Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

domingo, 5 de novembro de 2017

Esquece Monelos

Na Coruña había un río chamado Monelos. Secuestrado e contaminado polos intereses da industria, hoxe navega paralelo a un xemelgo tóxico: o oleoduto. Discorren ambos soterrados baixo a superficie dunha cidade que decidiu canalizalos e ocultalos para non estorbar o desenvolvemento urbanístico e industrial, que privilexiou as arterias viarias artificiais sobre as líquidas naturais.

Sobreviven, no entanto, na memoria das maiores, as lembranzas alegres dos días de miseria, cando as mulleres se xuntaban para lavar ás beiras dos relanzos de auga limpa e fresca, demasiado fría... Morriña dos risos e dos falares- aquilo era unha festa -mais non da friaxe aterecida nas mans que a traída e as lavadoras solucionaron. Recordo de anguías abondosas, de baños infantís onda o muíño, de vacas a pacer nas pradarías amplas. Despois, a sucidade e os lodos, os animais mortos fluíndo, canda unha auga espesa e irisada polas verteduras, deica o mar.

No documental de Ángeles Huerta altérnanse as pasaxes líricas dunha voz en off feminina e os testemuños sinceros dos superviventes dunha época que decidiu renunciar ao río. Dunha banda, as desafiuzadas das vivendas pobres e as chabolas; da outra, os representantes municipais que afirman sen rubor que se daquela lles pedisen instalar a refinaría no Obelisco, alí estaría hoxe.

En paralelo á historia fluvial, un experto en Alzhéimer explícanos o proceso da doenza, como as conexións entre as neuronas van adelgazando e debilitándose até perder a súa función: preservar a nosa identidade persoal, que reside na memoria. A narradora, o fío condutor do filme, monologa acerca da importancia dos silencios nas familias. A encrucillada é esta: o seu pai perde a memoria e ela non sabe gardar segredos. Revelar é rebelarse contra o esquecemento.