Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

martes, 10 de decembro de 2013

Unha flor rara: Somos galegos

A flor rara que vos traio hoxe é un tema dun mozo da Estrada (ECDG) e outro de Sabucedo (Eleeme). A canción xa ten un tempiño e é unha flor rara porque é a única en galego (por agora) da súa discografía. Erik acaba de editar un novo traballo con Big Sexy titulado Free lines (en castelán, como o propio nome indica), que vos recomendo ardententemente (dez temas para escoitar con atención) e que estes rapaces regalan, íntegro, no enlace que figura ao fondo da páxina.  

O texto en azul cobalto é unha pequena biografía alfabética da miña autoría que resume a curtísima vida de Erik (El Chico de Gali). 
(Debaixo do texto tendes o arquivo sonoro da canción Somos galegos).

Biografía alfabética de ECDG


Aprendiz de amor á arte, amigo auténtico dos auténticos amigos,
baleira a bile bailando o boli e brilla na barafunda do berro e do barullo básico
creando cancións certeiras coas que cospe, colérico, na corrupta clase,
destapando demos e deuses; demostra donaire de dandi nos diálogos discretos.
Estudante de ESA na Estrada, escala esqueiras empinadas con enerxía e empeño
fabricando, feiticeiro, o seu futuro. Fanático da fam e da familia, fogueira sen fume,
galopa e galga o de Gali: galego non de gorxa, de grandeza gardada.
Herdeiro da historia horizontal: heterodoxia e herexía nos hedonistas himnos,
infancia inconsciente, impertinencia coa ignominia impune dos indignos infames.
Loce o laio sen lucrarse, lixeiro o lapis lúgubre libera lonxe longas letras.
Mantén maneiras maseliñas mentres mata medos, manexando meses de miúdas moedas:
non negocia números. Nanas de nai narcotizantes e namoros de neno nos que naufraga.
Ñam ñam de ñandús e ñus ao aloumiñar os avoíños como andoriña no seu niño,
ofrecéndolles oracións e ósos, obedecendo obrigas ou oscilando orbitante na onda oblicua.
Pelexa para prosperar prescindindo de pantasmas (pobre pai perdido!: perdeu o 1º premio),
queima queixumes con quimeras; quizais querendo quentarse, quebra a queixa que
rapea con rabia rexa, regala rimas rotas e rectas, recollendo o ramo na rebusca rítmica.
Substitúe as sombras polo sol, soña sereas e sacode sermóns sabiamente,
traballa con tesón e talento tentando tornar ao tramo trazado sen tremor torpe,
ultima ultreias únicas, unificando utopías e ultrarrealidades, unicornios e universos.
Vate do vermello verso, con 21, vive voraz; voga valente virando o veleiro,
xogando con xeito xarelo xermola a xoia do xenio, xesticula e xira, xeitoso,
zafa da zaga e da zampullada, zarrapica no zafiro, zigzaguea, zoa a zapatilla e... zas!

                                                                                                                                      A Churrusqueira



Se queredes descargar de balde o recente disco Free lines, de Erik e Big Sexy (Colectivo LC Fam), premede no enlace do fondo. (Para baixalo debedes ter instalado un compresor de arquivos de extensión .rar).

http://www.mediafire.com/download/a70y427njgstaic/Free+lines.rar

Ningún comentario:

Publicar un comentario