Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

mércores, 29 de xaneiro de 2014

Non podo vivir sen min

"Non podo vivir sen min" é o retrouso da última canción do musical "Bye-bye, honey", de Obras Públicas, ao que asistín o 26 de xaneiro en Compostela (como era domingo, día do espectador: 5 euriños, nada máis).

Tres actores-cantantes e mais tres músicos (dirixidos por Jose Prieto, autor asemade do texto) enchen o escenario cunha historia dramática que consegue facer rir e emocionar o público con esa amargura aceda que provoca unha realidade difícil e cercana (a familia, o alcohol e outras drogas, o abandono escolar, o paro, a prostitución, o suicidio, a violencia de xénero...). 

Enormes César Goldi e Carlos Mosquera Mos. O veterano, cunha enerxía desbordante que nos facía escachar coa risa cando estaba en segundo plano; o mozo, practicando impresionantes mudanzas de aspecto ante os nosos ollos con cada cambio de personaxe, sen necesidade de maquillaxe nin apenas accesorios.
Loureiro especial para Iolanda Muíños: que espectáculo de muller cantando, bailando e actuando. Intensidade en todas as cancións, do rock á pachanga, da copla ao blues... Voz impresionante e interpretación que nos sacode apoiada nuns textos ás veces desgarradores.

E que ben resume a canción final o que está a pasar no mundo do teatro e da música, da cultura en xeral, desprezada e desprazada polos mangantes (perdón, magnates) do goberno, que queren afastala da maioría encarecéndolle o ive... E que reconfortante é comprobar canto talento hai no país. Dá xenio ver como a xente que vale aposta por si mesma arriscándose na autoprodución para manterse na profesión e para que o pobo non se vexa privado do acceso á cultura (desconto importante no custo da entrada para os desempregados).

Déixovos aquí o tráiler promocional do espectáculo, recomendándovos encarecidamente que vaiades velo se tendes ocasión. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario