Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

xoves, 12 de decembro de 2013

Curtocircuíto: cultura "low-cost"

Do 9 ao 13 de decembro de 2013 celébrase en Compostela o Festival Internacional de Curtametraxes. Só 2 euros por cada sesión de cinco ou seis películas e 6 euros por un bono de cinco pases. 

O día 11 asistín á exhibición das curtas das seccións Galicia e Internacional.
Na sección Galicia proxectouse media ducia de fitas, a maioría de terror. Non falarei dos seis filmes, senón dos que máis me impresionaron. Lamentablemente, non todos foron creados nin subtitulados en galego (tirón de orellas).

Unicorn blood, de Alberto Vázquez. A miña favorita. Unha curtametraxe de animación irreverente, grazas á cal non volveremos ver os osiños de peluche cos mesmos ollos. Cando os osiños consigan beber o sangue do último unicornio, a Terra volverá ser un mundo horrible dominado polos humanos. Voz terrorífica na locución en off e música de arreguizo. Debuxos case limitados ao branco e negro, agás polo vermello sanguíneo que inunda a pantalla cando suceden cousas terribles. Azul para os ollos do fermoso e malvado Moffy e a súa gravata de lazo.
Non desvelarei o final.
Neste enlace tendes o tráiler do filme: http://www.youtube.com/watch?v=zgWsrCLQMJg

Mr. Bear, de Andrés Rosende. Localización neoiorquina para contar a historia -en clave de comedia- dun home anulado pola súa esposa, que encontra o valor para levantar a voz por azar: integrantes dunha banda mafiosa confúndeno cun "despezador" de cadáveres e o pusilánime Mr. Bear (excelente Dan Daily) parece encontrar reconfortante o novo choio.

La carne cruda, de Samuel Lema. A antropofaxia explícita das imaxes expulsou algúns espectadores da sala. Inquietante Susana Caamaño no papel de nai. Carlos Villa e Rubén Riós, espléndidos. Os dous encarnan (nunca mellor dito) dous personaxes na procura imposible de encher o seu baleiro vital coméndose. Na nenez do protagonista (Hansel/Carlos Villa) atopamos respostas e unha boneca fiel, a súa única compañeira.
Aos que pensen que o argumento é o pesadelo dun tolo (guión do propio director) direilles que a escena máis crúa da película aconteceu na vida real, cando un caníbal e o seu alimento se buscaron na rede e se encontraron.

Ningún comentario:

Publicar un comentario