Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

martes, 9 de decembro de 2014

Ollos que non ven...

Gústame ler os xornais polas mañás, mentres saboreo un cafeíño con leite (ou dous). E rara é a semana que non encontro unha columna con foto de denuncia criticando os vándalos que seica emporcan as nosas vilas coas súas pintadas, sen respecto pola propiedade pública nin privada.
Cargan as tintas sobre os escritores dos muros e (case)* ninguén levanta a voz contra os rótulos que anuncian intereses privados, como se o feito de pagaren un imposto ás arcas locais ou autonómicas lexitimase o bombardeo publicitario ao que nos someten, queiramos ou non. 

Aparecen tamén, de cando en vez, nos periódicos, alusións ás casas en ruínas, a inzaren coma plantas daniñas nos centros históricos, tan abundantes que mesmo resultan perigosas para os peóns. Camiñarmos abeirados ás súas fachadas significa expoñérmonos á caída fortuíta dalgunha que outra tella ou anaco de cornixa pétrea. Escúsanse os munícipes na dificultade para encontrar os donos e obrigalos a rehabilitaren as súas propiedades, mais abondan os casos nos que as construcións son de titularidade pública. En calquera caso, non coñezo exemplos nos que se adoptasen medidas contundentes, como a expropiación dos bens abandonados ao desleixo (se cadra á espera dalgunha operación especulativa que proporcione pingües beneficios).

No entanto, non encontro (apenas) na prensa críticas aos cables aéreos empeñados en cruzar o ar de todos, importunando a vista do ceo e do horizonte. Fíos e máis fíos de luz atravesan de casa en casa o espazo sen que parezamos decatarnos da súa presenza, de tan afeitos que estamos a velos.
Acontece, pois, que non se miden coa mesma vara todas as agresións contra o espazo público e privado, como se as perpetradas por unha grande empresa eléctrica co beneplácito dos concellos fose un tributo ineludible ao progreso (nin pensar na posibilidade de soterrar as liñas).

Será que os ollos non ven o que non queren ver? Ou será que á forza de saturarnos a vista con sinais, rótulos, carteis, valados, cables, neons... o noso cerebro decidiu deixar en suspenso a función da ollada consciente para non entrar en colapso?

* Se premes sobre a palabra destacada, accederás á canción É de todos (DKTC), que aborda este tema.

Ningún comentario:

Publicar un comentario