Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

domingo, 15 de decembro de 2013

A fractura da luz (ou era fartura?)

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, presentou recentemente unha nova campaña do Instituto Galego de Consumo baixo o nome "Dálle luz á túa factura". Con anterioridade xa se repartiran 30.000 folletos e entrara en funcionamento unha liña telefónica informativa sobre o recibo eléctrico.

A Xunta vai desenvolver seiscentas actuacións con obradoiros presenciais para 15.000 persoas e pretende chegar a outras tantas a través da web co fin de explicarnos o contido das facturas. O portal do IGC (Instituto Galego de Consumo) porá a disposición dos usuarios un simulador para que poidamos personalizar o recibo e ademais saber se estamos pagando polo que realmente consumimos.

A campaña parece ser unha resposta ás máis de 3.300 reclamacións contra as eléctricas que se recibiron durante os primeiros once meses do ano na OGC (Oficina Galega de Consumo).

Ou sexa: que en vez de obrigarlles ás empresas eléctricas a expedir facturas intelixibles (ou sexa, redactadas como deus manda e non para enganarnos), agora van gastar o noso diñeiro en cursiños para que as entendamos. Así me gusta: que mentres uns nos dan por diante, os outros nos dean por detrás!

Para quen queira saber algo máis sobre como nos enganan as eléctricas, lembro que no arquivo de blogs hai un artigo ao respecto, titulado A estafa do déficit tarifario da factura eléctrica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario