: "osquesemollan", "osquenonsemollan" e "osquemexanpornós".

Comezarei pola última (osquemexanpornós): intégraa a minoría da poboación por unha simple cuestión matemática: fan falta moitos parvos para manter un só destes "listos". Non me estenderei falando sobre eles, porque me ferve o sangue; pero todos sabemos quen son: inzan as páxinas dos xornais acotío coas súas falcatruadas. Porén, son expertos do disfrace e gustan de camuflarse como benfeitores sociais.
Por certo, a zona das plataformas da estación de autobuses segue chea de pingueiras e humidades sen que nin o Goberno municipal, nin a Xunta nin La Estradense parezan ter demasiado interese en solucionar o problema. Tampouco as administracións acaban de comprometerse seriamente coa creación efectiva da Casa pola que loita a mocidade.

A segunda categoría (osquenonsemollan) é o sector poboacional máis abondoso. A súa característica etolóxica é sinxela: érguense pola mañá e déitanse pola noite. No intervalo temporal, sobreviven como quen oe chover. Non parecen perigosos, pero sono; porque, sen eles, osquemexanpornós non poderían existir.
Por certo: á gala benéfica devandita asisitiron apenas unhas ducias de persoas das preto de 22.000 que hai censadas no concello.

O terceiro conxunto non é moi numeroso e constitúe a elite ética da especie. Entre osquesemollan inclúo, entre outros, aqueles que se achegaron á estación para contribuír co seu apoio sincero ao proxecto dos novos e mais as empresas que colaboraron na realización do evento.
No cume desta categoría coloco os que traballan para si e para os demais sen recibiren unha recompensa económica, como as asociacións xuvenís da Estrada: unha corentena de rapaces e rapazas con intereses diferentes unidos polo empeño en mellorar a súa vida e a da comunidade; coordinados por dous "inmigrantes" que fan máis polo pobo que moitos autóctonos.
Non podo esquecer neste apartado os integrantes de Vella Escola que participaron no evento regalándonos unha magnífica coreografía de breakdance a cargo de Raúl Asensi, Daniel Pazos, Sergio Perol e Marcel Lli e mais unha mostra epectacular de beatbox interpretada por Davbeat.


Déixovos o enlace a dous vídeos dos membros de Vella Escola que participaron na gala:



[En canto dispoña de material coa actuación da pianista (Taida Sánchez) e o vídeo dos patinadores de LSS, colgareino.]

sábado, 11 de outubro de 2014

Dicionario visual. Tsunami

`Tsunami´ é unha palabra de orixe xaponesa incorporada á nosa lingua. O creador de Akira, Katsuhiro Otomo, deseñou este mural para o aeroporto de Sendai en lembranza do que asolagou a rexión en 2011.

Katsuhiro Otomo

venres, 10 de outubro de 2014

Botellón, Bankia e tarxetas B


Descóbrese a orixe do desastre financeiro de Bankia que acabou custándonos máis de 22.000 millóns de euros: os roedores do equipo directivo ían bébedos.

Baila. Som do Galpom

Último videoclip (que non derradeiro) de Som do Galpom, gravado en Padrón coa participación dos estudantes do IES Macías o Namorado.

A culpa é de Teresa (seica)

Teresa Romero é unha muller que se ofreceu voluntaria para exercer o seu labor como enfermeira coidando dunha persoa infectada dunha gravísima enfermidade contaxiosa na súa fase terminal.

Javier Rodríguez é un señor que "traballa" como conselleiro de Sanidade na Comunidade de Madrid e que culpa a Teresa de infectarse, de mentir e de expoñer os demais ao virus.

Pero os colectivos sanitarios (ás ordes do tal Rodríguez) levan tempo denunicando que carecen dos medios e, sobre todo, da formación necesaria para tratar o ébola. Aínda hoxe, seguen sen recibir cursos serios, materiais axeitados, nin un protocolo preciso. Debido a esta inseguridade, está habendo renuncias para atender os pacientes e Sanidade está chamando persoas desempregadas das listas de contratación (sen formación sobre o ébola) para encargarse dos casos en observación.

Nos últimos días os medios de comunicación revelan datos que destapan a forma absolutamente trapalleira e irresponsable coa que se está actuando neste asunto. Cursos de media hora sen prácticas sobre os traxes protectores; uso dunha ambulancia sen medidas adicionais para trasladar a Teresa, que logo transportou doentes sen ser desinfectada; permanencia da enfermeira durante horas nun centro hospitalario normal... A cadea de erros é tan monumental que ocuparía centos de liñas.
Deixo á parte os xornalistas (supoñendo que iso sexa periodismo) do estilo de Jiménez Losantos, que chegou a dicir de Teresa que "no pecado leva a penitencia".

E a estratexia para saír do paso consiste nun escurantismo e incomunicación que só provoca ruxerruxes e alarma. Resulta incrible e lamentable que Teresa se enterase do seu positivo no virus pola prensa, igual que o médico que a atendeu durante dezaseis horas vestido cunha roupa insegura.

Iso si, a repatriación dos misioneiros infectados publicitouse como unha demostración de poderío técnico mediante unha escenografía aparatosa de aparencia científica. A realidade demóstranos que debaixo desa parafernalia só había baleiro, ignorancia e improvisación.

Mentres non asumamos que os problemas deben erradicarse na súa orixe (en África os mortos son milleiros) e sigamos pensando que non nos incumbe o que acontece noutros lugares do planeta, os ébolas de calquera clase serán imparables.