Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

domingo, 22 de xaneiro de 2017

Xestación por substitución


Mulleres recipientes
para un novo nicho de mercado,
campos de cultivo
onde floreceren exóticas sementes:
óvulos fecundados cientificamente
inxectados nos úteros ucraínos, rusos, norteamericanos...

Ganancia dos mercenarios:

bufetes, clínicas, axencias...
traficando coa plusvalía da maternidade.

Mulleres pobres

loitando por disociarse do seu 
corpo
para non sentiren
como propio 
o latexo que acubillan no seu seo.

Incubadoras vivas

de bebés programados
para o primeiro mundo,
batallando por desinteriorizarse
para non sufrir
a esgazadura
de desprendérense
da vida que (a)gardan dentro.

Xestantes non-nais 
-segundo a lei
do máis forte-
de fetos nomeados por outros,
arrebatados co primeiro ar
para calmaren e colmaren
o desexo inapelable
de terras estériles e alleas.

Son vasos comunicantes:
un a baleirarse
e outro a encherse
pola mecánica matemática
do afán de lucro xustificado 
dos intermediarios:
a lei da oferta e a demanda.

Dicionario visual. Drone

Parellas imposibles. Prever/Previr

Prever  //  Previr


mércores, 4 de xaneiro de 2017

Graffiti de Ordes. Yoseba MP


Formado na facultade de Belas Artes de Pontevedra, o artista de Cambre, Joseba Muruzábal Pérez, deixou o seu legado nas Desordes Creativas 2016 outorgándolles protagonismo ás mulleres que ofrecen os seus grelos e nabizas ao pé da estrada N-550. A musa de bata e zapatillas é unha figura colosal e poderosa, ben chantada sobre un asfalto crebadizo aos seus pés, ante a cal automóbiles e transeúntes semellan cativezas expectantes. Non se trata da musa clásica en actitude pasiva e pose forzada para o deleite das olladas, senón dunha muller simbolicamente real, coas pernas ben pousadas no chan para se manter firme mentres traballa, e coa boca aberta para afirmarse: "Aquí estou eu".
Unha obra magnífica en máis dun sentido.