Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

venres, 10 de xaneiro de 2014

En defensa dos neofalantes

Comezarei por dicir que escribo este artigo en defensa dos neofalantes porque os galegofalantes de toda a vida non precisan de defensa ningunha: a lingua é súa máis que de ninguén e sen eles o galego non existiría hoxe. Eles preservaron e preservan a riqueza do idioma en toda a súa complexidade e variedade para todos nós.

Imos, pois, cos neofalantes, entre os que me inclúo. 
Os neofalantes son/somos persoas educadas nun contexto castelanizante (principalmente urbano) que nun momento determinado da nosa vida decidimos, conscientemente e por convicción, escoller o galego como a nosa lingua de instalación.
Procedemos de familias que emigraron das aldeas ás vilas ou ás cidades na busca do que consideraban unha vida mellor. Inmersas no novo contexto, mantiveron o galego como lingua de comunicación entre a parella pero decidiron educar os fillos en castelán, por consideraren que a lingua A era unha vantaxe para o futuro. Esta situación diglósica é de manual: a perda da transmisión xeracional da lingua B en favor da A.
Agora ben, o individuo diglósico non é un bicho raro que decide libremente exercer unha das formas máis crueis de autoodio que pode existir: o rexeitamento da propia identidade expresada na lingua (a verdadeira patria). É a vítima dun sistema inxusto que inocula a crenza, corroborada na práctica, de que para medrar hai que asimilarse aos dominantes.

Acontece que algúns destes fillos criados nas cidades, expostos ás dúas linguas en conflito, reflexionan. E pensan que non está ben que a lingua materna dos seus pais sexa a lingua B, que non está ben deixarse levar e asumir as inxustizas, apousentarse na comodidade e decidir que a súa lingua de instalación e de identidade vai seguir sendo sempre o castelán. Porque, reflexionando, chegan á conclusión de que a única forma de defender o idioma é falándoo. 

Botarse a falar galego non é doado desde o punto de vista social. Cando un castelanfalante dá en facelo, case todo o mundo lle pregunta por que, como se falar galego precisase de explicacións. No entanto, é fácil lingüisticamente (no caso das persoas con pais galegofalantes) porque en realidade o idioma sempre estivo aí: a estrutura, a fonética, o sotaque..., porque o castelán que os seus pais lles falaron só era un galego disfrazado.
Sucede, tamén, que xorden novos encontros e reencontros; porque as únicas persoas que non lles preguntan aos neofalantes por que mudaron de idioma son as súas familias: os pais e os avós. E resulta que as conversas novas son mellores que as vellas e, cos anos, aquelas persoas que pensaban que o castelán era o único idioma conveniente para os fillos, agora séntense orgullosas de que os seus decidisen escoller a lingua estigmatizada. E esa elección failles pensar que, despois de todo, a súa lingua, vale.

2 comentarios:

  1. Pero é que estes galegofalantes, fillos de pais que falaban entre eles en galego e lle falaban aos fillos en castelán para que non fosen excluídos, en realidade teñen como lingua identitaria o galego, pois como ti moi ben aclaras, coñéceno perfectamente, non teñen maior problema de identidade, aínda que teñan conciencia de que hai unha lingua "boa" e outra "ruín". Iso dificultaralles a toma de postura á hora de falar galego e afectaralle á súa autoestima pero non afecta á súa identidade. Tratábase de identidades. Hai outros neofalantes, aqueles que se moveron sempre nun ambiente onde se falaba castelán, e castelán culto. A eles hai que agradecerlles tamén, aínda que a algunhas non nos resulte doado, que optaran polo galego. Teñen mérito pois non é unha lingua que sintan como súa, non é a súa lingua identitaria, non pode selo, e máis fan o esforzo de falala como eu podo falar o inglés. A algunhas non nos resulta doado aceptalos por puro resentimento, porque representan o grupo social (ou debería dicir clase?) que ata hai ben pouco excluíu das súas tribos, a base de mofa, aos portadores históricos do galego. Dentro de estes hai divisións posibles: os que fan o que poden coa mellor intención (algúns falan moi ben outros teñen problemas serios coa fonética) e os que falan galego pero sen pasarse (o acentiño non, a geada non, o seseo non, eu paleto non che son). Penso que moitos deles, un chisco atrevidiños, séntense "redentores" do galego...Tamén falan moito do medo a que a lingua se perda, porque é moi fácil perder o que non se ten en realidade. A miña veciña, Dulcina, non ten ningún medo a perder o galego. Despois están os que falan castelán e respectan aos que falan galego: algúns seguirán pensando que así "véndese máis" e outros non atoparán unha razón para cambiar de lingua se é que senten como lingua identitaria o castelán. Outros hai, claro, que desprecian o galego como lingua de incultos e outros topicazos que ben coñecemos. Tanto entre os que falan galego como entre os que falan castelán, non se mellorou moito na consideranción que merece o (chamémoslle así para entendernos) "falante histórico": faise mofa do paleto, do aldeán e do seu traballo, evítase a fonética e a prosodia marcada, etc. Pasa coma co racismo: non importa se es negro mentres sexas famoso xogador de fútbol. Aquí temos un problema sociolóxicco serio, un problema de clase. Por iso tampouco non se respecta o castrapo, esa lingua bonita, lingua fronteiriza, a que falan cos fillos os que entre eles falan galego, a única lingua que medio permite traducir un texto do galego ao castelán sen que minta de todo. O castrapo é o peor, é tabú, é peor aínda ca ser da aldea. É un problema de odio social, de xenofobia, e non é único de Galicia, claro. A xenofobia é un mal do noso tempo.
    E hai moita falta de naturalidade neste tema. Eu non vexo nada censurable no que facían os intelectuais galeguistas na época do franquismo (algún que coñecín ben) que falaban castelán nas súas casas porque era a súa lingua identitaria e falaban galego cando falaban cara a un público, arriscando o pelexo. Ahí non había falsedade, mais naturalidade. Coma se eu falo galego mais defendo públicamente o uso do irlandés. Ou vivindo en Madrid por 45 anos paso do galego ao castelán con naturalidade.
    .

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Eu, por exemplo o idioma que me ensinaron dende pequena foi o galego,e na miña casa fálase galego(en toda a miña familia). Logo de porta para fora, falo castelán, pero non por nada especial...collín esa costumbre xa dende nena. Ou se me falan galego,respondo en galego. Penso que é unha cuestión de educación. Ou se me peta,falo en galego!
      E non sei,pero creo que os que desprecian o castrapo,son minoría. Porque non hai maior signo de identidade como o noso idioma e as súas variantes, e moita xente o fala.

      Eliminar