Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

mércores, 4 de decembro de 2013

Orixe (mítica) do camaleón

Conta a lenda que hai moitos, moitos anos... no fondo do mar vivía un animaliño pequecho e xeitoso creado pola deusa Zoa. Era un bechiño espelido, que se movía ben nas augas salinas, movendo as súas patas miúdas, flexibles e rápidas. 

De espírito inquedo, o crustáceo Camarón, canso de navegar sempre na mesma corrente, decidiu aventurarse en terra. Con algo de medo, pero tamén coa afouteza que proporciona a inconsciencia da xuventude, o noso amigo emprendeu a viaxe. 

Os anciáns da súa comunidade contáranlle historias de terror sobre a imposibilidade de sobrevivir fóra do medio acuático, de modo que, ao principio, só asomou a cabeciña por riba das ondas. Aguantou un pouco e viu que lle custaba respirar, pero que podía. Cando sentía que as forzas lle fallaban, somerxíase de novo para volver saír ao pouco. Notaba que a súa resistencia aumentaba co esforzo, así que ao cabo dunhas horas xa era quen de sobrevivir fóra do líquido elemento.

Con decisión, botou a camiñar torpemente. As súas dez patiñas parecían querer quebrar a cada paso... Logo duns días de camiñada traballosa, chegou a unha campa aberta e extensa. 

Unha manda de feras dominaba o lugar. Os ruxidos das súas gorxas proclamaban o seu señorío na noite. Camarón achegouse ao grupo con valentía finxida e faloulles con verdade. Este acto de coraxe, proveniente dun ser tan diminuto, namorou perdidamente unha das leoas adolescentes do clan. 

O resto da historia xa podedes imaxinalo: a paixón desenfreada de dous seres que parecían condenados a non entenderse deu orixe a unha nova especie, froito dun amor prohibido. O novo animal, produto da mestizaxe, presentaba características únicas.

Os científicos que acharon o primeiro exemplar deste singular cruzamento deciciron chamalo "camaleón", na honra dos seus proxenitores.

                                                                                                                           A Churrusqueira

Ningún comentario:

Publicar un comentario