Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

sábado, 27 de setembro de 2014

Monísimos! (Con perdón dos simios)

En Hipercor
"Inteligente como papá" / "Bonita como mamá"

Por se alguén (unha persoa chegada do século XXI, por exemplo) non entende a imaxe, explicareina:
O azul é para os nenos. O rosa é para as nenas. Os pais deben ser persoas de diferente sexo para achegar cualidades distintas á familia: o home, a intelixencia; a muller, a  beleza. As nenas herdarán a virtude materna e os nenos, a paterna.

P.S.: O mundo da moda (e as empresas que o sosteñen) son elementos neutros da sociedade que non promoven valores ou ideoloxías (alén de procurar beneficios económicos).

Ha!

venres, 26 de setembro de 2014

Monoulious DOP na Estrada

Os de Noia traerannos música festeira para bailar e rir


Como hai poucos días subín o seu último videoclip (a versión galega do tema Bailando, de Enrique Iglesias), hoxe déixovos o enlace á Cansión jallejo-americana que xa publiquei hai tempo:

Trocando castiñeiros por postes eléctricos


En Lalín ultiman os preparativos para darlle luz verde á destrución da fraga de Casas Vellas, que suporá a corta de centos de castiñeiros para instalar un tendido eléctrico. Opóñense algúns veciños, que presentaron recursos contra o trazado e propuxeron outro alternativo, soterrado en parte, que evitaría a destrución dun souto maior ca o de Quintela.

xoves, 25 de setembro de 2014

Menores para decidir?

Agora que o Goberno estatal recuou no tema da lei do aborto (que mediño dá perder votos) hai un aspecto que aínda se cuestiona e pretende mudar: o que se refire á posibilidade de que as mozas de 16 e 17 anos poidan abortar sen que os seus proxenitores o saiban. 
Vexamos en primeiro lugar cal é a letra da Lei vixente (no referente a esta cuestión), que a seguir traduzo literalmente do BOE:

No caso das mulleres de 16 e 17 anos, o consentimento para a interrupción voluntaria do embarazo correspóndelles exclusivamente a elas de acordo co réxime xeral aplicable ás mulleres maiores de idade.
Polo menos un dos representantes legais, pai ou nai, persoas con patria potestade ou titores das mulleres comprendidas nesas idades deberá ser informado da decisión da muller.
Prescindirase desta información cando a menor alegue fundadamente que isto lle provocará un conflito grave, manifestado no perigo certo de violencia intrafamiliar, ameazas, coaccións, malos tratos, ou se produza unha situación de desarraigamento ou desamparo.

Escoitamos as voces dos que ridiculizan este apartado da Lei manifestando a incoherencia de que mozas que non poden votar nin beber alcohol, por exemplo, poidan abortar sen que os seus pais sexan informados. Mais o terceiro parágrafo citado indica as circunstancias que posibilitarían esta opción, que me parecen razoables. Por que debería comunicarlles esta decisión aos pais unha menor que sufrise na propia casa malos tratos, ameazas ou desamparo? Por unha simple cuestión de comunicación? Non será que o que se pretende modificar realmente é o dereito que lle outorga o primeiro parágrafo a decidir exclusivamente a ela sobre a súa maternidade? Se fose así, entrariamos nun terreo esvaradío. Se os pais non estivesen de acordo coa decisión da menor..., que pasaría? Tería que ser nai á forza? Daquela, teriamos que admitir a situación oposta: que unha rapaza se vise obrigada a abortar contra a súa vontade co mesmo argumento: que os pais están máis capacitados que ela para decidir sobre a súa maternidade. Facer recaer noutros unha decisión tan íntima só nos levaría ao absurdo: que pasaría se o pai opinase unha cousa e a nai a contraria? Habería que acudir aos tribunais e acabaría sendo un xuíz quen decidise o futuro da muller?

Dicionario visual. Cendón

luns, 22 de setembro de 2014

domingo, 21 de setembro de 2014

O realismo máxico de Jimmy Lawlor

Comezarei por dicir que non entendo de pintura, así que este pequeno artigo expón unicamente a miña opinión persoal e acientífica sobre un artista que me encanta.

Jimmy Lawlor vén sendo denominado "surrealista" e mesmo "surruralista" polo seu reflexo peculiar do mundo rural irlandés. Establecendo unha comparación coa literatura, eu encadraría as súas obras no "realismo máxico", pois consegue crear atmosferas oníricas partindo de elementos cotiáns, que descontextualiza de diversas formas para crear ambientes marabillosos. 
A natureza adoita ser o escenario escollido por Lawlor para enmarcar os seus protagonistas: persoas e animais extraídos da súa contorna cultural: animais domésticos (vacas, ovellas, galiñas...) e persoas caracterizadas de forma realista (anciáns con roupas correntes, infantes experimentando e xogando...). 
Non falta o humor nos seus cadros, ao representar situacións nas que os obxectos son axigantados e descontextualizados (augamares voando polos aires, unha máquina de coser colosal convivindo pacificamente na pradaría coas ovellas, dúas velliñas a navegar embarcadas nun paraugas...), pero baixo esa ollada retranqueira agóchase unha tenrura cara aos seus paisanos que me fai lembrar as cousas de Castelao.
Noutras ocasións, elementos urbanos (como conos de tráfico, bombillas ou teléfonos dos primeiros tempos) confróntanse con ese universo rural, recordándonos esa dualidade por veces conflitiva que decote aparece na nosa literatura (Manuel Rivas, Suso de Toro...).

Recomendo a páxina de Jimmy Lawlor, onde atoparedes probablemente escenas que vos farán sorrir. (Se sodes galeg@s, encontraredes grandes semellanzas entre as súas paisaxes e as nosas).
http://www.jimmylawlor.com/

xoves, 18 de setembro de 2014

Rouko Okupa: exemplo de loita

Rouko, contra vento e marea
A Igrexa está cambiando desde que os católicos teñen novo papa. Abonde un exemplo: o arcebispo de Madrid (antano conservador) é o último personaxe en adherirse ao movemento okupa, atrincheirándose no palacio episcopal. 
Rouko (antes coñecido como Rouco Varela) non se rende e non renuncia aos seus dereitos (os radicais dirán privilexios): estancias, automóbil, chófer, secretaria e dúas monxas ao seu servizo; mentres o seu sucesor, Osoro, procedente de Valencia, se muda a un convento de relixiosas.
É unha gran lección de dignidade a deste home que non se resigna a ver diminuído o seu nivel de vida tras a xubilación. Sirva o seu exemplo para todas esas persoas novas que se renden e aceptan empregos precarios, moi por debaixo das súas capacidades, que consenten en traballar máis horas das que cobran, e que mesmo están dispostas a emigrar porque non ven futuro no seu país.
Resiste, Rouko!

martes, 16 de setembro de 2014

Margallo, que ghallo é!

Diada do 11-S (2014)
O ministro de Exteriores (ollo ao piollo: de Exteriores) ameaza con suspender a autonomía catalá se a Generalitat teima na intención de convocar o referendo.
Mentres en Escocia os partidarios dun bando e doutro se afanan por inclinar a balanza con argumentos de índole económica (cos bancos ameazando abandonar Escocia) e ideolóxica, aquí o goberno central aposta polo enfrontamento explícito, ignorando absolutamente a forza popular dos milleiros de persoas que saíron á rúa durante a Diada reclamando o simple dereito ao sufraxio.
Non parece de sentido común impedir un divorcio cando non existe o acordo mutuo, mais neste caso nin sequera se chegou a ese estadio, pois o que se nega é incluso a liberdade de expresión dunha das partes (mellor dito, das dúas; porque tampouco se lle pide a opinión ao resto do Estado).

Gallardón: 0 - Mulleres: 1

Finalmente, Gallardón deberá recuar porque os estudos de Pedro Arriola (o sociólogo que asesora o PP) confirman o que todo o mundo sabía: que pretender unha volta ao pasado no tema do aborto carrexaría unha perda significativa de votos. Agora asistiremos, sen dúbida, ao contraataque ultracatólico. En Ponteareas xa están preparadas.

Rimas na cara do "brother". Divas do Rap

Eva Rapdiva, Níria, G'Pamella e Khris Mc son catro cantoras angolanas. De cando en vez, unen as súas voces no colectivo Divas do Rap.


Dicionario visual. Ollar

Hai moitas formas de mirar o mundo...

luns, 15 de setembro de 2014

Cañete: a toupa destapada

En sentido figurado, unha "toupa" é unha persoa infiltrada nunha organización para espiala mentres traballa polos intereses contrarios. Para ser unha boa toupa é imprescindible camuflar as intencións e demostrar publicamente que se pertence ao grupo. 

O comisario, guiando un dos vehículos
da súa colección de clásicos
Hai uns días, Miguel Arias Cañete (o home que tanto loitou polo medio ambiente cando foi ministro, duchándose con auga fría e engulipando iogures caducados) foi nomeado comisario europeo de Enerxía e Acción polo Clima.
Mais Cañete non se disfraza nin se molesta en disimular: é presidente dos Consellos de Administración de Ducor S.L. e Petrologis Canarias S.L., empresas petroleiras das que posúe un 2,5% das accións.

Dicionario visual. Onomatopea

sábado, 13 de setembro de 2014

Ruxe Ruxe. Malos tempos

Un videoclip da banda Ruxe Ruxe, que actuará esta noite no Rock in Rian de Rianxo. Tamén estarán Forraje, Medomedá e Dios Ke Te Crew. 


venres, 12 de setembro de 2014

Quen defende Defensa?

Miguel Ángel, contentiño polo choio
Fotografía: Interviú
Seguridad Integral Canaria; que é a empresa de Miguel Ángel Ramírez, condenado por un delito contra a ordenación do territorio por construír nunha zona protexida. 
O tamén presidente da UD Las Palmas (cando un vale, hai tempo para todo) foi indultado polo goberno en 2013 e agora continúa conseguindo contratos millonarios para protexer edificios (entre eles, os de varios ministerios, incluído o de Defensa) e servizos de transporte.

Por que será? 
Non hai máis que velo. Quen podería resistirse a un home tan riseiro? Ben se ve que é boa xente.

Dicionario visual. Xoaniña

Coccinela septempunctata
Enlace ao cancioneiro recollido polo CEIP Espiñeira-Aldán, que contén algunha cantiga sobre a xoaniña en mp3: 

xoves, 11 de setembro de 2014

Dicionario visual. Loba-o

Fotografía polémica de José Luis Rodríguez
Canis lupus

Verlle as orellas ao lobo: intuír un perigo.
Viches o lobo?: Seica toleaches?
Lobos te coman!: maldición.
Na boca do lobo: en perigo inminente.
Quítalle lobos!: Non esaxeres!
Lobo con pel de ovella: persoa de aparencia manseliña mais pouco de fiar.
Lobo de mar: mariñeiro experimentado.
Lobishome; lobo da xente: licántropo.
Lobicán: froito do cruzamento entre can e loba ou lobo e cadela.
Lobeto: cría do lobo.

Enlace á wikipedia: O lobo na cultura popular galega

Monoulious Dop. Jalando

Monoulious Dop, trouleando en Noia (con moito máis xeito que o Enriquito)

Dicionario visual. Tiracroios

Fotografía de Andrés Martínez galardoada co Premio Nacional de Fotoperiodismo 2014. O Cairo (Exipto)


luns, 8 de setembro de 2014

Calamar*. The Homens

Este videoclip xa ten un tempiño, mais paga a pena rever a magnífica animación de Fundación Intemperie (Roi Fernández e Isaac Cordal). 



* "Calamar" é un castelanismo. A forma galega prescrita pola RAG e os dicionarios de Xerais, Galaxia e Cumio para o termo científico Loligo vulgaris é "lura". Esoutro cefalópodo meirande (Todarodes sagitattus) chámase "pota".

sábado, 6 de setembro de 2014

O deber cumprido

Hai ano e medio, o bombeiro da Coruña Roberto Rivas negouse a participar no desafiuzamento de Aurelia Rey.
Este xoves asistiu ao xuízo que se celebrou contra el por alteración da orde pública, froito dun expediente aberto pola Subdelegación do Goberno que, ademais, o sancionou cunha multa de 600 euros que el recorreu.
Roberto conta co apoio da cidadanía, que comprende e valora cando un traballador cumpre co seu deber real por riba de ordes espurias.

A raposa a coidar das galiñas

Magdalena, preparada para inspeccionar:
- Ollo ao piollo!
Obrigada a abandonar o cargo de vicepresidenta do BEI (Banco Europeo de Investimentos) pola súa imputación na fraude dos ERE, a socialista Magdalena Álvarez acaba de solicitar a súa reincorporación ao posto de inspectora de Facenda.

Lembremos que a xuíza Mercedes Alaya lle impuxo unha fianza de 29,5 millóns de euros por considerala responsable do sistema que permitiu a malversación dos fondos públicos para os ERE, que foi aprobado cando ela dirixía a consellería andaluza encargada das finazas. A perversión do método radicaba na autorización dun plan de transferencias dos pagamentos destinado a escapar aos controis dos interventores.

martes, 2 de setembro de 2014

Rajoy I de Sotomayor

A pasada fin de semana o PP celebrou a súa xuntanza anual co gallo do inicio do curso político (pero é que aprobaron en xuño?)  no Pazo de Soutomaior, rebautizado polo presidente español como Sotomayor. Non podemos evitar a morriña rememorando aqueles tempos de creatividade lingüística que deron orixe aos simpáticos Niño de la Guía, Sanjenjo, Villanueva de Arosa ou híbridos como Puenteareas, La Estrada... (non vexades imposición, censura ou interferencia lingüística onde só latexa unha sa fusión multicultural) e tantos e tantos topónimos nacidos de mentes orixinais que só pretendían innovar cos seus neoloxismos.




Rajoy I de Sotomayor co seu vasalo,
o Cabaleiro Feijóo-oh-oh-oh-oh




Lei 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG 14.07.1983)

Artigo 10 

Os topónimos terán como única forma oficial a galega.

Corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia. O nome das vías urbanas será determinado polo Concello correspondente. 

Estas denominacións son as legais a todos os efectos e a rotulación terá que concordar con elas. A Xunta de Galicia reglamentará a normalización da rotulación pública respectando en todos os casos as normas internacionais que subscriba o Estado.

Pacientes do Terceiro Mundo: doentes de terceira

As compañías farmacéuticas multiplican os seus esforzos para seren as primeiras en conseguir o tratamento que elimine o virus letal do Ébola e as súas accións levedan nas bolsas, coma o bo pan baixo o pano, ante o lucrativo negocio que se aveciña.
Hai pouco, presionada pola elevada porcentaxe de mortaldade, a OMS autorizou a experimentación de novos medicamentos con humanos en determinados casos sen esperanza, e mentres en África xa morreron máis de 1.500 enfermos (de arredor duns 3.000 contaxiados), só temos noticia de que o soro milagreiro lles fose administrado a media ducia de pacientes occidentais. 

Fotografía de Dominique Faget

luns, 1 de setembro de 2014

Rabuñadas de agarimo

Unha gata salvou recentemente unha familia australiana de morrer abrasada no incendio do seu fogar. O dono durmía tranquilamente cando a micha comezou a rabuñarlle a cabeza insistentemente para que acordase.
Hai poucos meses, outra gata salvaba un cativo estadounidense ao se enfrontar a un can que xa o trabara. Déixovos aquí o vídeo dunha cámara de seguridade que gravou o suceso.

105 bebés devorados

Os membros dunha tribo indíxena dun recanto do hemisferio Norte veñen de dar conta de máis de un cento de cochos, que degustaron logo de os asaren mediante a técnica ancestral do espeto. 
O suceso tivo lugar na parroquia morañesa de Amil o pasado domingo e contou coa presenza de arredor de dous mil comensais, que non dubidaron en meterlles o dente aos ranchiños, exemplares inmaturos do animal totémico do que afirman as lendas atávicas deste pobo primitivo que todo lle pode ser aproveitado.

O antes e o despois de dúas das vítimas inocentes deste rito gastronómico