Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

mércores, 25 de febreiro de 2015

Graffiti do Saviñao. Kaín

Ata a mesmísima praia da Cova (lugar de Seoane, parroquia de San Martiño) chegou Kaín
para certificar coa súa sinatura que, efectivamente, aquí se atopa o cabo do mundo e o Miño se revira.

Dicionario visual. Flotador salvavidas



Enlace ao vocábulo 'flotador' no DRAG


Enlace ao vocábulo 'salvavidas' no DRAG

martes, 24 de febreiro de 2015

24-F. Día de Rosalía

Premendo sobre a ligazón poderás escoitar un poema de Rosalía de Castro versionado por Nao. Un texto combativo e revolucionario creado hai máis dun século e que, lamentablemente, segue vixente en moitos aspectos.

luns, 23 de febreiro de 2015

Rosalía, raíña dos nosos corazóns

 
Un 24 de febreiro, oficialmente filla de pais descoñecidos, nacía nun recuncho afastado da corte, unha muller capaz de esquivar un destino sen brillo. 

Rosalía: combativa, magoada, forte, sensible, traballadora, emigrante contra a súa vontade, escritora por propio empeño, nai orfa de tantos fillos, doente, incomprendida por tantos, sincera ata a violencia nos seus textos... logrou vencer a lei inexorable do sistema para converterse na restauradora da literatura galega, perdida desde había tempo na sombra escura duns séculos ignorantes do esplendor medieval. 

Parabéns ao meu pobo, porque decidiu escoller, desde a súa alma colectiva, unha muller grande como o seu símbolo máis incontestado e claro.

Na véspera do Día de Rosalía

VAGUEDÁS

XIX

Ando buscando meles e frescura
Para os meus labios secos,
Y eu non sei com´atopo, nin por onde,
Queimores y amarguexos.
 ______

Ando buscand´almibres qu´almibaren
Estos meus agres versos,
Y eu non sei como, nin por onde, sempre
Se lles atopa un fero.
______

Y o ceo e Dios ben saben
Non teño á culpa d´eso;
¡Ay! sin querelo, têna,
O lastimado corazón enfermo. 


(libro completo dixitalizado, ed. de 1880)

sábado, 21 de febreiro de 2015

Noite e de día (eu tampouco entendo por que falta o 'de')

ALELUIA! O Señor, que é misericordioso, escoitou os nosos rogos e por fin podemos contemplar cos nosos olliños o espectacular videoclip de Henry Churches no que se promociona Galicia a cambio de 302.500 euriños de nada (que unha cousa é ser fillo do fillo dun papuchi nado por estes lares e outra moi distinta, ser unha ONG sen ánimo de lucro). 

A Xunta espera recuperar o diñeiro dos nosos petos multiplicado, grazas á publicidade que se fai do país ao incluír imaxes de lugares emblemáticos, como a Praia das Catedrais, a Praza do Obradoiro, a Muralla de Lugo, o complexo do G-ai!-ás... mais La Voz de Galicia (un xornal revolucionario e antisistema onde os haxa) xa contabilizou o tempo adicado á ambientación galaica na fita, que queda nun minutiño. Ademais, advirte que eses planos aparecen unicamente ao inicio e ao final do videoclip, sen a voz do cantante, polo que probablemente non serán escollidos polas televisións para promocionar o disco.

O esperable agora sería que eu vos deixase aquí a ligazón para acceder á peza audiovisual de Enriquito e Cía.; mais prefiro agasallarvos cun videoclip máis propio da nosa idiosincrasia retranqueira, realizado en Noia polos nosos (estes si) Monoulious DOP, e polo que non cobraron 302.500 euros das arcas municipais (que se saiba).

mércores, 18 de febreiro de 2015

Que raio é iso do TTIP?

Un vídeo duns 7 minutos para explicar a grandes trazos os tratados que están a argallar a UE e os EUA ás costas dos cidadáns e dos parlamentos.

Plurilingüismo: ese grande invento

O presidente da Xunta/Junta/Chunda-chunda de Galiza/Galicia/Jalisia, Alberte/Alberto/Albert Feixó/Feijóo/Fashion, afirma agora que quere traballar pola recuperación do consenso lingüístico sobre o idioma (galego, of course) dos tempos da Lei de Normalización Lingüística. Iso si, tamén nos informa de que non lle pasa pola cachola/mind/cabecita-loca derrogar o malfadado Decreto do Plurilingüismo, como miles de persoas lle reclamamos o pasado 8 de febreiro na manifestación convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego en Compostela.

O Dicionario da Real Academia Galega non recolle o neoloxismo xunteiro 'plurilingüismo'

Séculos Escuros. Deseqilibrio Mental

Desde Compostela, a banda sen u saca o seu segundo traballo: Séculos Escuros (I), que podedes descargar de balde premendo sobre o enlace ao seu blog, a pé de páxina.


luns, 16 de febreiro de 2015

Comfia (e non acertarás)

Hoxe está no punto de mira a federación de banca de CC.OO. por saíren á luz as súas contas dos anos 2008 a 2012. Critícanse, especialmente, os 14'06 millóns de euros que os seus dirixentes gastaron en viaxes, aloxamento e alimentación (entre outras miudezas).

Que inxusto é o vulgo! Acaso é tan difícil de comprender que un representante sindical, para poder defender os intereses da clase traballadora, non pode asistir ás reunións cos empresarios co único alimento dun menú de polígono industrial? Como debater en igualdade de condicións coa patronal se un non saboreou as opíparas delicias gastronómicas das mellores marisquerías? Quen sería capaz de enfrontarse con enerxía ás reformas laborais do goberno se a noite anterior non se descansou apraciblemente sobre as sabas de algodón exipcio das mellores suites de hotel? E como discutir cos directivos de grandes empresas sen antes realizar unha escapadiña relaxante ao Machu Picchu? 

E digo máis, ben pouco gastaron, á vista dos resultados. Debiltados pola desvantaxe á que os conduciu a súa austeridade manifesta (e manifestada pola cúpula do seu sindicato), sucumbiron aos encantos dialécticos, derivados, indubitablemente, dunha mellor mantenza, do presidente de Caja Madrid, Miguel Blesa, ao que apoiaron na súa xestión á fronte da entidade financeira; e ao que José María Martínez, actual secretario de Comfia, dirixiu estas sentidas palabras en 2010, cando o banqueiro se despedía para ser relevado por Rodrigo Rato:
 "Queremos expresar nuestro reconocimiento por su gestión durante los últimos 13 años, que también han sido la etapa más fructífera desde el punto de vista laboral”.

sábado, 7 de febreiro de 2015

The Loser

Que din os rumorosos na costa verdecente?

Que a Xunta de Galicia debeu de sentir mágoa do pobriño Henry Churches cando contemplou a portada do segundo sinxelo (El perdedor) do seu décimo e último álbum (a ti pregamos, Señor, para que sexa o derradeiro; e perdoa todas as nosas débedas, etc.).
E para alegrarlle a vida ao "cantante" melódico e modélico e que se lle quitase esa cara de año degolado da portada (na imaxe situada á esquerda, con perdón), e tendo en consideración os ancestrais xenes galaicos do descendente do descendente de Papuchi, decidiu agasallalo cunha doazón de 300.000 euros (billete arriba, billete abaixo) a cambio de que rodase nas galicianas terras un videoclip, para maior gloria e sona da terra que o seu pai "cantou" con aquel Un canto a Galicia (hey!, ei, ei, ei!) que tamén lle reportara pingües beneficios hai xa unhas décadas.

Sosteñen fontes non contrastadas que ao asinar o contrato millonario, o Quiquiño declarou: - Thanks to Feijóo/Feixó/Fashion; pero non parece información fiable, xa que o rapaz non tivo a sorte de recibir a actual formación plurilingüe da Xunta de Galicia.
 
Unha vez máis, unha mostra do impagable (nunca mellor dito) labor da nosa Xunta, empeñada en espallar polo mundo adiante a imaxe de Galicia (Calidade), sen facer caso das críticas malintencionadas nin de coñas mariñeiras (tradutor automático:berberechiñas).

domingo, 1 de febreiro de 2015