Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

venres, 31 de xaneiro de 2014

Mudanzas e mudanzas

O Concello de Barcelona reclámalle 157.000 euros a un pensionista por colocar carteis nos farois anunciando os seus servizos como transportista de mudanzas. (Por practicar economía somerxida para subsistir -que saibamos- ninguén lle pide contas, polo de agora. Todo se andará).

A Axencia Tributaria dá por boas tres facturas de 69.990 euros (o caso aféctalle á filla do que mata paquidermos, pero isto é só casualidade) que anteriormente cualificou de falsas e agora de "simuladas". Con esta mudanza de nome, xa non hai delito. 
(Recordade, meniños, que importante é estardes atentos nas clases de lingua. Nunca se sabe cando imos precisar botar man da creatividade lingüística).

75 anos (máis?) aguantando a respiración

Mariscando no areal contaminado

A Xunta continúa prorrogando concesións a Ence e Elnosa en Pontevedra (a última, o 31 de decembro). Malia rematar o período de permanencia en 2018, xa empezamos a ver manobras para continuar nas mesmas outra volta, a pesar da toxicidade manifesta da industria e pese á oposición veciñal.


Vista aérea do complexo Ence-Elnosa, na Ría de Pontevedra
O mercurio, metal neurotóxico verquido pola empresa durante decenios no areal de Lourizán polo uso dunha tecnoloxía obsoleta, segue alí. As fugas de ácido clorhídrico, espalladas no ar e sempre minimizadas pola empresa, conseguen colocar os pontevedreses no podio das afeccións respiratorias e pulmonares. Que grande honra!

xoves, 30 de xaneiro de 2014

Acróstico para Adrián

Val d´Aran

Afectuoso e moi traballador,
Dilixente e esforzado mozo.
Rendendo sempre ao máximo,
Ilusionado sae do ocioso pozo.
Ángulos serán derrotados, pois
Nada cansa cando sobra gozo .

mércores, 29 de xaneiro de 2014

Non podo vivir sen min

"Non podo vivir sen min" é o retrouso da última canción do musical "Bye-bye, honey", de Obras Públicas, ao que asistín o 26 de xaneiro en Compostela (como era domingo, día do espectador: 5 euriños, nada máis).

Tres actores-cantantes e mais tres músicos (dirixidos por Jose Prieto, autor asemade do texto) enchen o escenario cunha historia dramática que consegue facer rir e emocionar o público con esa amargura aceda que provoca unha realidade difícil e cercana (a familia, o alcohol e outras drogas, o abandono escolar, o paro, a prostitución, o suicidio, a violencia de xénero...). 

Enormes César Goldi e Carlos Mosquera Mos. O veterano, cunha enerxía desbordante que nos facía escachar coa risa cando estaba en segundo plano; o mozo, practicando impresionantes mudanzas de aspecto ante os nosos ollos con cada cambio de personaxe, sen necesidade de maquillaxe nin apenas accesorios.
Loureiro especial para Iolanda Muíños: que espectáculo de muller cantando, bailando e actuando. Intensidade en todas as cancións, do rock á pachanga, da copla ao blues... Voz impresionante e interpretación que nos sacode apoiada nuns textos ás veces desgarradores.

E que ben resume a canción final o que está a pasar no mundo do teatro e da música, da cultura en xeral, desprezada e desprazada polos mangantes (perdón, magnates) do goberno, que queren afastala da maioría encarecéndolle o ive... E que reconfortante é comprobar canto talento hai no país. Dá xenio ver como a xente que vale aposta por si mesma arriscándose na autoprodución para manterse na profesión e para que o pobo non se vexa privado do acceso á cultura (desconto importante no custo da entrada para os desempregados).

Déixovos aquí o tráiler promocional do espectáculo, recomendándovos encarecidamente que vaiades velo se tendes ocasión. 

Días raros




Intermitentes liñas
escritas con luz
cobren as fendas
e agrandan iris:
restauran días.

Delicados cambios
nas asépticas ondas
sorprenden:
remendan fibras
sen roce nin ruído.

Como cálidas folerpas
suaves e sabias,
brancas e leves,
esvarando lentas
sobre a casa fría.

                                                                                                    A Churrusqueira

martes, 28 de xaneiro de 2014

Marea branca 2 - Lasquetty 0

1º tempo: gol na rúa
2º tempo: gol nos tribunais

Libre mercado: que gran liberdade!

Como é posible que esteades pensando en mudar de coche, aquí vos presento o Mercedes SL600, totalmente recuberto de cristaliños swarovski. O único dilema será escollerdes entre a versión prateada e a dourada. Que fashion!

O cerebro humano é infinito cando se trata de explorar os límites da estulticia:
non aparecen os marcos por ningures

Catro cousiñas sobre Coca-Cola


Latas personalizadas cos nomes dalgúns despedidos
1- Coca-Cola ofrece 80 millóns de euros para que o estadio Santiago Bernabéu leve o seu nome.
2- Coca-Cola vai pechar catro plantas embotelladoras en España para aplicar os ERE que faciliten o despedimento de 750 traballadores.
3- Grazas aos cambios na lei feitos polo goberno do PP, as prexublilacións que afectarán á metade dos despedidos pagarémolas entre todos.
4- Segundo a propia empresa, Coca-Cola gañou case 10.000 millóns de dólares en 2013.

luns, 27 de xaneiro de 2014

Última gallardonada

Gallardón amosando o seu encefalograma
Resulta que a nova lei do aborto vai ser boa para a economía porque seica vai incrementar a taxa de natalidade...

Daquela, a miña proposta consiste en facer obrigatoria a maternidade. Si, señor; que hai por aí moita señoritanga que quere manter o tipo e por iso non ten fillos. Ou que prefire andar de marcha antes que quedar na casa coidando da familia. Hai incluso mulleres que pensan que hai que ter traballo e diñeiro para criar... parvada completa, visto que os países pobres producen máis meniños que os ricos. E as peores de todas, as que din que non queren ter fillos, que non necesitan ser nais para se sentiren realizadas (que carallo será iso de sentirse realizada?).
Propoño 2,5 fillos por muller en idade reprodutiva, como mínimo; e á que non colabore: cárcere ata que quede preñada nun "vis a vis". Non se pode andar pola vida con ese egoísmo e insolidariedade, sen preocuparse pola pirámide demográfica invertida que nos conduce ao caos. Por favor... que falta de valores, que libertinaxe, que "living la vida loca"!

Alimentación global: fame, enchente e comida lixo

Envíame Luis un enlace ben interesante a un vídeo no que Esther Vivas (licenciada en Xornalismo e Máster en Socioloxía) do Centro de Estudos sobre Movementos Sociais da Universitat Pompeu Fabra nos explica como funciona o sistema agroalimentario global. 
Resúmovos aquí a súa exposición, atinada e clara, e no fondo da entrada tendes o enlace ao vídeo.

Obra de Pawel Kuczynski
Toda a cadea alimentaria, desde a produción ata o momento do consumo final, está deseñada por e para que un puñado de empresas distribuidoras se lucren (Alcampo, Carrefour, Mercadona, Eroski, El Corte Inglés...). As empresas deciden qué comemos e canto pagamos. Apostando por un modelo globalizado, xeran fame nun planeta con abundancia de alimentos, acaban co campesiñado e inciden drasticamente no cambio climático, co único obxectivo de beneficiar as elites político-económicas no Norte e no Sur, mediante a privatización da terra e as sementes.

Desde os anos 60, a produción de alimentos triplicouse no mundo. No entanto, a poboación só se duplicou. Pero a fame continúa: 1 de cada 7 persoas non ten acceso á comida, porque ao estaren en mans privadas a terra e as sementes, o diñeiro vólvese imprescindible.
Os mesmos suxeitos que ocasionaron a crise coas hipotecas lixo e subprime son os que hoxe especulan coa comida na bolsa. No parqué decídese artificialmente o prezo dos cereais: o alimento básico dos máis pobres, que dedican un 80% dos seus ingresos ao pagamento da alimentación. Cando desde os mercados se especula para duplicar o prezo do millo ou do sorgo, p.e., a poboación non pode pagalo (como aconteceu no verán de 2011 en Somalia e Etipoía).

Para explicar as épocas de fame aguda nunha zona, os medios de comunicación recorren a causas meteorolóxicas ou bélicas, pero a verdadeira orixe radica na política alimentaria executada por quen controla os recursos. Podemos exemplificalo co que acontece no Corno de África: nos anos 70 e 80 os países da zona producían alimento suficiente para nutrir toda a súa poboación; hoxe en día, non. Obrigados a abrir as súas fronteiras ao "libre mercado", as empresas do Norte venden a prezos por baixo do custo de produción os excedentes xerados grazas ás subvencións recibidas na Unión Europea e en EE.UU. aos países do Sur. Deste xeito, o arroz haitiano en Haití é máis caro que o estadounidense, o leite europeo no Senegal é máis barato ca o autóctono... Conséguese así acabar co campesiñado local e crear inseguridade alimentaria na zona.

Outro problema xerado pola política agroalimentaria actual derívase do petróleo, necesario non só para transportar alimentos a distancias esaxeradas, senón tamén para producir pesticidas e fertilizantes. Como os combustibles fósiles serán cada vez máis caros, a comida tamén o será. 

"Paradoxicamente", conforme aumentou a produción agraria, a agrodiversidade diminuíu considerablemente: nos últimos cen anos, segundo a FAO, descendeu nun 75%. Por que? Porque só se produce aquilo que necesita a industria: produtos de boa aparencia que poidan ser transportados a miles de quilómetros. 
As sementes, antes patrimonio da poboación, que podía conservalas e intercambialas, hoxe son privadas: un 70 % do inzo está en poder de dez empresas comercializadoras.

Por outro lado, a saúde da poboación empeora. Aumentan as doenzas derivadas dos uso de pesticidas, potenciadores do sabor, fertilizantes químicos e transxénicos. No entanto, o gasto derivado do tratamento das enfermidades (como as alerxias) socialízase e é pagado por todos e non polas empresas causantes.

Talvez unha das maiores falacias na que se empeña a industria é na idea de que os transxénicos son necesarios porque se necesita máis comida para acabar coa fame. Xa vimos que o problema non é unha falta de produción, senón de democracia na política alimentaria. Por outra banda, os transxénicos impiden a existencia de agricultura biolóxica e mesmo convencional, xa que as sementes viaxan polo aire e acaban contaminando calquera tipo de plantación. Debemos destacar aquí que en España están autorizados e existen cultivos transxénicos prohibidos en Alemaña, Francia, Suíza ou Grecia.

A orixe da crise alimentaria global está no modelo político: o capitalismo promove un consumo compulsivo e irracional unicamente para se soster, creando necesidades artificiais e logo artellando a ideoloxía sobre a que poder seguir asentándose: o escepticismo. A  crenza de que somos os culpables da crise por vivir por riba das nosas posibilidades e de que non se pode facer nada para que as cousas muden. As accións individuais son imprescindibles para tomar conciencia e para vivir coherentemente, pero só a acción colectiva pode establecer un cambio de paradigma político.

http://r-evolucion.es/2013/06/23/lo-que-debes-saber-de-carrefour-alcampo-el-corte-ingles-mercadona-eroski-y-grandes-superficies/

domingo, 26 de xaneiro de 2014

"Trainspotting" á galega

Navegando pola rede encontrei uns vídeos con moita chispa duns retranqueiros que se fan chamar Pichel Brothers. Malia buscala, non encontrei información sobre os autores dunhas dobraxes á galega ben enxebres. Déixovos unha pequena mostra, a súa particular versión dun fragmento de Trainspotting (a mellor película sobre mocidade e drogas que eu recorde)
Cando teñades ganas de botar unhas risas podedes pescudar outros traballiños destes "irmáns" na internet, teredes diversión garantida...

sábado, 25 de xaneiro de 2014

Contra o fracaso escolar?

Obra de Pawel Kuczynski
Unha das "innovacións" da LOMCE para mellorar -segundo Wert- as cifras do fracaso escolar consiste na incorporación ao sistema de probas de avaliación externas ás dos centros escolares ao final de cada etapa. Pártese da premisa de que se obterán uns resultados máis obxectivos que incentivarán o alumnado a prepararse mellor.

Daquela... a escola do futuro é a que clasifica os alumnos sen coñecelos, como obxectos medibles, sen ter en conta as circunstancias e a personalidade de cadaquén, o traballo diario na aula, a súa conduta na vida cotiá? 

Non sei se guiarse por exames puntuais externos pode conducir a unha maior obxectividade nas medicións... o que sei seguro é que os resultados obtidos NON serán xustos, porque (pásmese, señor ministro) os alumnos son persoas; non son futuros traballadores, nin futuros votantes, nin futuros emigrantes... Son persoas nun estadio da vida no que a obriga de toda a sociedade é procurar que avancen (todos e todas, non só os que obteñen boas cualificacións) e adquiran as ferramentas para chegar a dar o mellor de si mesmos (e dar o mellor de un vai moito máis alá de resolver ecuacións e fórmulas, lembrar acontecementos históricos ou saber comentar un texto). E precisamente o alumnado con máis dificultades é o que debe esixir máis esforzo de todo o sistema, porque as eivas e os atrancos que non se solucionen na escola (e que rara vez teñen que ver coa capacidade intelectual dos rapaces), dificilmente poderán ser superados máis adiante ou fóra das aulas.

xoves, 23 de xaneiro de 2014

Xulísima!


Micropoema da balanza e as cereixas

Fotografía de Chema Madoz








A balanza e as cereixas




O equilibrio da balanza 
certifica a xustiza magnífica dos pares, 
iguais -sen seren idénticos- cando se abrazan.

                                   A Churrusqueira

mércores, 22 de xaneiro de 2014

Bilingüismo cordial

Curtametraxe de Daniel Villaverde

Micropoema da sombra da culler

Fotografía de Chema Madoz

A sombra da culler



Falsa aparencia de redondez,
desvelada pola sombra, 
que revela a intención dentada...
ou pantasma rebelada 
do compañeiro ausente.

                                            A Churrusqueira

martes, 21 de xaneiro de 2014

Non son putas

Lenzo de Yolanda Dorda
Unha adolescente romanesa de quince anos, localizada pola policía en Santiago mentres fuxía do clan mafioso moldavo que a explotaba, é só o último exemplo de que o tráfico de persoas segue sendo un negocio moi lucrativo consentido en todo o mundo. A rapaza era violada (non hai outra palabra) entre quince e vinte veces ao día no Club La Perla, situado na parroquia da Escravitude (o topónimo non podería ser máis ao xeito), en Padrón.

En Galicia existen uns 400 prostíbulos nos que son maltratadas entre 2.000 e 4.000 mulleres diariamente, grazas á existencia dunha cultura machista que perpetúa o abuso de poder contra o xénero feminino e que segue xustificando a existencia dos clubs e do "oficio", amparándose na falacia de que hai mulleres que escollen libremente esa vida.

NON SON PUTAS: son persoas (tamén hai homes e nenos, pero menos) escravizadas por outros seres humanos: os que cobran e os que pagan. Tanto monta, monta tanto.

Micropoema da esqueira e o espello II

Fotografía de Chema Madoz



A esqueira e o espello

Tres tristes travesas 

perdidas na travesía 
da orixe ao reflexo 
fican suspendidas 
- eternamente-
ao outro lado do espello.

                                    A Churrusqueira

luns, 20 de xaneiro de 2014

A ver quen a di máis ghorda...

O novo cardeal, Fernando Sebastián, cualifica a homosexualidade de deficiencia que pode ser tratada (como a súa hipertensión).


A Churrusqueira di que a Derradeira Cea foi unha reunión mooooi gay...

Cifras ao chou

Custo real da fichaxe de Neymar............................ 95.000.0000 de euros
(O presidente do Barça, Rosell, declarara 57.000.000 de euros)

Facturas falsas de D&M para UXT por material de oficina.... 238.000 euros

Débeda do Dépor tras os 25 anos de Lendoiro........ 160.000.000 de euros

Salario anual de Solbes, ex-ministro de Economía, en Enel.. 130.000 euros
(Máis de 20 ex-membros dos gobernos españois cobran das eléctricas)

Diñeiro de Bárcenas en Suíza................................... 50.000.000 de euros

Salario base .............................................................. 654,30 euros/mes

Subsidio por desemprego................................................ 426 euros/mes

domingo, 19 de xaneiro de 2014

Mocidade real

Existen moz@s pantasmas. Viven como espectros en mundos virtuais, enredados entre fíos de ondas invisibles que os ennobelan sen acabar de conectalos. Habituados a universos paralelos, as rúas cotiás semellan para eles outro planeta no que lles custa desenvolverse. Agrúpanse en rabaños de bebedores compulsivos de fin de semana, a miúdo coa permisividade de pais e nais, máis preocupados polos resultados académicos que pola felicidade d@s fill@s. Para celebracións especiais alugan (co diñeiro de papá e mamá) casas rurais que destrozan por diversión en poucas horas, imitando películas de difusión global. Quedaren sen i-phone sería a súa maior traxedia. O seu desinterese pola política (que confunden cos políticos) é o ingrediente ideal para perpetuar a corrupción e a inxustiza. 

Existen nov@s reais. Estudan, traballan, crean. Usan o whatsapp pero tamén conversan cara a cara. Saben falar con persoas doutras xeracións e na rúa están no seu ambiente. Transitan sen trauma do rato ao monopatín, da tecla ao boli, do libro de texto á acción solidaria. Organízanse en grupos que comparten intereses para se axudaren e axudar á comunidade da que forman parte. Probablemente desconfían dos políticos (quen non?) pero actúan social e organizadamente (fan política da boa: a que busca un mundo máis xusto e igualitario).

Tres colectivos xuvenís da Estrada decidiron regalar o seu tempo e esforzo para rehabilitar a estación de autobuses da vila, propiedade da Xunta de Galicia e cedida á empresa La Estradense en réxime de concesión. A planta baixa encóntrase nunha situación lamentable desde hai ben tempo, entregada á ruína dos botellóns, das humidades e do abandono indolente. A rapazada comezou facendo tarefas de limpeza e proseguirá con obras de pintura e amaños (en canto poidan dispor dos materiais prometidos polo alcalde) co fin de acondicionar as instalacións para unha futura Casa da Xuventude. Esta mocidade real non senta a esperar subvencións ou instalacións sufragadas por organismos oficiais. Talvez conscientes de que o ombro sempre o deben arrimar os mesmos, elas e eles agarran con entusiasmo alegre o angazo e a baeta para amañaren o que outros estragaron.
Porque nos dan leccións a tod@s (e sobre todo a algúns, que deberían tomar nota)...

Así se fai!

Bravísimo a

Big Bang (asociación de voluntariado) 
Launch Systems Skatesboard (skaters)
Colectivo LC Fam (hip-hop: rap e música electrónica)

Alonso de la Cantera e Annie Sánchez (coordinadores)

sábado, 18 de xaneiro de 2014

II Festival Rock Metamovida

Concertazo onte (na Capitol de Compostela) con Unicornibot, Cró!, Guerrera e Orquesta Metamovida.
Fin de festa apoteótico co colectivo que os agrupa improvisando ao ritmo de Bólas de Dragón na pantalla xigante e co público entregado a un berro unísono... (por certo, eu nunca vira tanta barba xunta).

Aquí vos deixo un vídeo de Cró!: "Xixpa"


E aquí, as ghitarrazas, o baixo e o batería ghrande ghrande de Unicornibot interpretando "Abril Cerrar"

Gamonal 1 - Caciques 0

Vitoria para o pobo, a pesar da maioría dos medios de comunicación

Micropoema da esqueira e a escaleira

Fotografía de Chema Madoz

A esqueira e a escaleira


Redundancia inútil 
de chanzos e banzos:
barroquismo xeométrico 
de escada, sombra e escaleira 
que comprace os ollos 
mais atrapalla os pés.

                          A Churrusqueira


venres, 17 de xaneiro de 2014

Amor propio

Hoxe tráiovos un vídeo realizado por alumnado de ESO do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas en 2010, mediante a técnica de stop motion.

Parabéns polo traballo ben feito e polo sentido do humor, tan noso.


Nós si que podemos presumir de marca: 
Marca Galicia/Galiza/Ghalisa/Ghalicia/Ghaliza... Somos plusmarquistas!!!

xoves, 16 de xaneiro de 2014

O monte, para os cazadores

A petición dos cazadores, o goberno estatal estuda introducir na nova Lei de Montes un artigo que prohiba a libre circulación dos cidadáns polos montes cando haxa batidas ou montarías de caza maior.
O motivo aducido para tal é a prevención de accidentes, cousa curiosa, xa que a inmensa maioría dos que se producen afecta aos propios participantes nas cazarías. 
O ministro do ramo, Cañete, reuniuse coas asociacións de cazadores, espertando as críticas de buscadores de cogomelos, camiñantes e ciclistas; que poderán ser sancionados por gozar do monte canda os cazadores. As asociacións que representan aos outros usuarios do monte barruntan no texto da nova lei unha estratexia para eximir as federacións de caza de responsabilidade no caso de se produciren accidentes.

Ou sexa, que o monte é de todos; pero dos que van armados, máis.

mércores, 15 de xaneiro de 2014

Micropoema do libro e a coitela

Fotografía de Chema Madoz




O libro e a coitela


Nas follas en branco
dos libros acoitelados,
lectores suicidas 
buscan respostas imposibles.

Nadal, iluminado

Alberto Nadal, observando atentamente a caída da factura da luz
Que non te enteras! Que a luz baixou, que o dixo o secretario de Estado de Enerxía, Alberto Nadal.
Mira que pensar que subiu... que ghaniñas de te amarghar sen motivo...

martes, 14 de xaneiro de 2014

Triángulo versus Cadrado

Cada ano celébrase en Poligoterra o certame para escoller Míster ou Miss Polígono. Os finalistas da última edición foron Cadrado e Triángulo. Na fase decisiva, os competidores debían debater sobre a propia beleza para convencer o xurado da súa superioridade estética. O sorteo ante notario decidiu que a primeira quenda de palabra lle correspondese a Triángulo.

Triángulo: - A evidencia da miña fermosura vénse manifestando desde hai milenios, pois xa os antigos exipcios me escolleron para deseñar as catro caras das pirámides, únicas marabillas da Antigüidade que aínda se manteñen en pé.

(Aplausos entre o público xeométrico).

Cadrado: - Certo. Mais para soster os catro triángulos de cada pirámide, eu son imprescindible. Eu son a base, o alicerce necesario que consegue esa permanencia no tempo.

(Asubíos e bravos dan a vitoria dialéctica a Cadrado).

Triángulo: - A miña valía reside na versatilidade. Podo ser equilátero cando busco xustiza entre os iguais, pero son escaleno se apousento nunha base firme. Isósceles para acurtar a distancia entre dous iguais e cando rectángulo, inspiro a Pitágoras o teorema máis famoso da historia, cunhas proporcións perfectas de 3-4-5. Son variable e por iso sei adaptarme ás necesidades de cada tempo. 

(Vítores dos máis afeccionados ás matemáticas).

Cadrado: - É verdade o que dis, estimado Triángulo. No entanto, o meu valor é xustamente o contrario. Eu son digno de confianza porque non mudo. Saia o sol ou chova a cachón, eu mantéñome na firmeza dos meus catro lados eternamente idénticos, cos meus catro ángulos de 90º xustos. 

(Vítores dos polígonos proletarios e desaprobación entre os de liña máis elevada).

Triángulo: - Queridísimo Cadrado, ese equilibrio teu faite aborrecedor. Esa inmutabilidade é exasperante, ningunha sorpresa se pode agardar de ti, porque sempre es igual. Non sabes reaccionar nin evoluír...

(O balbordo aumenta. O argumento é de peso).

Cadrado: - Ti, no entanto, atacas a miúdo con agresivos ángulos agudos. Dás forma á espada e ao puñal: a túa beleza é letal. A miña, en troques, é calma e pacífica. Eu inspiro casa sinxelas, fogares naif debuxados polos pícaros en todo o orbe.

(Agora case se veñen abaixo as bancadas en apoio a Cadrado).

Triángulo: - Esas casas das que falas deixarían a xente á intemperie se non fose por min, que constitúo o tellado universal do imaxinario infantil. Sen min, a choiva e o sol farían inhabitables esas vivendas. Son o remate perfecto para ti e sempre te coroo, porque o meu lugar natural é a dominación, por dereito xeométrico. Incluso o mesmo Deus precisa de min para inserir o seu ollo ciclópeo que todo observa.

(Aquí, as formas humildes que non chegan a polígono, convidadas ao evento (o punto, a liña recta e a curva) abouxan estrondosamente o fachendoso Triángulo).

Cadrado (tras unha pausa reflexiva): - Xa que tanto che importa, o lugar preeminente debe ser teu. Abandono a competición e cédoche a honra de seres Míster Polígono sen loitar. Eu non sabería levar a coroa co mesmo estilo nin provocar o rebumbio dos fans, e ti es a figura ideal para manter o interese e a expectación durante un ano. Recoñezo a túa superioridade estética: equilibrio e arte rara vez van da man.

(Silencio de desconcerto entre o público e miradas cruzadas no xurado).

E esvarando con elegancia, Cadrado baixou do estrado.

                                                                                                                                                A Churrusqueira

luns, 13 de xaneiro de 2014

Deixa o facebook e sae!

Obra de Pawel Kuzcynski

Nacido en Szczecin (Polonia) hai 36 anos, ao artista plástico Pawel Kuzcynski abóndanlle lapis e acuarelas para retratar criticamente o mundo actual. 

Licenciado en Belas Artes, as súas obras denuncian a inxustiza, a corrupción, a ultraxe á natureza, a traxedia das adiccións, etc.



Neste caso, a pintura amósanos a súa visión sobre as redes sociais: plataformas para relacionarse co mundo desde un soto. O individuo renuncia á porta aberta á paisaxe e ao mundo, instalando un "muro" que converte o propio cuarto no seu cárcere.

domingo, 12 de xaneiro de 2014

Micropoema da agulla e a auga

Fotografía de Chema Madoz

A agulla e a auga


Gotas dobremente feridas engárzanse por maxia da agulla punxente para compoñer o rosario líquido dunha chuvia domesticada.

Nunca resulta indolora a mansedume.

                                                      A Churrusqueira

Graffiti de Pontevedra VII


venres, 10 de xaneiro de 2014

En defensa dos neofalantes

Comezarei por dicir que escribo este artigo en defensa dos neofalantes porque os galegofalantes de toda a vida non precisan de defensa ningunha: a lingua é súa máis que de ninguén e sen eles o galego non existiría hoxe. Eles preservaron e preservan a riqueza do idioma en toda a súa complexidade e variedade para todos nós.

Imos, pois, cos neofalantes, entre os que me inclúo. 
Os neofalantes son/somos persoas educadas nun contexto castelanizante (principalmente urbano) que nun momento determinado da nosa vida decidimos, conscientemente e por convicción, escoller o galego como a nosa lingua de instalación.
Procedemos de familias que emigraron das aldeas ás vilas ou ás cidades na busca do que consideraban unha vida mellor. Inmersas no novo contexto, mantiveron o galego como lingua de comunicación entre a parella pero decidiron educar os fillos en castelán, por consideraren que a lingua A era unha vantaxe para o futuro. Esta situación diglósica é de manual: a perda da transmisión xeracional da lingua B en favor da A.
Agora ben, o individuo diglósico non é un bicho raro que decide libremente exercer unha das formas máis crueis de autoodio que pode existir: o rexeitamento da propia identidade expresada na lingua (a verdadeira patria). É a vítima dun sistema inxusto que inocula a crenza, corroborada na práctica, de que para medrar hai que asimilarse aos dominantes.

Acontece que algúns destes fillos criados nas cidades, expostos ás dúas linguas en conflito, reflexionan. E pensan que non está ben que a lingua materna dos seus pais sexa a lingua B, que non está ben deixarse levar e asumir as inxustizas, apousentarse na comodidade e decidir que a súa lingua de instalación e de identidade vai seguir sendo sempre o castelán. Porque, reflexionando, chegan á conclusión de que a única forma de defender o idioma é falándoo. 

Botarse a falar galego non é doado desde o punto de vista social. Cando un castelanfalante dá en facelo, case todo o mundo lle pregunta por que, como se falar galego precisase de explicacións. No entanto, é fácil lingüisticamente (no caso das persoas con pais galegofalantes) porque en realidade o idioma sempre estivo aí: a estrutura, a fonética, o sotaque..., porque o castelán que os seus pais lles falaron só era un galego disfrazado.
Sucede, tamén, que xorden novos encontros e reencontros; porque as únicas persoas que non lles preguntan aos neofalantes por que mudaron de idioma son as súas familias: os pais e os avós. E resulta que as conversas novas son mellores que as vellas e, cos anos, aquelas persoas que pensaban que o castelán era o único idioma conveniente para os fillos, agora séntense orgullosas de que os seus decidisen escoller a lingua estigmatizada. E esa elección failles pensar que, despois de todo, a súa lingua, vale.

xoves, 9 de xaneiro de 2014

Migueliño

Obra de Atsuko Tanaka

Migueliño era un cativo faladeiro que tiña nomes para todo: cereixa cabezolo auga caldeiro aldea coche lúa monte toxo quérote non me manques ven por min hostia verdade nai que te fixo teño medo...

Caeron as follas de trinta almanaques.

Miguel atesoura as palabras, por medo a delatarse. Vai facendo un nobelo interior con todas as que silencia. A madeixa medra e medra e medra... Algún día rebentará.

                                                            A Churrusqueira

Graffiti de Pontevedra VI


mércores, 8 de xaneiro de 2014

Verdades como puños (aínda que perda lector_s)

Verdade nº 1:
O galego é a única lingua do pobo galego.

Verdade nº 2:
A lingua é o único que nos define e nos integra como pobo.

Verdade nº 3:
Os colonizadores sempre lles fan crer aos colonizados que escolleron libremente a submisión.

Verdade nº 4:
O marisco, a gaita, as vacas, o narcotráfico, mesmo a chuvia... son "folclore".

Verdade nº 5:
O "folclore" pode desaparecer e o pobo manterase se se mantén a lingua.

Verdade nº 6:
Se desaparece a lingua, o pobo morre; aínda que se conserve o "folclore".

Verdade nº 7:
Hai persoas que usan a lingua por conveniencia e non por convicción. (Alá elas!).

Verdade nº 8:
Sen palabras de noso, non somos nós: somos outros.

martes, 7 de xaneiro de 2014

Palabras como plumas

Procuro palabras esponxosas e redondiñas
que agarimen sen abafar,
vocábulos lixeiros e alegres que madruguen pasos,
frases certeiras que atinen na diana
como dondos dardos de peluche.

Busco sintagmas cálidos
que aquezan vellas friaxes,
fonemas como ungüentos cicatrizantes,
consoantes e vogais
balanceándose nos bambáns de cores do parque.

Pescudo nos dicionarios
e na rúa
sílabas suaves, plumas sonoras
para acariñar oídos tenros,
para aloumiñar noites e albas
de seres puros.

                                       A Churrusqueira

Imputada a filla do que mata elefantes

Imputada a infanta Cristina polo xuíz Castro, coa oposición do fiscal Horrach. 
Fiscal: Persoa que representa o interese público ou o do Estado nos tribunais de xustiza. 

Disque dividir o mundo en bos e malos é unha simpleza.
Ás veces é tan fácil!

O fiscal Horrach (á esquerda da imaxe) e o xuíz Castro.

Empeño estéril

Neolin 91
Malfadadas vísceras
obstinadas na rutina
de se estamparen
unha e outra vez
e outra
contra o mesmo muro.

Digo branco
        e nada.
Digo negro
        e nada.
Azul
        e nada.

Se teño cerebro e corazón
empeñados no mesmo empeño,
por que non consigo atopar o clic?

Algodón... e nada.
Puñal... e nada.
Todo... e nada.

Nada
        ...e nada.

                                   A Churrusqueira