Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

sábado, 7 de decembro de 2013

De costas aos veciños e suspirando por coalas

Vaia por diante que me entusiasma coñecer outras culturas, porque creo que a ignorancia nos impide chegar a ser o mellor que poderiamos ser. Creo no enriquecemento da diversidade e encantaríame falar máis linguas das que falo. Penso, ademais, que de todas as manifestacións culturais dun pobo, a lingua é a máis extraordinaria e a única que cohesiona os seus membros alén das modas e dos cambios inevitables da evolución histórica.

Entón, por que o título desta entrada?
Vou falar das Escolas Oficiais de Idiomas en Galicia (o nome da institución é suficientemente claro como para non ter que explicalo).

Pois ben, en Galicia existen once EOI cunhas dezasete seccións adscritas, que posibilitan o estudo de once linguas en moitos puntos do territorio.
Os idiomas que podemos aprender (entre todas elas) son, por orde alfabética: alemán, árabe, chinés, español (os estranxeiros só), francés, galego, inglés, italiano, portugués, ruso e xaponés.
Todas as EOI (nas sedes centrais) imparten: alemán, francés, inglés e italiano. Non todas portugués nin... GALEGO.

Botades algunha lingua da nosa contorna en falta?

Eu quero estudar catalán nunha EOI galega e non podo. Tamén me gustaría estudar éuscaro e tampouco podo. No entanto, podo estudar xaponés, chinés, árabe, ruso... posibilidades que me encanta que me ofrezan. Xa estudei portugués e agora estou facendo inglés. Ademais, fixen uns cursiños de verán de xaponés e de italiano que me gustaron moito.

Agora ben, para alguén que vive en Galicia, sería tan extravagante querer estudar catalán ou éuscaro? Acaso non sería unha vantaxe para nós poder desprazármonos a Catalunya ou a Euskadi por motivos laborais, académicos ou de lecer e podermos falar cos nosos veciños no seu idioma?

Quen separa?

Ningún comentario:

Publicar un comentario