Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

martes, 31 de decembro de 2013

Nadal en Pontevedra

Camiñar por Pontevedra: pracer de balde

Lembrando romanadas

Lembrando romanadas amencín este 31 de decembro. Camiñadas perimetrais sobre dous mil anos de historia en manda de filólogos itinerantes. Seis colegas e un Antón futuro en circunvalación aérea de dimensión variable sobre a muralla por virtuosismo da circunferencia, que non comeza nin acaba: máxico traxecto flexible que se adapta ao humor dos viandantes.
Tapas xenerosas tras a caótica xornada para trazar liñas invisibles de Fisterra á Estrada, de Teo a Melide e de Viana do Bolo a Baio.

                                                                                      Que romanadas!

                                                                                                                                 A Churrusqueira

luns, 30 de decembro de 2013

Graffiti de Pontevedra III


Micropoema da esqueira e o espello I

Fotografía de Chema Madoz


A esqueira e o espello


Por escaseza de espello, os chanzos que soben non acaban de baixar e o reflexo mutilado desbarata maxicamente o destino da esqueira: liberada da viaxe (dobremente cativa) consegue, por fin, ensimesmarse.

                                                              A Churrusqueira

domingo, 29 de decembro de 2013

Incomunicándose

Ela equivocouse.
El estaba mal.
Ela falou.
El retirouse.
Ela volveu falar.
El advertiulle que el non era el.
Ela arrepentiuse.
El tentou esquivala.
Ela pediu perdón.
El calou.
Ela pediu perdón.
El calou.
Ela insistiu.
El solicitou respecto e silencio.
Ela prometeu silencio e respecto.

Ela cumpre as promesas:
espera...

                                    A Churrusqueira

Promesa cumprida

Vista desde a Torre Hercón, na Coruña

Por chiste, prometeulles aos amigos que subiría a pé as escaleiras do edificio máis alto da cidade se nevaba en agosto.

O 3 de agosto de 2014, ás 6.05, nevou. Apenas catro folerpiñas tímidas que axiña se esvaeceron no ar e que a radio festexou como a noticia do ano.

Ás 7.15 da mañá comezou a ascensión dos 958 chanzos que a separaban do ceo. Dúas horas e trinta e cinco minutos despois, arfando, chegou á azotea. 


Desde alí, unha panorámica inédita encheulle os ollos: as avenidas -que a rentes do chan semellaban enormes- adelgazaron as liñas, as árbores do bulevar eran pompóns verdes e os humanos, seres mínimos a camiñar apresurados. 

Respirou profundamente, uliu o aire frío da mañá -xa sen nubes-, sentiu o balbordo do tráfico urbano, empoleirouse no bordo da cornixa e voou.

                                                                                                                                          A Churrusqueira

sábado, 28 de decembro de 2013

Graffiti de Pontevedra II


Micropoema do misto e a madeira

Chema Madoz (Madrid, 1958) é máis que un fotógrafo, é un poeta visual. As súas imaxes inspiráronme unha serie de micropoemas en prosa que irei debullando no blog.


O misto e a madeira


No incendio abrasador dos amores imposibles, o fogoso amante decide extinguirse para non consumir a amada na labarada do seu lume.

                                                  A Churrusqueira

xoves, 26 de decembro de 2013

"Malos tiempos para la lírica"

En homenaxe a Germán Coppini (falecido hai unhas horas), unha canción en castelán que me trae lembranzas da adolescencia. Quen non estudou EXB non poderá sentir o mesmo... 
Escollo unha actuación en directo do ano 1983, no programa "La Edad de Oro" e non novas versións sinfónicas de maior calidade técnica, que non me regresan aos 14 anos.

Graffiti de Pontevedra I

mércores, 25 de decembro de 2013

O bolígrafo máxico

El regaloulle -sen palabras- un bolígrafo máxico.
E ela comezou a escribir.

Ao primeiro, con cautela, polo pudor de exhibir na tinta sangue e bágoas. Logo, conforme o trazo esvaraba no branco, as letras deron en ir destecendo a trama, fío a fío, do seu interior liberado.

Deitou no papel a rabia, a loucura e a tristeza e; devagariño, cinco febras invisibles, recordos de lenes nobelos antigos de azul intenso, aliñáronse paralelamente para deseñar un pentagrama sen notas, no que a música era un silencio sutil como olor de nube que a levou voando -lonxe, lonxe, lonxe-... ata si mesma.

                                              A Churrusqueira

luns, 23 de decembro de 2013

O salario dos alcaldes

Os salarios mínimos dos alcaldes están garantidos polo Senado, segundo un acordo aprobado este mesmo mes, como a seguir se detalla:


De 1.000 a 5.000 habitantes: 45.000 euros
De 10.001 a 20.000 habitantes: 50.000 euros
De 20.001 a 50.000 habitantes: 55.000 euros
De 50.001 a 75.000 habitantes: 65.000 euros
De 75.000 a 150.000 habitantes: 75.000 euros
De 150.001 a 300.000 habitantes: 80.000 euros


Por suposto, estas cifras non inclúen eses complementos que tantas veces nos escandalizan cando os coñecemos (dietas, coche, asistencias a plenos...).
A Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) e o PSOE rexeitan o acordo da Cámara Alta, opóndose a Rajoy, porque consideran que pon en perigo a supervivencia dos concellos pequenos, ao prohibirlles a dedicación exclusiva aos alcaldes dos municipios con menos de 1.000 habitantes (que en Galicia son cada vez máis polo abandono do rural).
A FEMP (Federación Española de Municipios y Provincias) apoia o goberno central neste tema.

Non avogo eu por xestores públicos que traballen de balde, porque iso só permitiría gobernar aos que sempre tiveron cartos e sempre pensei que quen se adica a xestionar o diñeiro de todos debe ter un bo salario (para evitar malas tentacións) pero a realidade demóstrame cada día que algúns nunca son fartos. 

Tirade vós as conclusións, que eu non son quen.

domingo, 22 de decembro de 2013

Aquí rouban todos


Falemos das cifras da fraude nos ERE de Andalucía. Ata o momento, demostradas:

1,23 millóns de euros polo pagamento de prexubilacións a persoas que nunca traballaran nas empresas correspondentes.

73 millóns de euros en axudas directas a empresas (algunhas propiedade de ex-concellais do PSOE) adxudicados opacamente e sen control. [Cifra achegada pola Cámara de Contas].

50 millóns de euros en comisións abusivas de bufetes de avogados, consultoras e intermediarios; entre eles, dirixentes dos sindicatos. [Cifra estimada pola Garda Civil].


Desde 2005 había informes da Intervención da Junta de Andalucía alertando sobre as ilegalidades que estaba a cometer a Consejería de Empleo (daquela Griñán, o actual ex-presidente da Junta era conselleiro de Economía y Hacienda).

Daquela: hai crise ou o diñeiro está nalgún peto?

EsPPremendo ata a última pinga

Informa a axencia EFE de que o PP de Sanlúcar de Barrameda ofreceu zume de laranxas procedentes do banco de alimentos durante un almorzo cos medios de comunicación.

O presidente do PP de Cádiz, Antonio Sanz, desculpouse polo "erro".

Pois nada, home, nada. Un falliño teno calquera...

[Por certo, seica están ao caer un home gordo vestido de vermello e tres tipos sobre tres camelos que carrexan moita mercancía. Mirade a ver, que igual podedes repañar algo...]

sábado, 21 de decembro de 2013

Camiño branco

A compostelá de ascendencia palestina Najla Shami ponlle voz e moito máis ao poema de Rosalía de Castro nun fermoso videoclip, sinxelo e suxestivo, que nos convida a ganarlle a volta ás olladas ao son dun instrumento simple e evocador: o kalimba.


Máis tortos que dereitos

Logo de promover unha lei que impedirá ser nais a moitas mulleres que o desexan*, agora pretenden obrigarlles a selo a moitas que non queren.

Isto é o mundo ao revés ou son cousas miñas?


*Visitar no blog: Mato: o a.pelido abonda

Estación de autobuses da Estrada


Pescudo na rede información sobre a estación de autobuses da Estrada, para saber en que ano foi inaugurada, canto custou, canto tempo estivo en servizo e quen a pagou.

Non encontro nada, só unha páxina bastante recente do Faro de Vigo na que se fala da posibilidade de localizar no seu baixo o novo local da central de emerxencias, para o cal habería que desembolsar uns 300.000 euros.

Por que a estación se encontra neste estado e non se utiliza? Por que non baixan os autocares ás plataformas e hai que subir a eles na rúa? Para que gastan os cartos en infraestruturas que logo se abandonan?

venres, 20 de decembro de 2013

Horizonte

Bucles absurdos,
espirais infindas,
círculos excéntricos
dun rastro efémero
endereitan, por fin, a liña;
non seguindo a goma
(gastada)
de zapatillas novas
nin adiantando o paso:
sincronizada trama
de levitantes pegadas leves
- abeiradas-
como ringleiras de formigas tenues
a perderse no horizonte.

                                          A Churrusqueira

As mulleres falamos moito porque...

                                                     ... nos peta.

Viñeta de Gogue para Faro de Vigo do día 11 de decembro de 2013

Investigacións científicas que estudaron o fenómeno da locuacidade feminina revelan que as mulleres pronunciamos cada día aproximadamente o triplo de palabras que os homes (unhas 20.000 pola nosa banda fronte ás escasas 7.000 masculinas).

A causa desta diferenza xenérica provén, seica, dunha proteína denominada FOXP2, que as mulleres producimos en maior cantidade.

Outros estudos (Seltzer) revelan que conversar amistosamente aumenta a cantidade de oxitocina (a chamada hormona do amor, cando queren dicir orgasmo) e isto fainos empatizar cos demais, reduce o "stress", aumenta as sensacións de seguridade e confianza e provoca felicidade. O mesmo autor apunta que detrás do autismo pode agocharse unha disfunción na produción da tal hormona.

FALADE, RAPAZAS!!!!!

xoves, 19 de decembro de 2013

Naufraxio

Desde o fondo 
do vidro
a vida rebota.

Liñas cruzadas
confunden palabras.

Horas lentas
reptan sombras.

Noites longas:
mañás serodias.

Rumbo errado
na tormenta.

Tormento
sen bágoas.


Naufragas.

                         A Churrusqueira

Viva Venezuela!

Parabéns, Novagalicia Banco.
Só nos custaches 8.000 millóns de euros (máis as preferentes, cláusulas abusivas, postos de traballo, sucursais...).

As mulleres somos grandes! Si que si!

Violeta by Mango é unha nova liña da compañía que se lanzará en xaneiro á procura das mulleres con talles grandes (do 40 ao 52, segundo a multinacional).

As críticas contra a decisión da firma de incluír o talle 40 nesta categoría levantou ampolas, por transmitir unha mensaxe falsa sobre cal é o tamaño "normal" dunha muller.

Na plataforma change.org xa se iniciou unha recollida de sinaturas esixíndolle rectificacións á empresa.


A miña pregunta é: que talle debería considerarse "grande"? Onde marcamos o límite que separa o "normal" do "extraordinario"? Por que ten que haber liñas específicas para corpos que, malia todo - ai, que testaniña é a realidade- son os que pasean decote as nosas rúas? Por certo... hoxe en día, que talles venden en Mango? (Eu pensaba que por baixo do 40 había moi pouca cousa, non sendo roupa de meniñas. Quererán que sigamos sendo nenas toda a vida?).

Agasallos do futuro



Para este Nadal,
tres ideas para agasallar a nen@s (e maiores) que dan moito xogo e custan pouco:
xogo de dominó, agulla de gancho con nobelo e buxaina.

mércores, 18 de decembro de 2013

Mato: o apelido abonda

A ministra de Sanidade,  Ana Mato,
sorrindo polas súas "trasnadas"
O goberno tenta aprobar unha lei que impide ás mulleres sen parella e ás que aman outras mulleres recorrer á reprodución asistida para seren nais.

Lembrade que a ministra de Sanidade, promotora desta lei, non sabía que o seu home tiña un "jaguar" no garaxe nin que lle regalaban viaxes a Eurodisney e festas de aniversario para os fillos. 

Resumindo: unha nai exemplar.

En coruño non se di "ghuapa", dise "wapa"

"Coruña wapa" é unha campaña de dinamización comercial do governo (con v de gaivota) da Coruña.

Como che quedou o corpo?
(Fíxate ben no texto que acompaña o logotipo, no extremo inferior da foto á dereita)

Puntuación da Churrusqueira para esta campaña tan "moderna": 5 trousabonecos

martes, 17 de decembro de 2013

Moaña

Que bos mergullos cada noitiña, co mar para min soa...
Praia de 
Río de Ribeira

Lugar da Masandía


Parroquia de Tirán


Concello de Moaña



14/12/2013











Poesía e ruído!

Malos tempos para a lírica, cantaba un grupo mítico. Pésima época (a de hoxe) para a poesía, pensarán algúns.

No entanto, só ela pode salvarnos. A mellor arma, porque constrúe cando estoura: desenmascara os traidores e pula dos enxebres, derruba os muros que nos afastan dos próximos e demarca os lindes da nosa fronteira co marco (sempre cambiante) dos falsos. 

Pido palabras para sobrevivir a este tempo de miseria e miserables que pretenden calarnos, vendarnos, vendernos. Levantade a voz, alta e clara; que retumbe como treboada rabiosa polas rúas das aldeas, das vilas, das cidades. Metrópoles enteiras de ruído encendido que vibre ata rachar os vidros dos despachos nos que deciden o futuro negro da maioría (nunca máis silenciosa).

luns, 16 de decembro de 2013

Conto para Diego

Hai moitos, moitos anos, na pequena aldea remota de Torre Vella, no mítico país de Chuvia Eterna, vivía un neno chamado Estreladiño.
Naquela época (estouvos falando de hai moito, moito tempo) non existía internet, nin teléfonos, nin sequera automóbiles; así que a comunicación entre os lugares era lenta. Había que levar as cartas e as novas a cabalo, pero os poldros eran caros, así que non todas as casas tiñan un e a miúdo as novidades chegaban demasiado tarde.

Esta demora provocaba problemas. Por exemplo: cando o Xerifalte de Camiño Novo (circunscrición á que pertencía Torre Vella) ditaba unha nova lei -como os seus bandos chegaban con atraso- os habitantes das aldeas non podían cumprila de inmediato e a miúdo eran sancionados. Outras veces, se un cativo enfermaba, a doutora non era avisada a tempo e cando por fin conseguía chegar á casa do picariño, xa non había nada que facer.

Mais a veciñanza de Torre Vella non padecía esta eiva, grazas a Estreladiño. Porque Estreladiño nacera con ás nos pés. Para el percorrer quilómetros e quilómetros era como para nós botar a carreiriña dun can. Así que os veciños sempre recorrían a el cando algunha comunicación urxente debía ser transmitida ou había que enviar algún paquete importante.

Estreladiño sempre respondía. Con neve, vento ou trebón, o meniño saía como unha frecha cumprir a tarefa encomendada mal llo pedían. Non só por axudar a súa comunidade, senón tamén porque o neno gozaba con cada alancada. Para el correr era vivir soñando, como se voase por riba das dificultades e conseguise esquecer, mentres corría, todos os pesadelos da nenez.

As carreiras de Estreladiño salvaron vidas, esvaeceron malentendidos e reconciliaron amores, porque unha boa comunicación a tempo amaña moitas cousas e soluciona a maior parte dos enfrontamentos.

Pero Estreladiño non era perfecto. A súa fortaleza era tamén a súa debilidade, porque o rapaz non era quen de reprimir as ansias de correr. Corría e corría e nunca era farto. Corría de noite e corría de día. Corría cando tiña encargos que facer e por puro pracer de correr. Se espertaba na noite con soños escuros, saía fóra e corría por eidos e camiños. Almorzaba e corría. Xantaba e corría. Ceaba e corría. Se estaba alegre, corría; se estaba triste, corría. Mesmo cando durmía, soñaba que corría...

Pero un mal día, Estreladiño tropezou. Corría mirando o ceo: unha nube xeitosa que lle recordaba a cabeza dun elefante, con trompa e todo (el só vira os elefantes nos cromos, así que quedara pampo mirando para o paquidermo celestial). Foi bater na única pedra que había no camiño e caeu. Nin tempo lle deu a colocar ben os brazos e as mans para amortecer o golpe, que soou como un trono na soidade do val.
Máis doído no orgullo que no corpo, volveu á casa contendo as bágoas que querían asomar aos seus ollos, como facía sempre: Estreladiño nunca choraba.

A doutora, que tardou en chegar (porque non había Estreladiño para a avisar), recomendou repouso absoluto. A familia, os amigos, todos os seres queridos de Estreladiño intentaron que o neno acatase os consellos médicos. Primeiro con boas palabras e despois con ameazas, todas as visitas que foron pasando ao carón do leito de Estreladiño lle recordaron que debía descansar un tempo. Pero todo era inútil: as palabras perdíanse no vento porque o mociño non soportaba a idea de vivir sen correr. 

E esa mesma noite, coa perna vendada e aguantando a dor insoportable que sentía en cada centímetro de carne, mentres todos durmían, Estreladiño saíu silandeiro da casa e botou a andar polo camiño; apurando o paso cada vez máis, cada vez máis, cada vez máis... ata que se perdeu na noite.

Nunca máis apareceu.

                                                                                                                                 A Churrusqueira

domingo, 15 de decembro de 2013

A fractura da luz (ou era fartura?)

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, presentou recentemente unha nova campaña do Instituto Galego de Consumo baixo o nome "Dálle luz á túa factura". Con anterioridade xa se repartiran 30.000 folletos e entrara en funcionamento unha liña telefónica informativa sobre o recibo eléctrico.

A Xunta vai desenvolver seiscentas actuacións con obradoiros presenciais para 15.000 persoas e pretende chegar a outras tantas a través da web co fin de explicarnos o contido das facturas. O portal do IGC (Instituto Galego de Consumo) porá a disposición dos usuarios un simulador para que poidamos personalizar o recibo e ademais saber se estamos pagando polo que realmente consumimos.

A campaña parece ser unha resposta ás máis de 3.300 reclamacións contra as eléctricas que se recibiron durante os primeiros once meses do ano na OGC (Oficina Galega de Consumo).

Ou sexa: que en vez de obrigarlles ás empresas eléctricas a expedir facturas intelixibles (ou sexa, redactadas como deus manda e non para enganarnos), agora van gastar o noso diñeiro en cursiños para que as entendamos. Así me gusta: que mentres uns nos dan por diante, os outros nos dean por detrás!

Para quen queira saber algo máis sobre como nos enganan as eléctricas, lembro que no arquivo de blogs hai un artigo ao respecto, titulado A estafa do déficit tarifario da factura eléctrica.

sábado, 14 de decembro de 2013

Ánimo, Castro! Que non escape!

Marcho, que teño
que marchar...

Bye, bye!

 

A voltas coa @. Pido opinións



Advírteme unha seguidora (confeso que é unha miña tía) do perigo de usar a @ para expresar o morfema de xénero desde que as institucións (expertas en expropiar todo o que pode haber de subversivo e deturpalo ata convertelo no politicamente correcto) a incorporaron á súa linguaxe.

Eu dubidara antes de escoller este símbolo, aínda que me parece que no contexto da internet é onde máis sentido ten.

Proponme algunhas opcións:

- O h: nenhs. Esta marca non me gusta porque en galego o h condúcenos a home pero non a femia.
- O x: nenxs. Ela considera que convida á reflexión. A min evócame incógnita ou ambigüidade (como a nova tendencia "queer") e para algunhas persoas creo que pode ter connotacións máis sexuais que xenéricas. Ten o problema engadido de que a súa pronuncia é irresistible para unha galega (e para un galego).

Eu barallei a posibilidade de introducir un corazonciño ou algo así (vese que tiña o día sentimental) pero a interface de blogger non permite esas licenzas.
Outra alternativa pode ser o guión baixo: nen_s.
Repetir continuamente o masculino e o feminino é moi cargante e encontrar sempre substantivos colectivos ao xeito, esgotador. 
Se se vos ocorre algunha idea nova, enviádema como comentario. Se apostades por algunha opción das expostas, tamén.

Darlle voltas a este asunto é só unha teima de lingüistas? Agardo opinións. 

venres, 13 de decembro de 2013

Bicos a moreas para o CEIP do Foxo

Grazas a unha iniciativa do EDL (Equipo de Dinamización Lingüística) do CEIP do Foxo, os habitantes da Estrada imos poder agasallar os nosos na nosa lingua.
O alumnado e o equipo docente colaboraron nesta campaña (á que chamaron Bicos a moreas) para deseñar dezaseis modelos diferentes de etiquetas nas que podemos ler mensaxes tan fermosas como estas:

Quérote un mundo

Desexo que sexas feliz

Grazas por quererme

Que goces do teu día

Grazas por estares ao meu carón


Arrolos e aloumiños


Coa colaboración de ACOE (Asociación de Comerciantes da Estrada) e de ACE (Asociación Comercial de Empresarios), repartiranse 15.000 etiquetas que acompañarán os regalos nestas festas.

Parabéns por esta idea!

xoves, 12 de decembro de 2013

Ollos limpos

observando un mundo sucio...

Algo vai rematadamente mal

Curtocircuíto: cultura "low-cost"

Do 9 ao 13 de decembro de 2013 celébrase en Compostela o Festival Internacional de Curtametraxes. Só 2 euros por cada sesión de cinco ou seis películas e 6 euros por un bono de cinco pases. 

O día 11 asistín á exhibición das curtas das seccións Galicia e Internacional.
Na sección Galicia proxectouse media ducia de fitas, a maioría de terror. Non falarei dos seis filmes, senón dos que máis me impresionaron. Lamentablemente, non todos foron creados nin subtitulados en galego (tirón de orellas).

Unicorn blood, de Alberto Vázquez. A miña favorita. Unha curtametraxe de animación irreverente, grazas á cal non volveremos ver os osiños de peluche cos mesmos ollos. Cando os osiños consigan beber o sangue do último unicornio, a Terra volverá ser un mundo horrible dominado polos humanos. Voz terrorífica na locución en off e música de arreguizo. Debuxos case limitados ao branco e negro, agás polo vermello sanguíneo que inunda a pantalla cando suceden cousas terribles. Azul para os ollos do fermoso e malvado Moffy e a súa gravata de lazo.
Non desvelarei o final.
Neste enlace tendes o tráiler do filme: http://www.youtube.com/watch?v=zgWsrCLQMJg

Mr. Bear, de Andrés Rosende. Localización neoiorquina para contar a historia -en clave de comedia- dun home anulado pola súa esposa, que encontra o valor para levantar a voz por azar: integrantes dunha banda mafiosa confúndeno cun "despezador" de cadáveres e o pusilánime Mr. Bear (excelente Dan Daily) parece encontrar reconfortante o novo choio.

La carne cruda, de Samuel Lema. A antropofaxia explícita das imaxes expulsou algúns espectadores da sala. Inquietante Susana Caamaño no papel de nai. Carlos Villa e Rubén Riós, espléndidos. Os dous encarnan (nunca mellor dito) dous personaxes na procura imposible de encher o seu baleiro vital coméndose. Na nenez do protagonista (Hansel/Carlos Villa) atopamos respostas e unha boneca fiel, a súa única compañeira.
Aos que pensen que o argumento é o pesadelo dun tolo (guión do propio director) direilles que a escena máis crúa da película aconteceu na vida real, cando un caníbal e o seu alimento se buscaron na rede e se encontraron.

martes, 10 de decembro de 2013

Unha flor rara: Somos galegos

A flor rara que vos traio hoxe é un tema dun mozo da Estrada (ECDG) e outro de Sabucedo (Eleeme). A canción xa ten un tempiño e é unha flor rara porque é a única en galego (por agora) da súa discografía. Erik acaba de editar un novo traballo con Big Sexy titulado Free lines (en castelán, como o propio nome indica), que vos recomendo ardententemente (dez temas para escoitar con atención) e que estes rapaces regalan, íntegro, no enlace que figura ao fondo da páxina.  

O texto en azul cobalto é unha pequena biografía alfabética da miña autoría que resume a curtísima vida de Erik (El Chico de Gali). 
(Debaixo do texto tendes o arquivo sonoro da canción Somos galegos).

Biografía alfabética de ECDG


Aprendiz de amor á arte, amigo auténtico dos auténticos amigos,
baleira a bile bailando o boli e brilla na barafunda do berro e do barullo básico
creando cancións certeiras coas que cospe, colérico, na corrupta clase,
destapando demos e deuses; demostra donaire de dandi nos diálogos discretos.
Estudante de ESA na Estrada, escala esqueiras empinadas con enerxía e empeño
fabricando, feiticeiro, o seu futuro. Fanático da fam e da familia, fogueira sen fume,
galopa e galga o de Gali: galego non de gorxa, de grandeza gardada.
Herdeiro da historia horizontal: heterodoxia e herexía nos hedonistas himnos,
infancia inconsciente, impertinencia coa ignominia impune dos indignos infames.
Loce o laio sen lucrarse, lixeiro o lapis lúgubre libera lonxe longas letras.
Mantén maneiras maseliñas mentres mata medos, manexando meses de miúdas moedas:
non negocia números. Nanas de nai narcotizantes e namoros de neno nos que naufraga.
Ñam ñam de ñandús e ñus ao aloumiñar os avoíños como andoriña no seu niño,
ofrecéndolles oracións e ósos, obedecendo obrigas ou oscilando orbitante na onda oblicua.
Pelexa para prosperar prescindindo de pantasmas (pobre pai perdido!: perdeu o 1º premio),
queima queixumes con quimeras; quizais querendo quentarse, quebra a queixa que
rapea con rabia rexa, regala rimas rotas e rectas, recollendo o ramo na rebusca rítmica.
Substitúe as sombras polo sol, soña sereas e sacode sermóns sabiamente,
traballa con tesón e talento tentando tornar ao tramo trazado sen tremor torpe,
ultima ultreias únicas, unificando utopías e ultrarrealidades, unicornios e universos.
Vate do vermello verso, con 21, vive voraz; voga valente virando o veleiro,
xogando con xeito xarelo xermola a xoia do xenio, xesticula e xira, xeitoso,
zafa da zaga e da zampullada, zarrapica no zafiro, zigzaguea, zoa a zapatilla e... zas!

                                                                                                                                      A Churrusqueira



Se queredes descargar de balde o recente disco Free lines, de Erik e Big Sexy (Colectivo LC Fam), premede no enlace do fondo. (Para baixalo debedes ter instalado un compresor de arquivos de extensión .rar).

http://www.mediafire.com/download/a70y427njgstaic/Free+lines.rar

O neno máis educado do mundo

Durante os veráns de 1993 e 1994 traballei no programa de lecer para nen@s Ferradura Aberta, en Compostela. Consistía nun conxunto de actividades de tempo libre para a rapazada, con obradoiros variados (encadernación, xornalismo, pandeireta, plástica, teatro...). Todas as tardes de xullo e agosto @s cativ@s achegábanse desde as aldeas (había autobuses de balde) e desde a cidade ao Paseo da Ferradura (na parte da Alameda que dá ao Campus) e pasábano en grande de 4 a 8.

Participaron no programa centos de meniñ@s, pero eu recordo un con especial cariño. Non lembro o seu nome (van alá vinte anos), pero si lembro a súa forma de ser: con nove anos, era o meniño máis educado do mundo. Cariñoso, atento, sempre respectuoso coas regras dos xogos e as quendas, cun falar manseliño e cortés. Era un neno que brillaba entre os demais pola súa dozura e simpatía e por iso gañou o corazón de todos os traballadores e traballadoras de Ferradura Aberta. Mentres estaba connosco era feliz e os seus ollos proclamábano.

A maioría dos rapaces e rapazas que viñan aprender xogando botaban toda a tarde na Alameda, cambiando de taller e de actividade. El, en cambio, só viña unha horiña perdida entre as 5 e as 6. O resto do tempo, o pícaro traballaba limpando os parabrisas dos coches nos semáforos de Romero Donallo.

Sei que é moi difícil ser unha flor no medio do esterco, que é duro, que é un milagre. Pero ás veces esas flores nacen e valen máis que un bosque. Se encontrades algunha, coidádea.

                                                                                                                                        A Churrusqueira