Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

xoves, 31 de xullo de 2014

Enladrillados



Restos artísticos no xardín, ao desleixo

Foto: Ignacio Olveira López
O Concello máis cativo do Estado (Mondariz-Balneario) asinou un convenio cunha construtora para recualificar 1.445 m2 do xardín histórico do Gran Hotel e  levantar alí uns chalés. En troco, Sodesmon (Sociedad para el Desarrollo Sostenible de Mondariz, mira ti que nome tan ao xeito!) cederíalle ao Concello o resto do terreo que posúe na zona axardinada, 400 m2 noutra parcela para facer un pendello e o edificio da antiga lavandería, onde a Xunta podería instalar un Museo da Auga (optativo, porque no acordo explicítase que se por calquera circunstancia non se crease o Museo, non se invalidaría ningunha das outras claúsulas. Xa se sabe: home precavido vale por dous, o que avisa non é traidor, etc.).

A plataforma SOS Xardíns Mondariz-Balneario encargou un informe á Universidade de Vigo, que destaca o valor dun Museo da Auga no lugar, pero sen desintegrar o conxunto histórico, que debería preservarse. Recomenda, ademais, que o xardín sexa declarado BIC (Ben de Interese Cultural).

Desta volta non direi que partido goberna no Concello. Serás quen de adiviñalo?

mércores, 30 de xullo de 2014

Celulosas, planta perenne

Salvemos Pontevedra consegue unha sentenza firme do Tribunal Supremo que obriga a Medio Ambiente a tramitar o expediente de caducidade de Celulosas, e ademais obriga a pagar o custo do proceso xudicial a Ence e Avogacía do Estado, que recorreran a sentenza da Audiencia Nacional de 2011.
Pero a pasteira non treme. Asegura que vai quedar na ría porque o Ministerio tardará anos en resolver o expediente e non hai motivos para pensar que non se prorrogue a concesión. 

Vemos que se estende a filosofía Cañete, aquel ministro con intereses nas empresas petroleiras que lideraba a carteira de Medio Ambiente (que problema hai?) que presumía de comer iogures caducados (non fan mal, a data é un adorno para ñáñaras).
Acabarán declarando a factoría un Ben de Interese Cultural, monumento aromático-emblemático de Pontevedra? Eu propoño nominar o complexo a Patrimonio Inmaterial da Humanidade... porque as súas cualidades máis destacadas non se ven pero permanecen no aire, na terra e na auga por moito tempo.

Satxa na Leira

martes, 29 de xullo de 2014

A invasión das esposas ignorantes

Flora invasora
Flor-encia Maté (Gowex) é a última muller en incorporarse á colección de amantes cónxuxes felices na ignorancia de non saberen (seica) de onde saía o diñeiro que lles chegaba ás contas.
Asinaban por amor o que as súas parellas lles poñían por diante pola pura bondade de seren esposas abnegadas. Se os maridos as nomeaban directivas de empresas das que non coñecían nada, ben feito! (varrer para a casa, a familia é o primeiro, etc). Se no garaxe aparecía un "jaguar"... hai tanto bicho solto!

Non identifico esta nova subespecie de amas de casa, porque as de toda a vida eran administradoras fabulosas da economía familiar ás que non se lles escapaba un peso e tiñan un sexto sentido para encontrar calquera chintófano que alguén introducise na casa, aínda que medise poucos centímetros e estivese ben agochado.

Noite na fraga queimada

A Churrusqueira

Pecado... orixinal?

Menos multas e máis conciencia

Pawel Kuczynski
En breve, os menores que sexan sancionados por beber alcohol poderán cambiar a multa (de ata 601 euros) por traballos para a comunidade ou pola participación en actividades de sensibilización sobre os riscos do alcohol, a razón de 20 euros/hora; e no caso dos menores adictos, prevese a posibilidade do seu acollemento a tratamentos de desintoxicación. 
Para beneficiarse do troco da pena económica por algunha das outras alternativas, os titores do menor deben estar conformes. (Esta é a parte da normativa que non comprendo, pois penso que para os adolescentes resulta máis educativo e beneficioso non aprender a solucionar os problemas con diñeiro).
Estas novas posibilidades terán sustento legal en canto se publique no DOG o decreto aprobado hai uns días. A Xunta demorou tres anos e medio para desenvolver o artigo 12 da Lei 11/2010, que abría estes camiños alternativos á sanción económica.

Máis vale tarde que  nunca; e o ben feito, ben parece. Porén, o abuso do alcohol non aparece na mocidade por casualidade. Por estes lares,  promóvese o seu consumo desde hai séculos, sendo unha das drogas socialmente mellor aceptadas, presente na alimentación ou no lecer diarios e inexcusable nas festividades. A legalidade outórgalle un halo de bondade ou, cando menos, de menor perigosidade que a doutras drogas consideradas máis duras; pero a realidade é que a inxestión de alcohol en España por habitante duplica o índice mundial, segundo a OMS, que tamén afirma que esta droga está implicada no 7.6% da mortalidade masculina mundial e no 4% da feminina.

luns, 28 de xullo de 2014

A bandeira verdadeira

Pensando na patria
Conta El Confidencial que a Axencia Tributaria está rematando un informe sobre o capital da familia Pujol, que se estima entre 30 e 60 millóns de euros; aínda que en Cuatro a ex-noiva de Jordi Pujol, María Victoria Álvarez, sostén que faltan ceros nestas cifras.
O patriarca, en calidade de ex-presidente, cobra 86.416 euros anuais e mantén unha oficina cuxo gasto rolda os 500.000 euros. Ademais, obtén uns 45.000 euros máis grazas a un centro de estudos que leva o seu nome no que diserta sobre... ética política (!).

Xogo: Encontra o rebelde

Esta foto non está manipulada. Mesmo nas estruturas máis organizadas aparece algún rebelde.

domingo, 27 de xullo de 2014

Liñas no aire

Xa existen bolígrafos 3D desde hai máis de un ano, pero este conéctase a un porto USB para quentar a barriña de plástico e ten un tamaño xeitoso para a man.

sábado, 26 de xullo de 2014

O oficio da palabra

Este é o meu tema favorito do álbum Abaixo e de pé, de García Mc. Aquí colabora co mexicano Lengualerta.

15 azulexos vellos

A Churrusqueira
Dos árabes herdamos o obxecto e a palabra: azulexo.
Hai moito tempo que non podo resistirme a fotografalos. Son deses obxectos que vistos en conxunto non me entusiasman, pero de un en un...

Graffiti: arte efémera

Esta obra de Belin (Linares) loce desde 2010 no patio do IES Arcebispo Xelmírez de Compostela, na rúa Poza de Bar. E, malia a inclemencia do tempo compostelán, que ennegrece o muro, non perdeu expresividade.

xoves, 24 de xullo de 2014

Lavado cerebral

A Churrusqueira

Angrois: os silencios

Silencio e verdade
Fotografía: EFE
__________________________________________________________________
Silencio e mentiras

A ameaza das tesoiras

Grazas á colaboración das Comunidades Anónimas (digo: Autónomas), Montoro xa conta con 255 novas ideas para recortar(nos) un pouquiño máis. 

A artista Beili Liu utilizou 1.500 tesoiras no seu Proxecto do remendo para materializar o perigo, a violencia e a presión no mundo laboral feminino. A súa acción artística non é estática nin solitaria, pois precisa da colaboración do público para reparar simbolicamente o dano. 

Podes acceder ao vídeo premendo sobre o enlace ao pé da imaxe.

DesOrdes Creativas 2014: Minia

Viaxe da dozura ao arrepío
Minia
http://minia---main.blogspot.com.es/

mércores, 23 de xullo de 2014

Xenocidio

Xenocidio: Crime contra a humanidade que consiste no exterminio en masa dun grupo nacional, étnico, racial ou relixioso.                                    (Gran Dicionario Xerais da Lingua)

Casa destellada

                                                                                                                                                                                      A Churrusqueira
Betanzos
A Churrusqueira

Graffiti da Coruña (Pendentes dun fío)

Aforia serranoi



Unha nova especie foi identificada recentemente no Banco de Galicia: Aforia serranoi, encontrada a 1.720 m de profundidade.
O proxecto LIFE Indemares, responsable de identificar as zonas mariñas de interese que serán propostas como LIC (Lugar de Interese Comunitario), atopou un único exemplar duns 34 mm de lonxitude. 

martes, 22 de xullo de 2014

Para comer, Lugo!

O C.D. Lugo está dando moito que falar grazas ás súas novas camisetas. A empresa vilalbesa Enfios inspirouse na gastronomía: cervexa (0.0, madía leva!) da marca patrocinadora para a maioría do equipo; e para o defensor da portería... o polbo típico, que lle ha botar un tentáculo nas paradas.

Papoula

Papaver rhoeas

Non é ouro todo o que reloce

Tamén brillan os faros dos automóbiles, como este que escintilaba no Espírito Santo

Bolso (reciclado)

Unha minisaia vella, unha cremalleira e a correa dun maletín que xa non utilizaba e velaquí un bolso vaqueiro de gran capacidade e con petos. 

SE KO NE. Cuestión de caligrafía

Con retranca, o vilagarcián expresa no seu mural de 2013 (á esquerda) unha idea predominante. Raro é o día no que non atopo algunha foto de denuncia nos xornais pola aparición das palabras e os deseños do spray sobre as paredes urbanas.
Cando alguén paga (co diñeiro que espera recuperar cando nos venda a súa marca: non compramos produtos nin servizos, ninguén os anuncia) xa non emporca? Será que esa invasión do espazo público informa e comunica e aínda debemos estar agradecidos?

DesOrdes Creativas 2014: Axel Void


Vitoria escríbese con "v"...

... de vergoña
Soldados israelís, orgullosos                                                Fotografía: Reuters

DesOrdes Creativas 2014: Sr. X (II)

Mentres o mozo arrisca o voo, o espírito maléfico que delonga a salvación
para o Alén acariña con dedos avarentos as doas dun rosario eterno

domingo, 20 de xullo de 2014

Marxe Protectora?

Os gazatís foxen dos seus fogares mentres Israel continúa bombardeando a poboación civil ante a impasibilidade das autoridades internacionais e Obama proclama o dereito dos israelitas a se defenderen dos ataques de Hamas.

Fotografía : Hatem Mousa (AP)
Grandes empresas, bancos e fondos de pensións apoian os asentamentos israelitas ilegais sobre territorio palestino. Visto que o diñeiro é máis poderoso que a razón, a plataforma Avaaz.org propón presionar os investidores para que abandonen os seus negocios con Israel.

Se queres asinar esta petición: 

sábado, 19 de xullo de 2014

DesOrdes Creativas 2014: Sr. X

Birth, de Sr. X

Ollando con optimismo:
pódese (re)nacer 
a calquera hora,
aínda que se perda 
a zapatilla 
polo camiño.

O meu consello:
colocar as mans 
sempre por diante
para protexer 
o que hai dentro 
da cabeza, 
non confiar demasiado 
nas estruturas 
e mirar de parar
sobre herba mol.


Así interpreto eu a obra do londiniense incógnito nesta edición do certame de arte da/na rúa que se celebra cada ano desde hai sete en Ordes. 
Estas consolidadas DesOrdes Creativas converteron a vila nun lugar moi recomendable para pasear admirando murais impresionantes que ilustran fachadas enteiras ou descubrindo xoias de menor tamaño en rúas, ruelas, camiños e recantos.

venres, 18 de xullo de 2014

Quen ten padriño, bautízase

- Caaaaaaalma... Son defectos de forma
Fotografía: El País

Unha sentenza do día 3 de xullo (que coñecemos agora) anula 41 nomeamentos do Concello de Ourense efectuados en 2012. 

O alcalde, Agustín Fernández (PSOE), pídelles tranquilidade aos traballadores afectados, entre os cales se encontra a súa filla, recontratada por decreto ao día seguinte de ocupar el o trono municipal.

Agustín Fernández veu a substituír a Francisco Rodríguez, detido e imputado na Operación Pokémon, quen contaba coa filla do seu edil de Facenda e actual alcalde como persoal de confianza e quen tamén colocou unha sobriña na RPT declarada ilegal polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Un litro de luz

Por todo o planeta están a xurdir iniciativas que conseguen grandes melloras con recursos mínimos. Neste caso, o proxecto Un litro de luz comeza a iluminar as infravivendas dos barrios pobres en Manila. Unha botella de plástico baleira, auga e lixivia producen a potencia de luz equivalente a unha bombilla de 55 vatios. 

O invento non é novo, xa en 2008 un enxeñeiro brasileiro instalou trebellos semellantes no seu país e podemos encontrar exemplos parecidos en Perú, Río de Janeiro, Nova Delhi...

xoves, 17 de xullo de 2014

Graffiti contra a pesca de arrastre de profundidade

O pasado 14 de xullo varios artistas europeos participaron nunha acción simultánea de denuncia contra a pesca de arrastre de profundidade.
A maior parte de Europa propón a súa prohibición porque esquilma os océanos, pero os gobernos francés e español non están polo labor, a pesar de que a frota artesanal se ve prexudicada polos arrastreiros. Tentan convencernos de que non é tan prexudicial para os ecosistemas mariños como afirman os ecoloxistas, que se pode facer ben (?) e que emprega persoas. A realidade é que é insostible e destrutiva e que só proporciona o 6% dos empregos no mar, pero recibe máis subvencións que as embarcacións artesanais. 

Traballo de Delwood en Biarritz

En Madrid, Spok non puido elaborar o seu mural diante do Ministerio de Agricultura, por prohibición expresa  da Delegación do Goberno, que mudou de idea despois do consentimento inicial.

Se queres ver todas as obras das cidades europeas participantes, preme na ligazón: 

MGK: Mulleres Galegas Kañeiras

O micromecenado serve para que persoas con ideas poidan levalas a cabo grazas a outras persoas que achegan unha pequena cantidade de diñeiro. Deste xeito, proxectos artísticos, científicos ou de calquera outra índole poden realizarse sen o apoio económico de empresas, bancos ou subvencións públicas. A miúdo, os micromecenas reciben algún tipo de compensación cando o proxecto consegue concretarse, mais o mellor desta nova forma de financiamento consiste en que a xente fai posibles aquelas actividades que considera interesantes. 

No vídeo tendes a presentación do proxecto MGK. Se queredes saber que tentan facer estas mulleres, dádelle ao play.

mércores, 16 de xullo de 2014

martes, 15 de xullo de 2014

Urbaser fede


Imaxe: Telecinco
O texto que segue foi extraído da páxina web de Urbaser, a empresa concesionaria da recollida de lixo en Lugo, que provocou cos seus intentos de recorte dos dereitos dos traballadores a folga que os lugueses xa levan aturando máis de trinta días. 
Tras un pseudo-ultimato do alcalde Orozco (PSOE), a empresa comezou a organizar a limpeza utilizando operarios doutras zonas (escoltados pola policía local!) e vulnerando o dereito á folga do seu cadro de persoal.
Reproduzo literalmente o autopanexírico da empresa, que se ofrece en castelán, inglés e francés (non en galego).

"La política de Recursos Humanos de Urbaser se orienta a la consecución de un equipo humano altamente cualificado y motivado, identificado con el proyecto de Empresa, con iniciativa propia y gran vocación de servicio al cliente, que le permita gestionar de manera eficaz y rentable las oportunidades de negocio. El liderazgo de sus Recursos Humanos es el principal baluarte del liderazgo de la Empresa.

A tal efecto Urbaser basa su actuación en los siguientes principios:

• Realización de procesos de selección de personal que garanticen la incorporación del personal de mayor cualificación y potencial profesional.
• Establecimiento de sistemas de gestión de recursos humanos que permitan un adecuado desarrollo de competencias.
• Lograr la motivación y la identificación con la Empresa a través del fomento de la comunicación en los diferentes niveles.
• Promover la innovación y la participación en los distintos procesos productivos y de servicios.
• Mantener una cultura de desarrollo y formación continua de su capital humano, que permita la adaptación a la evolución tecnológica, los cambios productivos y de gestión, la aplicación de las políticas de calidad, medio ambiente y prevención de riesgos laborales, así como facilitar la  integración en el proyecto común de empresa."

Ata cando seguirán as administracións públicas procurando o beneficio das grandes empresas privadas co diñeiro cidadán?

10 cm


Con camiseta e calzón longo...
así calquera brinca despreocupado!

Normativa europea sobre os uniformes de balonmán-praia: 
Con respecto ao das mulleres esixe que "deixe o estómago ao aire e que o bikini inferior non teña na súa parte máis ancha máis de 10 cm".
Para os homes indica que "o pantalón pode ser folgado e longo, aínda que debe medir 10 cm desde a rótula como máximo".
Moitos equipos femininos españois non cumpren coa vestimenta prescrita, que consideran incómoda e foron advertidos ao respecto para que nas próximas competicións se acomoden á normativa comunitaria.

Sapoconcho en Caldas

Fotografía: La Voz de Galicia
Se perdiches unha tartaruga, esta de 25 cm apareceu no lugar de Aboi (Caldas de Reis). O animaliño está ben e agarda na base de Protección Civil que o vaian buscar. Se nunha semana ninguén reclama o réptil, este será trasladado a un centro de protección da fauna.

A información provén de López Penide (La Voz de Galicia)

luns, 14 de xullo de 2014

domingo, 13 de xullo de 2014

A estafa telefónica das administracións

Chégame a factura telefónica cun cargo de dúas chamadas Premium. A miña compañía é Yoigo e xa teño anulada a emisión deste tipo de comunicacións porque nunha ocasión anterior aparecéranme números que eu non recoñecía. Hei de dicir que naquela ocasión Yoigo me devolveu inmediatamente o diñeiro. Pero o caso é que as compañías de telecomunicacións non poden anular o acceso a todos os contidos Premium (doutra volta perdera varios euros pola cita para a itv), así que repaso a factura e vexo que a empresa que me fai o cargo é BT España. 

Reviso os rexistros do móbil e encontro o quid: trátase do teléfono de cita previa do Servizo Público de Emprego, ese co que hai que contactar para que te atendan despois nas oficinas se queres informarte sobre as prestacións. Chamei dúas veces seguidas porque no primeiro intento a máquina (non hai persoas ao outro lado da liña) díxome que a liña estaba saturada e debía chamar máis tarde. Foron 28 segundos: 0,290 euros. Ao rechamar, 2.25 segundos: 0,875 euros. Total, que gastei máis de 1 euro para pedir cita. 

Diráseme que se pode solicitar por internet. Certo, pero a rede tampouco é de balde, por moito que nolo repitan; e ademais non todo o mundo ten ordenador nin se manexa con tales trebellos. Pode parecer pouco 1 euro (non o é para unha persoa que aspira a cobrar un subsidio de 426, por exemplo), pero pensemos que dos 4.5 millóns de persoas rexistradas no paro, unicamente un 10% optase por solicitar a cita por telefóno e multipliquemos: 450.000 euros facturados.

E eu pregunto, a que empresas están a regalarlles as administracións este lucrativo negocio? Para quen non o saiba, nas oficinas do Servizo Público de Emprego o persoal non está autorizado a darnos esas citas, de forma que, aínda que esteamos alí de corpo presente, debemos chamar por teléfono ou acceder desde internet para que nos convoquen. 
Queda claro o calote, ou hai que dar máis pistas?

venres, 11 de xullo de 2014

Doce12: máis que 10

Quen siga o meu blog xa sabe que sinto debilidade polos graffiti porque me parecen un bo exemplo de arte plástica popular, que cando está ben feita viste os muros espidos ou abandonados á ruína con traxes de denuncia e/ou de beleza.
Na primeira edición do Xfest da Estrada, unha das actividades que espertou maior expectación foi o concurso de murais sobre as paredes tristes da estación. Todos os participantes (espero que o próximo ano se anime a enviar o seu bosquexo algunha moza) realizaron un traballo excelente; mais só podía gañar un, e o premio foi para Doce12. Agora, Antony (o home tras o nome numérico que en galego significa máis que unha cifra) enfróntase a un concurso no que se trata de decorar un vehículo.
Neste caso, votan @s internautas. Se che gusta o que fai e queres apoiar o vigués, preme na ligazón que hai debaixo do seu proxecto e dálle ao polgar para riba!


https://www.facebook.com/ibericarsalfer/photos/a.247940435398441.1073741828.246233592235792/270723826453435/?type=1&relevant_count=1

Con B de "blue"

E nós pensando que B significaba "black"

Manchas en Compostela

Á beira do Sarela, o elefantiño (?) e a ave comparten o estilo punky

Relato mural

Os personaxes de Meixide escaparon do papel para animar os muros do refuxio Padre Rubinos na Coruña, que tenta combater a exclusión social e a pobreza desde 1918. Case un século despois, no mes de xuño de 2014, hai moita xente agardando ás portas da caridade.

Miñocas en perigo!

OU.B.
Por culpa dun verme tropical que xa foi detectado por estes lares (en Ames e Lourizán) e que chegou nas terras importadas que utilizan os viveiros. O becho forasteiro supón unha ameaza para as lombrigas locais, ás que devora con ansia, e isto é grave, pois as miñocas (á parte do seu valor intrínseco como ser vivo) contribúen á rexeneración do solo, aireándoo e facéndoo máis produtivo.

Se queres ler o artigo completo, preme no seguinte enlace.
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2014/07/11/gusano-tropical-comelombrices-comienza-expansion-galicia/0003_201407G11P30993.htm?idioma=galego

xoves, 10 de xullo de 2014

A lei eli ile lie... ai la le lo, ai la lá

Vira e revira para marearnos
2012: o Ministerio de Defensa inclúe nos seus orzamentos un apartado para modernización ao que vai destinar 4.9 millóns de euros. En setembro, o goberno engádelle 1.782 millóns de euros mediante o Real Decreto-Lei 26/2012.

2013: Defensa presuposta 6.8 millóns de euros para pagamentos á industria. En xullo, o goberno autoriza un crédito extraordinario por 877 millóns de euros mediante o Real Decreto-Lei 10/2013.

2014: o goberno español, á fronte da innovación no referente a manexar as leis coma un calcetín (volta e reviravolta, para adiante e para atrás, do dereito e do revés, ata que desaparece maxicamente nas entrañas da lavadora - o calcetín, que a lei é a proba de lavados), agora inventa o "decreto-popurrí" (como as grandes orquestras, mesturando as cancións do verán). O decreto que chaman ómnibus vale o mesmo para un roto que para un descosido. Non nomearei todas as leis que recolle (26) porque non acabariamos máis; só apuntarei que fala de AENA e os avións, do emprego xuvenil, dos horarios comerciais, do butano, dos drons, do rexistro civil, da fiscalidade dos autónomos, das comisións do pagamento con tarxeta...

A bailarrrrr!!!

A linguaxe hipócrita

Este é o labor de calquera Ministerio de "Defensa"
En Gaza, estes días (EFE)

mércores, 9 de xullo de 2014

Santa Rita, Rita...

...o que se dá non se quita.

Imaxe do pasado?
Fotografía de Raquel Jiménez
Ese é o lema do conselleiro de Educación, Xesús Váquez e dos equipos directivos dos colexios que recibiron ilegalmente 12 millóns de euros da Xunta de Galicia. Escusándose no asunto de que a LOMCE xa ampara a subvención aos centros que separan alumnos de alumnas, agora resulta que non hai por que devolver o diñeiro que se regalou indebidamente porque incumpría a lei vixente no momento no que se concedeu. Ou sexa, que nos anos nos que se lle mete a tesoira ao ensino público sen misericordia, dóanse alegremente os cartos de tod@s ás escolas ultracatólicas sabendo que é ilegal e despois confecciónase un traxe á medida (a LOMCE) para poder seguir nas mesmas, mais dentro da legalidade.

Alén da cuestión económica, como pode ser constitucional unha escola segregacionista? Que pensariamos dun colexio que separase ou só admitise alumnado autóctono, ou branco, ou fraco? Que clase de educación foxe da riqueza da variedade para retroceder aos tempos da ollada única e uniforme? Se a escola prepara para a vida, en que mundo de xénero único  pensa habitar o alumnado de tales escolas? Ou van acabar tod@s en conventos e mosteiros?

domingo, 6 de xullo de 2014

Misterio insondable

Ao tempo que UNESA (Asociación Española da Industria Eléctrica, integrada por Endesa, Iberdrola, Gas Natural, Fenosa, EDP e E.ON) nos demanda o pagamento do déficit tarifario, xa que, segundo di, estas compañías levan moito tempo vendéndonos a electricidade a un prezo menor do que lles custa producila, os altos directivos de Iberdrola reciben un bonus de 81 millóns de euros.
Nin os novos modelos de enchufe, con tomas para conectar USB poden comprender tamaño misterio.