Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

venres, 17 de outubro de 2014

Castor vs. contribuínte



Os castores son roedores caracterizados por unha actividade frenética que modifica a paisaxe dunha forma espectacular. Adican a súa vida a construír presas nos ríos mediante a colocación de troncos e pólas das árbores que conseguen derrubar coas súas potentes mandíbulas.
Son animaliños laboriosos que seguen o seu instinto natural, cunha conduta perfeccionada polas leis evolutivas, sen intervención do raciocinio.

Na costa castellonense, fronte a Vinaròs, instalouse unha plataforma para extraer - mediante a técnica da fractura hidráulica (frácking)- gas natural e almacenalo. A autorización para o proxecto concedeuna o goberno de Zapatero (PSOE) en 2008. Chamóuselle Proxecto Castor.
Escal UGS (participada maioritariamente por ACS) encargouse da construción. Para conseguir os 1.400 millóns de euros que se precisaban, emitíronse bonos de débeda respaldados polo BEI (Banco Europeo de Investimentos).

Ao pouco de comezar os traballos de inxección de gas colchón para extraer o gas natural, en 2013, rexistráronse máis de 500 sismos na zona. Entón, o goberno actual (PP) encargou informes ao IGME (Instituto Geológico y Minero de España) e ao IGN (Instituto Geológico Nacional). A súa conclusión: hai relación directa entre os labores na plataforma e os terremotos, orixinados pola rotura dunha falla xeolóxica non cartografiada ata entón e que agora foi bautizada como falla Castor.
Por iso o Proxecto Castor vai ser desmantelado e entre todos teremos que devolverlle o diñeiro investido á empresa propietaria: 1.350 millóns de euros.

Resumindo: sen estudos serios autorízase a construción dun proxecto perigoso (como denunciaban os ecoloxistas) a unha empresa privada que pensa obter beneficios da súa explotación. Cando as cousas van mal (demostración empírica de que o proxecto non era fiable), a empresa lava as mans e os de sempre restituímoslle o investimento.
Os contribuíntes somos animaliños laboriosos que non seguimos o instinto natural, posto que a cultura e a civilización modificaron a nosa conduta, que se desenvolve rutineiramente, sen intervención do raciocinio. 
Porque se usaramos a cabeciña... Ai, mimá!

Ningún comentario:

Publicar un comentario