Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

domingo, 19 de xaneiro de 2014

Mocidade real

Existen moz@s pantasmas. Viven como espectros en mundos virtuais, enredados entre fíos de ondas invisibles que os ennobelan sen acabar de conectalos. Habituados a universos paralelos, as rúas cotiás semellan para eles outro planeta no que lles custa desenvolverse. Agrúpanse en rabaños de bebedores compulsivos de fin de semana, a miúdo coa permisividade de pais e nais, máis preocupados polos resultados académicos que pola felicidade d@s fill@s. Para celebracións especiais alugan (co diñeiro de papá e mamá) casas rurais que destrozan por diversión en poucas horas, imitando películas de difusión global. Quedaren sen i-phone sería a súa maior traxedia. O seu desinterese pola política (que confunden cos políticos) é o ingrediente ideal para perpetuar a corrupción e a inxustiza. 

Existen nov@s reais. Estudan, traballan, crean. Usan o whatsapp pero tamén conversan cara a cara. Saben falar con persoas doutras xeracións e na rúa están no seu ambiente. Transitan sen trauma do rato ao monopatín, da tecla ao boli, do libro de texto á acción solidaria. Organízanse en grupos que comparten intereses para se axudaren e axudar á comunidade da que forman parte. Probablemente desconfían dos políticos (quen non?) pero actúan social e organizadamente (fan política da boa: a que busca un mundo máis xusto e igualitario).

Tres colectivos xuvenís da Estrada decidiron regalar o seu tempo e esforzo para rehabilitar a estación de autobuses da vila, propiedade da Xunta de Galicia e cedida á empresa La Estradense en réxime de concesión. A planta baixa encóntrase nunha situación lamentable desde hai ben tempo, entregada á ruína dos botellóns, das humidades e do abandono indolente. A rapazada comezou facendo tarefas de limpeza e proseguirá con obras de pintura e amaños (en canto poidan dispor dos materiais prometidos polo alcalde) co fin de acondicionar as instalacións para unha futura Casa da Xuventude. Esta mocidade real non senta a esperar subvencións ou instalacións sufragadas por organismos oficiais. Talvez conscientes de que o ombro sempre o deben arrimar os mesmos, elas e eles agarran con entusiasmo alegre o angazo e a baeta para amañaren o que outros estragaron.
Porque nos dan leccións a tod@s (e sobre todo a algúns, que deberían tomar nota)...

Así se fai!

Bravísimo a

Big Bang (asociación de voluntariado) 
Launch Systems Skatesboard (skaters)
Colectivo LC Fam (hip-hop: rap e música electrónica)

Alonso de la Cantera e Annie Sánchez (coordinadores)

Ningún comentario:

Publicar un comentario