Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

xoves, 23 de outubro de 2014

Palabra de amor


Segundo o dito popular, hai amores que matan, mais eu non concordo coa máxima.

Por iso, logo dos últimos datos estatísticos sobre o uso do galego (IGE), que non acaban de casar co cariño que moita xente afirma profesar pola lingua de noso, xórdeme unha dúbida razoable, que plasmei no deseño que vedes á dereita.

O galego vai perdendo presenza en todos os ámbitos, mesmo na rede (onde se iniciara cun pulo emocionante) debido, en gran medida, á política lingüística dos últimos tempos, caracterizada por un aparente desleixo que agocha unha planificada estratexia de substitución idiomática en favor do castelán.

Ben sei que, nas situacións de conflito lingüístico (e por moito que se empeñen, non se coñece ningunha comunidade onde dúas linguas convivan harmonicamente e se usen en pé de igualdade en todos os ámbitos; o que hai é diglosia), a presión social maioritaria actúa a favor da lingua A. E sei que é difícil contrarrestar esa presión, especialmente cando o poder teima en afastar a lingua minorizada do ámbito académico, privando unha parte da xeración máis nova -produce mágoa comprobar que moitos nenos e adolescentes non se desenvolven con fluidez en galego- dunha ferramenta comunicativa, non só valiosa, senón propia; ata o punto de chegaren a considerala allea, co que iso supón para a cohesión social dunha comunidade que, pese a todo, segue autorrecoñecéndose como pobo distinto e unido: identificado como galego. 

Cómpre, entón, a implicación de plataformas civís a prol do idioma e parece que, nesa fronte, as asociacións que defenden o galego están ben vivas (e, na miña opinión, socialmente mellor consideradas que a que se pretende bilingüe). Non obstante, non abonda.

Aquí e agora, a acción individual é crucial. Porque existen moitas formas de apoiar unha lingua, pero hai unha mellor que todas as demais. E ti sabes ben cal é.

Ningún comentario:

Publicar un comentario