[Sinónimo: dactilografar.]
domingo, 27 de decembro de 2015
xoves, 24 de decembro de 2015
Penedo zoomorfo
Esta é a fotografía ampliada dun penedo situado ao carón do río Oitavén, preto do lugar de Liñares, no concello da Lama. Non parece talmente un animal narigudo descansando?
mércores, 23 de decembro de 2015
Carta de recomendación, Morrer de pracer & Contos. Luís Pirucha
Hoxe quero recomendarvos un blog que contén relatos breves e poemas da autoría dun mozo ao que non lle gusta ler literatura, segundo confesa nun programa televisivo (no que atinxe á sinceridade, parece que imos ben). Escritor compulsivo ao que de cando en vez lle gustaría poder reprimir esa febre creadora, difunde o seu traballo por terra (postes, muros...), mar (redes varias) e aire (ondas televisivas); ademais do tradicional papel (cun prezo máis que razoable de 4 euriños polo libro autoeditado Luisteratura).
Velaquí vos van tres mostras tiradas do seu sitio (MINISTERIO DE ASUNTOS LITERARIOS) e, a pé de páxina, o enlace para accederdes ao tal.
_____________________________________________________________________
CARTA DE RECOMENDACIÓN
Á atención do departamento de Recursos Humanos da empresa Madeiras Murta:
No referente á nosa experiencia co traballador Luís Pirucha, podemos confirmar que fixo parte do cadro de persoal da nosa empresa entre maio de 1998 e novembro de 2000. Durante ese tempo desempeñou unha única tarefa: mozo de ouriñal, o posto máis baixo da nosa fábrica. Asistía ás persoas que ocupaban as máquinas á hora de facer as súas necesidades. Desenvolveu o traballo maxistralmente, axudando a que ninguén perdese nin un segundo indo ao cuarto de baño. Grazas a iso a produtividade da fábrica aumentou nun 47%. Merecedor dun ascenso, optamos por darlle simplemente aumentos de salario graduais, debido a que non atopamos ningunha persoa capacitada para poder substituílo eficazmente. Aínda que era unha das persoas que máis diñeiro gañaba, decidiu abandonar a empresa debido á súa ambición por ocupar un posto menos humillante nalgún outro lugar.
Atentamente,
Suevia Ferreiro Pazos
Responsable de Recursos Humanos da empresa Madeiras Buxo
_________________________________________________________________________________
MORRER DE PRACER
A vida de Antía era moi fodida. Porén, en lugar de enfrontarse aos causantes dos seus problemas, mordía os beizos. Maltrataba, buscando descargar a rabia acumulada, aquel corpo que detestaba.
O día no que máis lle doía vivir, fíxoo con tanta forza que arrancou a metade do beizo inferior. Cuspiuno, e contemplouno pensativa. Preguntábase por que os vermes comen persoas mortas. “Se cadra saben ben”, pensou. Abaixouse para recoller do chan o anaco mutilado do seu pequeno corpo, e mastigouno. Tiña un sabor incrible. Continuou alimentándose de si mesma ata que desapareceu completamente, morrendo de pracer.
_______________________________________________________________
CONTOS
Os meus mellores contos
naceron na túa cama,
e morreron lonxe dela
intoxicados coa tinta podre
que circula polas miñas veas.
___________________________________________________
Enlace a MINISTERIO DE ASUNTOS LITERARIOS
martes, 22 de decembro de 2015
venres, 18 de decembro de 2015
Graffiti de Montederramo. O ermitán de San Mamede
Conta a lenda que un home construía unha ermida no monte coa axuda de dous corzos que lle carrexaban as pedras, cando chegou o lobo e lle matou un dos animais. O ermitán decidiu entón que o depredador continuase o traballo do cérvido ata o remate da obra, e así aconteceu.
Non conforme con esta fazaña, fixo nacer auga dunha rocha (onde hoxe se atopa a Fonte do Santo) e librou o conde de Maceda de ser comesto polos lobos (quen, agradecido, organizou unha procesión na súa honra). Por estas e outras marabillas, a serra herdou o seu nome: San Mamede.
Etiquetas:
anacoreta,
Cestola na Cachola,
DRAG,
eremita,
ermitán,
graffiti,
graffiti de Montederramo,
lenda do ermitán de San Mamede,
lingua,
Miguel Peralta,
Montederramo
mércores, 16 de decembro de 2015
Aprende, lacazán!
Este Indalecio seica traballa no eido da cultura... pois eu digo que non (se) cultivou na vida; por moito que presuma de sachar na leira do territorio coruñés.
martes, 15 de decembro de 2015
domingo, 13 de decembro de 2015
sábado, 12 de decembro de 2015
venres, 4 de decembro de 2015
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)