Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

martes, 27 de xaneiro de 2015

Seteventos

Pode haber un topónimo máis suxestivo? Santa María de Seteventos encóntrase no concello do Saviñao, pretiño de Escairón. Un rabaño cativo de ovellas e cabuxas que non obedece ao seu pastor recíbeme antes de chegar á pequeneira igrexa románica. Desando os meus pasos para virar na encrucillada á esquerda do cruceiro e aparece, para a miña sorpresa, un pradarío grande, habitado por unha variada caste de cabalarías. O ceo vai degradando a súa cor e resplandecen, branquísimos, os curutos das montañas ao lonxe. Só se escoita o silencio das pólas quedas. Mente o nome... ou só descansa?

domingo, 25 de xaneiro de 2015

Fragmento de Reo

Xesús Fraga gañou o premio Raíña Lupa de literatura xuvenil do ano 2014 con Reo, un relato narrado en primeira persoa por un escritor de graffiti adolescente. Recomendable e de fácil lectura, aquí vos deixou un anaquiño para vos animar a lelo.

Teño claro que non me vou deixar vencer. Sei o que fago. Os riscos que corro, cales son os límites, onde está a raia. Planifico onde vou atacar, con que, se con rotulador ou spray, e antes dou unha volta para ver o sitio. Tomo nota do ángulo de visión das cámaras, de se anda moita xente de noite, de cal é o camiño máis doado para fuxir. Visto do xeito máis anónimo posible, aínda que procuro levar carapucha, pois axuda a que non te recoñezan. Non me interesa que vexan a miña cara, o que importa é que vexan o meu nome. Cantas máis veces, mellor. Por iso, e porque isto é unha guerra, o meu é o bombardeo. Tags, flopeos, potas, pratas. Non me interesan as pezas. As cores, estilos intricados, os kekos de personaxes de cómic ou das series animadas, non son o meu. Non me interpretedes mal. Non o critico nin lles paso por riba coas miñas firmas. Respéctoo. É graffiti e forma parte do meu bando. Eu mesmo fixen pezas e de cando en vez póñome con algunha. Pero en privado. Fóra, na rúa, non hai tempo para isto. E o graffiti legal, iso de pedir permiso ao propietario dun muro para decoralo, como din, non me vai. Logo pasa a xente por diante e di "que bonito". Por Deus, pero se non teñen nin idea! Non o entenden. Quedan na superficie, seguen sen saber de que vai isto. E o peor son os ofrecementos do concello para deixarche un muro e que te "expreses". Xa! Como se non nos decatásemos de que recompilan información para logo ir por ti cando menos o agardas.
Fragmento de Reo (Xesús Fraga)

Graffiti de Monforte. Rain Soul

Na ascensión ao castelo, xorde a alma de chuvia

sábado, 24 de xaneiro de 2015

Graffiti de Monforte. Zarrapicando con vista

Dicionario visual. Tropezón

Graffiti de Monforte. Lois Pereiro

  

No seguinte enlace, podes ler un poema do monfortino Lois Pereiro e escoitalo na versión postpunkdeira do dúo compostelán Fanny y Alexander.

Graffiti de Monforte. Interruptor aceso

Abre os ollos

martes, 20 de xaneiro de 2015

E logo?

No seu afán de transparencia, o PP estrea logotipo para a próxima campaña electoral. Aquí vos presento o proceso creativo do deseño: as siglas xa coñecidas reagrúpanse nunha grafía única, representativa do seu modelo de financiamento. 
[Trátase dun adianto informativo ofrecido en exclusiva pola Churrusqueira.]

Graffiti de Lugo. Personaxes

luns, 12 de xaneiro de 2015

Estado: estable (dentro da gravidade)

O PP,  por boca da súa voceira, alértanos do caos que se aveciña no caso de o seu ppartido non gañar as vindeiras eleccións. En troques, prométenos es-ta-bi-li-da-de; que, na súa opinión, é o que nos cómpre.

Consultado o Gran Dicionario Xerais da Lingua, velaquí a definición de 'estable': 1. Que non se move ou que non cambia [de lugar, de de estado, de humor, de opinión, etc.]. 2. [Dito dun composto] que non se descompón con facilidade.

Xa que logo, parece que desta vez din a verdade. (Re-corto e non cambio; e tampouco me descompoño, así me apodrezan as entrañas.)

Contos inversos

Á Carapuchiña deste conto non a papou o lobo: compartiron cesta. Riron, fixeron festa, e logo do baile... quen queira entender, que entenda.

A Cincenta desta historia desbotou o vidro e a fregona, a familia, o reino e o prometido. 
-Zapatos de cristal? Que desatino! 
Calzou unhas deportivas brancas e emprendeu o seu camiño.

A Bela Dormente desta lenda, cansa de durmir sen soños, non agardou polo bico: botouse á cafeína e agora anda espelida de noite e de día.

A Branca de Neve deste relato vivía feliz no bosque profundo; así que -logo de cavilar sabiamente- berroulle ao mundano mundo:
-QUEDO COS SEEEEEEEETE!!!

Palabras focas

Manifestación en París polo atentado contra Charlie Hebdo
Talvez o que murmuraban os xefes de estado na primeira liña da manifestación parisiense de onte era a perfecta escusa que lles ofrecía o terrorismo para coutaren unha vez máis a liberdade de expresión, reforzando os controis dos viaxeiros nas fronteiras reais e dos internautas nas estradas virtuais. 

O gran cambio ofrecido pola rede consiste precisamente en que calquera cidadán (con acceso á internet, claro) ten a posibilidade de converterse en emisor e redifusor de información; algo totalmente novo na historia da humanidade. Por primeira vez, a escala mundial, persoas correntes con ferramentas simples e sen o respaldo de medios de comunicación financiados por empresas con intereses económicos, poden expresarse, gravar co seu móbil o que está pasando, responder á manipulación informativa (por suposto, non en igualdade de condicións), pero si abrindo unha fendiña mínima no sistema de comunicación global que pode multiplicarse xeometricamente.

Por iso, en canto ao p(l)asmado que reserva a súa presenza real para as relacións internacionais se lle encheu a boca enxalzando a liberdade de expresión da que goza España, a rede inzouse de denuncias que demostran o contrario.
Por exemplo: o humorista Facu, imputado por comparar o PP cunha banda terrorista (non concordo: os terroristas, xeralmente, son persoas que defenden dunha forma violenta -que eu non comparto- unha crenza ou un ideal; mentres que a corrupción no PP só procura poder e diñeiro: para o individuo e o partido). 
Ou o músico Krahe, ao que lle piden unha fianza de 192.000 euros por unha curtametraxe na que se cociña un Cristo na súa cruz; algo totalmente incomprensible cando na misa sempre se ofrece a hostia consagrada dicindo: Tomade e comede todos del, que este é o seu corpo. E o sacerdote, non contento co piscolabis, aínda lle bebe o sangue do fillo de Deus no cáliz. Non entendo nada!

domingo, 11 de xaneiro de 2015

Lume. Rebeliom do Inframundo

Lume é un dos 17 temas cos que bota a andar a discográfica Língua Nativa, un proxecto desde o país para editar música independente na nosa lingua e na irmá.




Se queres máis información sobre Língua Nativa, preme no seguinte enlace:

sábado, 10 de xaneiro de 2015

Graffiti da Coruña. Arbonautas

Reviva o calcetín!

De todos é ben sabido que as lavadoras, periodicamente, engolen un calcetín. Para darlle unha nova vida a ese pobre escarpín desemparellado que sobrevive ao compañeiro e que volva sentirse un membro útil da sociedade, propóñovos a confección de bonecos faciliños, aptos para zoupóns. 

Aínda que no vídeo non utilizan agulla, eu preferín coser en vez de atar, pero os máis cativos poden facelo coma no orixinal que vos deixo no enlace, evitando así o perigo de se picaren. Tampouco utilicei alfinetes para os ollos pola mesma razón.

E como sempre, deixade voar a imaxinación e facede os bonequiños ao voso gusto. Podedes engadirlles pelo feito con la de cores; colocarlles unha guitarra feita con cartón; unha gola branca de encaixe arredor do pescozo, ao xeito dun personaxe barroco, etc.

Enlace ao vídeo para facer un boneco de neve cun calcetín

[P.S.: Non cómpre esperar a que a lavadora teña fame; pódense usar carpíns vellos.]

venres, 9 de xaneiro de 2015

Colección gatuna

Unha escolmiña de gatos (ou gatas) recollidos polo país. Relambéndose, larpeiros; rabiando, rabudos; ou soñando, lunáticos... todos me gustan.

mércores, 7 de xaneiro de 2015

Graffiti de Pontevedra. O caos e a orde (aparencias)

           Na Xunqueira

Graffiti de Pontevedra. Polo graffritido

Na Xunqueira

Graffiti de Pontevedra. Marcando o portón

En Campolongo

Graffiti de Pontevedra. Falando en prata

Na Xunqueira

Gente pota. Caxade

Moita retranca e vídeos orixinais os de Alonso Caxade, un mestre músico iniciado no folk e viaxado por unha variada caste de estilos e bandas.


Máis vídeos na súa páxina web: http://caxade.wix.com/caxade#!videos/cz4t

Graffiti de Pontevedra. Azuis

Na Xunqueira

Graffiti de Pontevedra. Tríptico vertical

É tal a abundancia de graffiti que anima os muros de ladrillos tristes da Xunqueira, que me vexo obrigada a tomar panorámicas e agrupalas, ou non me chegarían as horas para subir todo o material fotografado nun día solleiro de inverno.

martes, 6 de xaneiro de 2015

Lingua rica, rica

Unha imaxe vista na rede (esta que roubei, cunha lingua convertida en amorodo) inspiroume un carteliño que pretende expresar a multifuncionalidade (panfuncionalidade, para sermos exact@s) da nosa lingua, por riba de prexuízos e estereotipos que tentan asimilala a determinadas ideoloxías, clases sociais, hábitats, idades... O galego pode expresalo todo: o concreto e o abstracto; o real e o imaxinario; a mentira e a verdade... mais, sobre todo, exprésaNOS.

O froito da amorodeira ten varios nomes en galego (aínda que o DRAG recomenda a forma 'amorodo'): amorogo, morogo, morodo, morote; e, fronte a outros dicionarios, reserva o vocábulo 'careixón' unicamente para o froito silvestre.
Se non podes durmir pensando que raio será unha 'fresa', tranquil@, que aquí che vai a definición da RAG: Ferramenta de aceiro constituída por unha serie de coitelas dispostas en forma de cono ou de cilindro, que serve para puír, furar ou para facer máis grosos os furados dunha peza de metal ou de madeira.

luns, 5 de xaneiro de 2015

Falo galego. Sokram

 

Falo galego é un tema do primeiro disco en solitario de Sokram, Chuvia ácida, que o membro de DKTC presentará en concerto na sala Capitol de Compostela o próximo 16 de xaneiro.
Tamén é unha das camisetas máis exitosas das deseñadas por Rei Zentolo.

Premendo sobre o enlace poderás escoitar a cantiga de Marcos cuns acompañantes de excepción. A ver se os recoñeces...

https://sokram.bandcamp.com/track/falo-galego

xoves, 1 de xaneiro de 2015

Graffiti de Pontevedra. Gabeando polos muros

Na Xunqueira vanse enchendo os muros. Que non se estenda o pánico: aínda hai sitio gabeando ata o tellado.

Skate BoArt

Non están todos os que son -por problemas técnicos derivados da miña discapacidade fotográfica-, pero son todos os que están. Entre os que faltan, algunhas pezas das miñas favoritas (unha en branco e negro, sinxela e natural; outra de liñas vermellas sobre fondo negro...). En fin, se sodes máis do real ca do virtual, ide a exposición BoArt, en Portal 48 (Pontevedra), antes de que voen as pezas que quedan. 

Skate BoArt. Crawler

En Portal 48 (Av. de Lugo, 6 - Pontevedra) expóñense ata o 30 deste mes obras plásticas realizadas mediante diversas técnicas por varios autores sobre un soporte común: táboas de monopatíns usados. É unha boa oportunidade para facerse cunha peciña de arte exclusiva a un prezo ben razoable, para gozala na casa ou para agasallar alguén especial.

Dicionario visual. Artificio