Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

sábado, 31 de maio de 2014

Canarias: terra de Rep-Sol


O logotipo non engana: por riba, o Sol, cunha raiola que se vai perdendo á esquerda (o pasado); no centro, a liña horizontal (do horizonte): unha mancha negra vacilante a estenderse cara adiante; e por baixo, o sangue encarnado da Terra, luxada para sempre pola pinga inmensa do petróleo.


Se queres asinar para que non haxa prospeccións nas Canarias nin nas Illes Balears:

venres, 30 de maio de 2014

Graffiti de Betanzos XX

Respectando o poeta do Courel

Obra de Gar One aka Gone

Graffiti de Betanzos XIX

ALTOFALANDO!!!
Buh aka Bugs & Rup´r

Graffiti de Betanzos XVIII

                                                                                  Blind     
                                                                              Suizo One    
                                       Gar One aka Gone & Suizo One   
                                                                           Suizo One    

Polbeira universal

O polbo: tan global como a Coca-Cola

Roubín* Hood


Blasco, deixándose querer 
polos seus patrocinadores
Rafael Blasco é un home dos que precisa a sociedade actual: polivalente; tanto vale para un roto como para un descosido.
Membro do PCE cando estudante, a súa versatilidade permitiulle traballar co PSOE valenciano. Cesado por indicios de suborno, soubo enfeitizar a Zaplana e asesorou o PP. Máis tarde enganchouse a Camps e logo, cando Fabra lle deu as costas, resistiu no escano do ostracismo. En resume, 30 anos na Generalitat por méritos propios. Como hai habelencias herdadas xeneticamente, non é de estrañar que a súa intelixente familia o acompañase no éxito, ocupando altos cargos ao longo da súa carreira política.
Agora é condenado a oito anos de cadea por desviar fondos públicos da cooperación a Nicaragua para comprar pisos e garaxes. Quedan pendentes máis xuízos por outros delitos.
Haberá indulto para Roubín aos Pobres?

*A forma "roubín" convive con "roubei" no bloque occidental.

xoves, 29 de maio de 2014

Zospeum tholussum

1 mm de lonxitude
Agochábaste nas covas 
croatas, en Lukina Jama,
a 980 m de profundidade 
e, malia a túa pequenez 
extraordinaria,
non puideches escapar
da pescuda que non para.
Pobre caracol translúcido 
sen nome,
axiña te bautizaron 
con palabras científicas
e estrañas.
Exemplar único,
molusco sen alma, 
cego e case inmóbil, 
sobrevivente nas xélidas 
e turbias augas;
xa non es vivo, 
senón ciencia humana.

                                                                 A Churrusqueira

Porc-cartos

Imaxe de libertariantoday.com
As familias pagan 10* veces máis impostos que as empresas no estado español, segundo denuncia un informe da ONG Oxfam Intermón.
As grandes compañías achegan só o 2% dun total do 10% que tributan as empresas, mentres que as familias financian os orzamentos públicos achegando o 90%  do gasto (entre rendas do traballo e impostos ao consumo).

*10 é a cantidade mencionada pola ONG, e non 50, como se está afirmando nos medios de comunicación.

Se queres asinar a petición para que mude o modelo tributario actual, entra en: 
http://www.oxfamintermon.org/

mércores, 28 de maio de 2014

A cara e o cu (perdón, a cruz)

Elegantes manequíns sen ollos dormen ao quente

Fotografía de El País, tirada na rúa Alberto Aguilera (Madrid)

O empregador

O alcalde, co seu caxato máxico buscaempregos
O alcalde do PPorriño, Nelson Santos, está imputado por prevaricación continuada, suborno, malversación de fondos, tráfico de influencias e vulneración dos dereitos dos traballadores.
Ante a prensa, el declara abertamente que un dos labores do seu cargo é telefonar ás empresas relacionadas co Concello para recomendar os seus veciños.

Este home éche un santo.

Graffiti de Betanzos XVII

Graffiti de Betanzos XVI

Obra de Buh aka Bugs
É hora de crear...
e deixarse de monadas
Obra de Gar One aka Gone

Graffiti de Betanzos XV

O spray escolle Viveiro
Gar One & Fungus

martes, 27 de maio de 2014

luns, 26 de maio de 2014

Graffiti da Coruña V


Sobre o antebrazo esquerdo,
rexo,
o coloso
sostén "norays"
e guindastres
orientados 
cara ao ceo.

Coa man dereita,
o coloso
abala o regador
creando 
redondas
ondas 
dondas
para aloumiñar gamelas.

Graffiti de Betanzos XIV

O feitizo das letras meigas
Gar One aka Gone & Buh

Graffiti de Betanzos XIII

Insecto rabioso ensinando o dentame
Gar One aka Gone

Graffiti de Betanzos XII (Os personaxes)

Graffiti da Coruña IV

Ambición viaxeira

Abeirada á estrada, a flor madura do mexacán agarda a ventada do automóbil veloz
que espalle a súa semente polo mundo adiante

domingo, 25 de maio de 2014

Un novo amencer

Desde A Estrada, Os John Deeres


Austeriqué?!

Quen di 7´2,  di 15´8... (millóns)
Fotografía: Capotillo
Recolle o dicionario da RAG na súa segunda acepción que austeridade é: [Cousa] que carece de elementos superfluos ou agradables ou que se reduce estritamente ao necesario
Preto de 9 millóns de euros (repito: 9.000.000 de euros; en pesetas: 15.000.000.000) é o custo engadido sobre o orzamento inicial do estadio municipal de Pontevedra, construído por Oreco co diñeiro procedente da Deputación e do Concello. Tras a petición de explicacións, efectuada polo edil de Deportes, o vicepresidente da Deputación respondeu: "Iso é política barata". (Arre demo para a baratura!).
Queda algún incauto ou incauta que siga crendo na ladaíña que non paran de repetirnos sobre a austeridade? A política que triunfa nada ten que ver coa sobriedade nin co aforro, senón co aumento do desequilibrio social: perda de dereitos e rebaixa de salarios entre a clase media e baixa e incremento de beneficios para as grandes empresas e algún que outro espelido (ou espelida).

sábado, 24 de maio de 2014

Graffiti da Coruña III

O terror ten moitas caras

Tres anos e un día

Por formar parte do piquete que tinguiu a auga da piscina de Campolongo durante unha folga en 2010, Ana e Tamara foron condenadas a tres anos e un día de cadea.

Ilustración: Kitsch
Se queres asinar a solicitude de indulto para elas, preme na ligazón:

xoves, 22 de maio de 2014

A Casa Real xa chía



Poliño en picado,
lastrado pola coroa

Desde hai horas. E no segundo chío xa meteron a zoca os que lles escriben os textos, malia a escaseza de caracteres. As Súas Maxestades (miñas non) dan a benvida en castelán, catalán, éuscaro, galego e inglés. Yes, yes.
Os chíos do vulgo non se fan agardar: en que lugar do estado é oficial o inglés?, o saúdo é polo de Xibraltar español?... e as protestas de asturianos e araneses (o aranés é oficial no Val de Arán).
Ai, ai, ai... Isto de metérense a modernos os membros dunha dinastía cuxo poder se asenta na casualidade xenética pode acabar coa paxarada recibindo unha crúa dose de realidade. 
Avisados quedan!

Graffiti da Coruña II

Catro columnas do viaduto en San Pedro de Mezonzo

Meu dito, meu feito

Pawel Kuczynski
O goberno español anda preocupado ultimamente pola proliferación de insultos, saídas de ton e mesmo ameazas de morte nas redes sociais. Xa foron detidos varios autores de mensaxes difundidas na internet.

Sei que é difícil delimitar a liña que separa a liberdade de expresión do dereito á intimidade ou das ameazas que poden atemorizar persoas e creo firmemente no poder creativo da palabra. A literatura demostra ese poder. Mundos antes inexistentes cobran vida ao seren verbalizados e divulgados.

Agora ben, que clase de sociedade persegue o dito antes que o feito?

Un mozo de dezanove anos é detido e interrogado por escribir que desexaría levar por diante unha presada de políticos. Ao tempo, España mantén relacións amistosas con países nos que se executan seres humanos, como Arabia Saudita ou os EE.UU. Asemade, fabrica armas que vende para conseguir beneficios e que acabarán con miles de persoas (sabemos que moitos serán civís). En 2011 acadaba o 7º posto mundial, logo de triplicar as vendas en dez anos. De feito, a industria bélica no planeta non sofre a crise xeralizada; ben ao contrario, aumenta o seu lucro. 
Resulta problemático encontrar na rede información exacta e veraz sobre os fabricantes de armas españois: os seus beneficios, a quen lle venden, cal é o destino final... Sabemos algunhas cousas: que non teñen escrúpulos para negociar con países en conflito, que comercian con ditaduras e democracias... En 2012, por exemplo, primeiro ano do mandato de Rajoy, a industria española vendeu 1.953,5 millóns de euros, segundo a Secretaría de Estado de Comercio. Entre os clientes, países denunciados nos organismos internacionais por non respectaren os dereitos humanos, como Arabia Saudita, Bahrein, Israel ou Marrocos. Pero o estado español non é unha excepción. Países tan "civilizados" como EE.UU., Alemaña, Francia, Reino Unido e Rusia (quen pense que Rusia sobra nesta lista, que recapacite sobre os outros) encabezan o execrable palmarés das potencias armamentísticas.
Daquela, en que quedamos?
Matar xente non é tan grave como desexalo ou esperalo?
Fabricar armas e vendelas está ben porque xera postos de traballo e lucro para as empresas?
Cantas varas de medir fan falta para entender este sistema?
Ou é que en realidade están argallando a forma de controlar a información libre e múltiple que voa polas redes dun recuncho a outro do globo?

mércores, 21 de maio de 2014

Concurso de graffiti

Podes consultar as bases no enlace:
http://www.galiciaflow.com/wp-content/uploads/2014/05/BASES-1er-CONCURSO-DE-GRAFFITI-a-estrada-xfest.pdf

Graffiti de Betanzos XI

              Graffiti: Gar One aka Gone              

Graffiti de Betanzos X

Gar One & Buh & Zaka

Ao sol que máis quenta

En Arabia Saudita rexe unha monarquía absoluta islamista.
En Arabia Saudita condénase os homosexuais á pena de morte.
En Arabia Saudita os menores de idade poden ser executados.
En Arabia Saudita ás mulleres prohíbeselles conducir.


Parabéns!!! Arabia Saudita é a nosa amighiña e por iso vai investir o seu diñeiro en empresas españolas.

Máis dun cento

Os orixinais son ben máis bonitiños
Estes días xulgan "só" sete edís de Compostela por aprobar o pagamento da defensa dun compañeiro imputado na Pokémon; pero entre os concellos de Lugo, Ourense, A Coruña e Santiago, hai máis dun cento de implicados na maior trama corrupta investigada en Galicia.
A operación, que se derivou daqueloutra nomeada Carioca iniciada no prostíbulo lugués Queen´s, foi deixando á vista unha mancha de xurro estendida por cada recuncho do país e na que aparecen implicados políticos, funcionarios, empresarios...

O peor é que o líquido noxento e fedorento que vai camiño de afogarnos non se compón dos residuos que evacuamos logo de nutrirnos porque xa non nos cómpren e se volven tóxicos para o noso organismo. O esterco da rede provén do diñeiro público, ou sexa, do que nos roubaron a nós para o repartiren entre eles. E agora dinnos que non hai recursos para manter a sanidade, a educación, a dependencia...

martes, 20 de maio de 2014

Aleluia!


Ilustración de Brais Fernández Pita
Epicéntrico caos
nas liñas azuis
do bolígrafo paciente,
canso de trazar
palabras herméticas. 

Labirinto liberador:
cuadrícula
que axuda a fuxir
(xxxxxx: léase ssshhh!) 
da cadea
          sen elos
                 da aula.

Fiestra de tinta
para voar
                   looooonxe.

ALELUIA!

                  
                                                                                                                       A Churrusqueira

sábado, 17 de maio de 2014

A cerna (Díaz Castro)

Hase de amar a cousa hastra que sangre.
O verdadeiro amor enferra en neve,
ara nun mar de rosas suco leve,
ai pro acadulla en sangre.

Tinguéuseche o machado en sangre loura.
Ai cómo, cernador, dói a batalla
cos que ún ama! Qué moura é a sombra moura
do machado na galla!

Despida contra o céio A Que Non Fala,
a póla firme coma un xuramento,
berra nos dentes do machado e estala
e tordea no vento...

Sobros cómbaros dondos coma un velro,
sobras cornas dos bois, sobro camiño,
a fraga berra, coucorexa o melro,,
cai arroulando un niño...

Eu vínte contra o sol, nunha hora tola,
abrazado ó teu toro, derregando
a traxedia de Deus. Dóinos a póla,
pro seguimos cernando!

Hastra que caia a derradeira estrela,
cairá o machado en carne que choramos,
no sono puro de deixar máis bela
unha vida que amamos.

xoves, 15 de maio de 2014

mércores, 14 de maio de 2014

A dignidade do pastor


Pascual foi entrevistado por Jordi Évole
o pasado domingo en Salvados
Pascual Carrión é pastor desde os seis anos. Vive en Jumilla coidando do seu rabaño de 300 ovellas. Herdou as terras dos seus devanceiros e comprou algunhas máis. Pascual sabe cal é o seu lugar no mundo e ama a súa profesión.  Por iso foi quen de enfrontarse aos poderosos. Primeiro, a Iberdrola: perdeu o xuízo e enfermou. Despois, a un macrocomplexo urbanístico de 15.000 vivendas con dous campos de golf nunha terra sen auga: gañou noites de insomnio e unha doenza cardíaca que lle deixou como lembranza unha válvula artificial. 
Pero logo de sete anos de batallas, o Tribunal Supremo deulle a razón; non porque o pastor tivese dereito a continuar co seu estilo de vida, senón unicamente porque no secano murciano non hai auga abonda para satisfacer a demanda que xeraría a nova veciñanza. Cando Jordi lle pregunta de que partido é, Pascual afirma ser "dos pobres", mais na súa casa o reloxo non muda de hora dúas veces ao ano.
Pascual renunciou a unha manchea de millóns a cambio dunhas terras que, a dicir da xente, non valen nada, porque posúe todo o que lle cómpre: a terra, o gando, o oficio e a dignidade.

Graffiti de Ordes VII (Pikachu)

Logo da Pokémon en Lugo, a Pikachu na Coruña

martes, 13 de maio de 2014

Que foi de... a bruxa Avaría?


Logo do seu fulgurante éxito como meiga no programa A bóla de cristal (1984-1988), a nosa malvada favorita caeu no esquecemento. Atrás quedou a proclama que lle dera sona: "Viva o Mal, viva o capital", malia acabar resultando dramaticamente profética. 
Desempregada e afastada do público, os anos 90 abocárona ao mundo das lambetadas. A piques de morrer por unha sobredose de glicosa, a artista logrou superar a súa adicción e decidiu reorientar a súa carreira profesional.



Na actualidade traballa como peiteadora persoal da artista cubana establecida en Sitges, Lucrecia. 
Lonxe dos focos, afirma sentirse feliz e en calma, reconciliada finalmente co mundo e co seu "espírito interior".

Graffiti de Compostela IV

Riquiño pero rabudo