Ernesto Fernández, a piques de rematar |
Antonte, mentres unha gran parte da poboación apampaba e sufría mirando para os mercenarios do balón, en Marineda City podiamos asistir a un momento máxico: o instante exacto no que o "rubikeiro" Ernesto Fernández colocaba o penúltimo cubo para compor o mosaico colorido da faciana de Nelson Mandela.
O coruñés contounos que levaba investidas unhas 35 horas de traballo (dificultado pola rixidez dos cubos) para conseguir un novo récord: 4.664 poliedros coa combinación exacta de movementos para deseñar a cara do líder surafricano.
Unha idea perfeccionista asaltou a mente do speedcuber no último instante: na esquina superior dereita debían aparecer os algarismos que informasen das pezas utilizadas (4.664) e do número de prisioneiro de Madiba (46.664).
O empeño de dez días de tarefa respondía a un obxectivo solidario: recadar diñeiro para o Centro de Mediación Social que a Cruz Vermella ten na Coruña e que atende nenos e mozos con dificultades sociais que precisan apoio educativo específico.
E por que quedou un oco para completar o retrato?
Porque tal honra quedaba reservada para un concelleiro que acudiría ao día seguinte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario