Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

martes, 10 de decembro de 2013

O neno máis educado do mundo

Durante os veráns de 1993 e 1994 traballei no programa de lecer para nen@s Ferradura Aberta, en Compostela. Consistía nun conxunto de actividades de tempo libre para a rapazada, con obradoiros variados (encadernación, xornalismo, pandeireta, plástica, teatro...). Todas as tardes de xullo e agosto @s cativ@s achegábanse desde as aldeas (había autobuses de balde) e desde a cidade ao Paseo da Ferradura (na parte da Alameda que dá ao Campus) e pasábano en grande de 4 a 8.

Participaron no programa centos de meniñ@s, pero eu recordo un con especial cariño. Non lembro o seu nome (van alá vinte anos), pero si lembro a súa forma de ser: con nove anos, era o meniño máis educado do mundo. Cariñoso, atento, sempre respectuoso coas regras dos xogos e as quendas, cun falar manseliño e cortés. Era un neno que brillaba entre os demais pola súa dozura e simpatía e por iso gañou o corazón de todos os traballadores e traballadoras de Ferradura Aberta. Mentres estaba connosco era feliz e os seus ollos proclamábano.

A maioría dos rapaces e rapazas que viñan aprender xogando botaban toda a tarde na Alameda, cambiando de taller e de actividade. El, en cambio, só viña unha horiña perdida entre as 5 e as 6. O resto do tempo, o pícaro traballaba limpando os parabrisas dos coches nos semáforos de Romero Donallo.

Sei que é moi difícil ser unha flor no medio do esterco, que é duro, que é un milagre. Pero ás veces esas flores nacen e valen máis que un bosque. Se encontrades algunha, coidádea.

                                                                                                                                        A Churrusqueira

Ningún comentario:

Publicar un comentario