Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

luns, 4 de agosto de 2014

Qatar e FIFA: o crime perfecto

Isto non é apoloxía da ditadura?
A Confederación Sindical Internacional denuncia que xa morreron 1.200 obreiros (como mínimo) nas obras de Qatar para o Mundial de Fútbol, e prevé que deica a súa celebración, en 2022, finarán ata 4.000. As cifras reais son incalculables porque só Nepal e a India informan dos seus mortos; pero no emirato árabe abunda man de obra de Paquistán, Sri Lanka, Filipinas... Se comparamos os números cos da última competición comprendemos a natureza non fortuíta dos casos: nas obras do Mundial do Brasil morreron sete persoas e nas do Mundial de Sudáfrica, dúas.
1.400.000 traballadores inmigrantes costrúen as infraestruturas para o evento "deportivo" nun país (escollido pola FIFA) no que os sindicatos están prohibidos e non existe un salario mínimo. Os operarios padecen xornadas de 12 horas a temperaturas de ata 55º, a miúdo cobran menos do pactado e tarde, dormen amoreados en pendellos sen electricidade e con pouca auga... A lei kafala determina que os obreiros non poden mudar de traballo nin saír do país sen a autorización do empresario, de forma que cando non aturan as condicións laborais e queren fuxir, retéñenlles varios meses de soldo e non lles devolven os pasaportes. O goberno anunciou a reforma deste sistema de patrocinio en febreiro, ante a presión da FIFA e dos organismos internacionais, pero Amnistía Internacional denuncia que só se maquillou a letra da norma, mantendo o seu espírito: a falta de liberdade de circulación dos traballadores e a súa desprotección ante os abusos.


Qatar ten a renta per cápita
máis alta do mundo.
Só 250.000 persoas
dos 2 millóns que viven alí
son cidadáns qatarís.
Causa das mortes producidas ata agora, segundo as autoridades qatarís: infarto.

A miña conclusión: crime perfecto, perpetrado por un réxime absolutista coa cooperación necesaria da FIFA, que encontrou axeitado celebrar o Mundial nun Estado onde non se respectan os dereitos humanos e que escraviza os inmigrantes. A miseria de moitos alicerza os rañaceos, as estradas e os estadios para que unha minoría presuma de país cando cheguen os convidados ao espectáculo global, que vibrarán sobre as bancadas sen pensar nos cadáveres que as sustentan.

Se queres ler o informe completo da Confederación Sindical Internacional, preme no enlace:
http://www.ituccsi.org/IMG/pdf/qatar_es_web_mars_2014.pdf

Ningún comentario:

Publicar un comentario