Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

martes, 30 de decembro de 2014

LobbysHomes. Sokram & Alto Asalto

Escoitando este tema do disco Chuvia ácida resulta imposible non sentir morriña polos lobishomes enxebres: aqueles híbridos de humano e lobo, menos salvaxes ca estes lobbyshomes contemporáneos, que nos devoran as alegrías ata nos abafar.


Graffiti de Lugo. Parecidos razoables

Quen pensara que ía atopar o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, nun muro do Style Fighters de Lugo, navegando entre a psicodelia delirante do colorido máis vivo? Manda truco!

Miedo 12

Graffiti de Pontevedra. Ghuapo, ghuapo non é...

 ... e tampouco ten un pelaso

sábado, 27 de decembro de 2014

O imperdible rebelde

Había unha vez un imperdible rebelde que quería ser libre. Era unha vergoña entre os seus, que lle porfiaban e porfiaban, explicándolle unha e outra vez que nacera para servir como elemento de unión entre dúas pezas, xeralmente de roupa (como decretaban as leis inexorables da lexicografía).
O imperdible non facía caso dos consellos e camiñaba sen rumbo por aquí e acolá, ata que unha mañá solleira de agosto foi capturado pola mafia chinesa. De nada lle valeron as súas picadelas nas mans obreiras e o noso amiguiño foi preso e embalado con etiquetaxe internacional. O imperdible rebelde atravesou un océano sen aventura que non puido contemplar desde a súa triste gaiola de plástico e cartón.
Desembarcado nun porto levantino, tampouco puido axexar a paisaxe de árbores e farois veloces abeirados á estrada, encerrado no camión que o transportou ata unha vila do Norte, na que acabou morrendo de pena, inerte no caixón do andel dun comercio pontevedrés, no que fica, para lembranza da súa afouteza insubmisa, este epitafio: IMPRENDIBLE.
 
Fotografía real, tirada en Pontevedra, que me inspirou este contiño

Graffiti de Pontevedra. Frostis

Nas portas ateigadas de refugallos de papel, o vituperado gato Frostis mantén o sorriso pese ao insulto, mentres sobrevive -incompleta- sobre o seu corpo anguloso e vermello a frase repetida que alenta o seu destino: COM PASSO FIRME. Bo consello, este de facermos ouvidos xordos ás palabras despectivas e seguirmos adiante a nosa camiñada, coma quen oe chover; do cal se deduce que non era tan atrasado o micho.

xoves, 25 de decembro de 2014

Feijóo: presidente misioneiro

Graffiti de Pontevedra. Non podo respirar

O escritor pontevedrés dos mil nomes converteu o seu antigo Papá Noel nun Poseidón afogado polos ciumes ao ver a sereíña enfeitizada polo tritón e demostrando que -como di o dito- non hai sardiña sen espiña; e nin os deuses namorados se libran dos cativos padecementos humanos.
Ficou mergullado baixo o novo mural o traballo anterior no mesmo muro, convertido agora en mar profundo por obra e graza dos sprays de Crawler, o'Ras, Mou e Apek e para goce dos transeúntes que, por sorpresa ou á mantenta, encontran a obra no seu camiño.
Tamén eu somerxo baixo este novo texto do blog o que escribín hai dous días, no que había erros de vulto e algún fallo nas normas de cortesía propias do graffiti: un mundo no que son unicamente espectadora curiosa e divulgadora neófita.

Crawler & O'Ras & Mou & Apek

mércores, 24 de decembro de 2014

Íspete!

PoLiTvS: graffiti e clic

Como vos contei nunha entrada anterior, Pol van der Fielden comparte a miña teima de fotografar canto graffiti se lle pon a tiro de cámara. Nesta composición escolmei unha ducia (12 meses, 12 causas) das súas imaxes, que -ao meu ver- quedarían moi ben para un calendario.  
Por moito que me gusten os gatiños, os poliños e os cadeliños (os santos, non) ... debería haber máis temas para eses almanaques pendurados nas cociñas maternas e nos que rodeamos cun círculo as datas que non podemos esquecer.

martes, 23 de decembro de 2014

Apagha a lus, Mari Lus!

Se non apoias a monarquía, podes secundar o apagón eléctrico organizado para mañá, durante o discurso do rei Filipe VI (o fillo do que mata elefantes, irmán da que seica non se entera de nada porque está namorada, cuñado dun que xogaba a balonmán pero sabía moito de economía... sabes quen che digo? Pois ese!).

Sonhos de raiva. Liska!

Cando che rouben a liberdade de acción, utiliza a liberdade de expresión. E se incluso esa che arrebatan, non renuncies á liberdade de pensamento. Non permitas que che secuestren o cerebro.

video

Graffiti de Lugo. Star Wars

Graffiti de Lugo. Policromía literal

luns, 22 de decembro de 2014

O gato tras o vidro

Moito me gusta contemplar as imaxes estrañas que se crean polos reflexos dos obxectos espellados nos vidros. Semellan crear mundos paralelos formados polo cruzamento de dúas realidades que conflúen nun instante ante os nosos ollos.
Neste caso, o adhesivo dun gatiño xigantesco que ornaba o escaparate dunha tenda de mascotas (mascota: que palabra tan fea; e que bonita a portuguesa: animal de estimação) deixaba asomar por detrás o que en realidade estaba fóra: os edificios da rúa de Lugo que se reflectían no cristal; como se o felino de vinilo non cohabitase cos animaliños dispostos para a venda no interior do comercio, como se o micho colosal fose un deses gatos urbanos, ambulantes libres que conviven cos humanos sen ceder independencia.

PoLiTvS: na pescuda da maxia cotiá

Hoxe quero recomendarvos unha páxina de Flickr coa obra fotográfica dun bueueiro "asentado" en Compostela que se agocha baixo o pseudónimo retranqueiro de Pol van der Fielden. 
O seu nome artístico é PoLiTvS e un dos seus temas (e teima) é o graffiti (non sei a quen me recorda..., aínda que el ten cámara verdadeira e xeito). Ultimamente gusta especialmente dos safaris urbanos, aínda que tamén se adentra nas fábricas abandonadas á procura de tesouros. Ademais, sabe reparar nas miudezas que se aparecen no camiño para agasallo dos que levan os ollos ben abertos e atentos, sen por iso esquecerse de mirar para o ceo. 
Escolmei aquí unha presadiña de imaxes, das preto de dous milleiros que amosa na rede e asegúrovos que me foi ben difícil, por iso vos convido a que visitedes o seu mundo para facerdes a vosa propia selección.

Aquí vos vai o enlace á súa páxina: https://www.flickr.com/photos/politvs

SuperCastro

Última hora: a infanta Cristina será xulgada

O heroe baixo o traxe

domingo, 21 de decembro de 2014

Estoxo multicolor

Para este Nadal, propóñovos que fagades agasallos sinxelos coas vosas propias mans. O seu valor é maior ca o de calquera obxecto fabricado en serie que compredes nunha tenda e podedes adaptalo aos gustos da persoa á que queirades obsequiar gastando moi pouco diñeiro.
Este estoxiño, por exemplo, non pode ser máis simple. Confecciónase con agulla de gancho a punto baixo cunha la multicolor. Podedes usar as cores preferidas do voso agasallado e engadirlle algún perendengue relacionado coas súas afeccións atado á asiña da cremalleira, ou simplemente unha etiqueta desas que se lles poñen ás chaves co nome da persoa escrito con boa caligrafía. Tamén podedes escoller o tamaño do estoxo para que poida ser utilizado como neceser, lapiseiro, billeteira...
Animádevos, en menos de unha hora teredes listo un coma este.

Nin Papá Noel nin Reis Magos, o noso é o Apalpador

Entre os anos 2010 e 2012 os investigadores da Comisión de Historia da Gentalha do Pichel percorreron as terras montesías orientais na procura da lenda do Apalpador. E encontrárona viva: resistente e persistente na memoria dos máis vellos do lugar. Iniciouse entón un camiño de recuperación dese mito noso, desprovisto de connotacións relixiosas, que agasallaba os meniños con aloumiños na barriga e unha presada de castañas para pasar con ben o cru inverno que anunciaba.
Resulta engaiolante escoitarlles aos vellos e ás vellas as narracións daquelas noites da nenez á espera do carboeiro barbudo; así que aquí vos deixo o documental que gravaron naquelas terras illadas que probablemente gardan como ningunha outra do país as tradicións. 

Graffiti de Lugo. Ollando kekos

sábado, 20 de decembro de 2014

Graffiti de Lugo. Perfilado perfecto

 Besdo Garsía

Graffiti de Lugo. Deporte para tod@s

Viaxe do retrato realista á caricatura

Graffiti de Lugo. Toliña polo spray

Un traballo de Powone (grande!)

Graffiti de Lugo. Cranios de dinosauros

Marabillosas caveiras esfumadas as destes animais, estraños entre as sinaturas de cores vivas e perfiladas dos escritores clásicos.

Graffiti de Lugo. A fera multicolor

Magnífico tratamento da cor nesta peza polícroma de Lince que consegue transmitir nos ollos do animal a ameaza salvaxe da fera que todos levamos dentro. 
[Mágoa da falta de respecto ao traballo artístico por parte dun reprimido sexual que lle engadiu á obra un falo carente de morbo e totalmente descontextualizado.]

ATEK

Graffiti de Lugo. Goofy e Bugs Bunny

Para os picariños máis novos, tamén hai graffiti. Neste, á beira da piscina, o can persegue o coello cunha pistola de auga (como deberían ser todas). Que pillabán era o Bugs Bunny, moito me gustaba!

venres, 19 de decembro de 2014

Santas Perrechas

Nunca lles agradecería abondo aos deseñadores de moda os motivos de retranca que me brindan para o blog. Desta volta, a roupa interior feminina das axudantas de Papá Noel escintila como un relampo, santificando as perrechiñas ocultas baixo o suave tecido artificial dos tangas e os "coulottes". Son... agasallos de Nadal.
 

Graffiti de Lugo. A mestura é boa

Velaquí vos vai outra fachada fotografada na zona animada polo Style Fighters de Lugo

Boa Mistura - Asma - Sedo -Festa...

Graffiti de Lugo. Pola galaxia das letras

Xa de volta da fermosa cidade de Lugo, traio os arquivos cheíños de imaxes de graffiti tiradas na zona deportiva e de lecer xunta o Parque Albeiros, onde se celebra o Style Fighters. Velaquí unha das fachadas que fotografei onte.

http://thone1.blogspot.com.es/2013/06/stylefighters-2013.html

mércores, 17 de decembro de 2014

Liberdade de prensa: nas pedras

Dicionario visual. Optar


Hai moitos verbos que parecen iguais pero non o son exactamente. Aquí vos deixo as definicións do DRAG para que os comparedes.


Escoller 
Tomar ou designar [unha persoa ou cousa] ao preferila antes ca outras con que se compara. 
Coller o mellor ou o que interesa de [un conxunto de cousas].
Elixir
Seleccionar ou indicar [unha persoa ou cousa que se prefire] entre varias.
Nomear [unha persoa] para un cargo, por medio de votos.

Escolmar 
Coller [o mellor ou o que interesa] dun conxunto de cousas.
Seleccionar
Coller de [un conxunto de persoas ou cousas] unha ou varias que se consideran as mellores ou as máis apropiadas.
Optar entre
Facer unha escolla entre varias posibilidades.
Optar por
Preferir unha posibilidade nunha escolla. 
Optar a
Pretender conseguir algo, en particular, un emprego, un cargo etc.

Graffiti de Lugo. Sonche

 



Sonche ben traballadores
estes escritores.
Dende Lugo a Culleredo,
non descansa o dedo.

sábado, 13 de decembro de 2014

Dicionario visual. Grafofilia

Ningún dos dicionarios galegos que consultei recolle a palabra 'grafofilia'. Porén, o Gran Dicionario Xerais da Lingua si recolle o seu antónimo: 'grafofobia', que define como "medo enfermizo a escribir".

A grafofilia, como se deduce da análise semántica dos seus compoñentes gregos (grafo e filia) podería explicarse como a paixón por escribir. Navegando pola rede encontramos maior polisemia do termo, pois fálasenos tamén do pracer por debuxar. Alén diso, algunhas páxinas inclúen no vocábulo 'grafofilia' un impulso erótico ou de atracción platónica por personaxes debuxados.

Graffiti de Lugo. Mosca

No Paseo dos Estudantes - Lugo

venres, 12 de decembro de 2014

Dicionario visual. Gris


Dicionario visual. Escaleira

Ao fondo, EOI de Lugo



Escaleira:  
Construción formada por un conxunto de pasos ou chanzos situados en niveis sucesivos, que serve para subir e baixar por ela.


As palabras 'esqueira' e 'escada' teñen un significado máis restrinxido, pois aluden unicamente ás escaleiras conformadas por dúas pezas longas unidas por outras menores equidistantes e que adoitan ser portátiles.

Listo coma un allo!

Hai que ver o que fai Google+ automaticamente coas fotografías que tiramos. Esta pasouma a branco e negro, mellorouna e gardouma na nube. Éche coma un allo!

xoves, 11 de decembro de 2014

Mensaxes do Alén

Esforza a vista para saberes que nos conta hoxe 
a pantasma borrada pola censura [est]ética 

Visto en Lugo

Ferraxaría & Libraría

Non cabe dúbida de que unha das mellores ferramentas coas que pode traballar un ser humano é un libro. En Lugo sábeno e por iso non teñen reparo en instalar nun mesmo local unha ferraxaría e unha libraría. Aquí vos deixo testemuño gráfico da convivencia pacífica de ambos comercios.


Lembrade que a normativa acordada pola RAG e o ILGa admite os sufixos -aría e -ería; aínda que recomenda usar o primeiro.

mércores, 10 de decembro de 2014

Sé creativo combativo. Coida Lugo

Semellanzas razoables. O portal centrado e democrático

Homenaxeando a Suárez e o seu partido?
[Visto en Lugo]

Amor sen fronteiras

Este é o cartel promocional do mexillón galego colocado nas estradas e na rede (non encontrei a versión oficial galega na internet, e mira que a busquei). Como podedes comprobar, non lle faltan selos, escudos nin bandeiras: que se da Xunta, que se da Unión Europea, da Indicación Xeográfica Protexida... todo para convencer da calidade suprema do molusco de noso.


Marabilla das marabillas! Agora podedes premer no enlace que vos deixo para saberdes o que vota o PP con respecto á obriga de especificar a orixe do mexillón nas conservas.


Xa que logo, aí vai a miña proposta para os novos carteis (e que non teñan que romper a cabesiña pensando, non vaia ser que hernien ou teñan unha nova escusa para gastar os cartiños de todos contratando unha nova campaña publicitaria).