Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

martes, 28 de febreiro de 2017

Dicionario visual. Transfobia

Traio hoxe esta palabra ao dicionario visual porque seica anda por aí o bus dunha organización ultrarreaccionaria a exhibir sentenzas daniñas contra as nenas e os nenos.

A transfobia é a aversión irracional que alguén sente por outras persoas, ás que tenta invisibilizar, negar ou desprezar, baseándose na crenza de que a identidade sexual de cadaquén non reside no seu cerebro, senón nos seus xenitais.

Dicionario visual. Canal

sábado, 25 de febreiro de 2017

Dicionario visual. Micromecenado


Malia non aparecer aínda recollido nos dicionarios, o termo micromecenado xa goza dun considerable espallamento nos medios de comunicación para denominar esa forma de xuntaren cartiños as persoas con proxectos. Un gran non fai celeiro, mais axuda o compañeiro; diso se trata: da colaboración de moitos pequenos para conseguir un ben que excede as posibilidades individuais.

martes, 21 de febreiro de 2017

Graffiti dos Peares. Doa Oa Ocampo

Así campa o traballo de Doa sobre un dos moitos edificios deshabitados da aldea-encrucillada dos Peares. Xunta a estación de tren, noutrora buliciosa, érguense vivendas e locais de xenerosa fasquía que dan conta dun pasado máis próspero ca remoto. A maxia dos artistas (hai un mural -tamén magnífico- de Miguel Peralta ben preto) consegue transformar as paredes en lenzos colosais e marabillosos, mais non pode resucitar a vida interior doutros tempos. Mágoa!

sábado, 18 de febreiro de 2017

venres, 17 de febreiro de 2017

Palabriquiñas. Espirucar

Se nun período de 48 horas dúas persoas che explican cadansúa palabra de uso familiar, mais ausente dos dicionarios; non che queda máis remedio ca abrir un subapartado lingüístico no blog. Xorde así este acubillo antetitulado Palabriquiñas (a orixe etimolóxica do termo é tan, tan, tan transparente coma as pingas da rosada de boa mañá: palabra + riquiña), onde irei recollendo as voces inéditas que cheguen a min como gratas sorpresas, sen andar eu na súa procura.

Como se ve na imaxe, inaugura o novo espazo o verbo espirucar, do que me informa Manuela Rodríguez Pérez, alumna ourensá con ascendencia procedente das aldeas de Varalongo e Nogueira, no concello de Nogueira de Ramuín. Cóntame que talvez o vocábulo, de uso común por aquela contorna, proveña do barallete (a xerga dos afiadores-paraugueiros, tan abondosos noutrora polas anteditas terras).

Velaquí a definición e mais os exemplos de uso achegados pola miña informadora:

Espirucar é chuchar e aproveitar ao máximo a carne, o zume ou calquera susbtancia dun óso ou dunha superficie, ata deixalos completamente limpos. 
En sentido figurado pode aplicárselles ás persoas cando alguén se aproveita delas nun grao máximo.

Ex.: Moito me presta espirucar os ósos da soá. Espirúcalle ben o fondo de caramelo a esa tixola. Desaproveitas moito as costeletas, espirúcalles ben o óso! Espiruca mellor as carabuñas das cereixas, que son para sementar. Non deixes aí ese licor café, fai o favor de espirucar ben o vaso! Todos os días me pides favores e nunca cansas; non has parar ata espirucarme.