Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

sábado, 7 de febreiro de 2015

The Loser

Que din os rumorosos na costa verdecente?

Que a Xunta de Galicia debeu de sentir mágoa do pobriño Henry Churches cando contemplou a portada do segundo sinxelo (El perdedor) do seu décimo e último álbum (a ti pregamos, Señor, para que sexa o derradeiro; e perdoa todas as nosas débedas, etc.).
E para alegrarlle a vida ao "cantante" melódico e modélico e que se lle quitase esa cara de año degolado da portada (na imaxe situada á esquerda, con perdón), e tendo en consideración os ancestrais xenes galaicos do descendente do descendente de Papuchi, decidiu agasallalo cunha doazón de 300.000 euros (billete arriba, billete abaixo) a cambio de que rodase nas galicianas terras un videoclip, para maior gloria e sona da terra que o seu pai "cantou" con aquel Un canto a Galicia (hey!, ei, ei, ei!) que tamén lle reportara pingües beneficios hai xa unhas décadas.

Sosteñen fontes non contrastadas que ao asinar o contrato millonario, o Quiquiño declarou: - Thanks to Feijóo/Feixó/Fashion; pero non parece información fiable, xa que o rapaz non tivo a sorte de recibir a actual formación plurilingüe da Xunta de Galicia.
 
Unha vez máis, unha mostra do impagable (nunca mellor dito) labor da nosa Xunta, empeñada en espallar polo mundo adiante a imaxe de Galicia (Calidade), sen facer caso das críticas malintencionadas nin de coñas mariñeiras (tradutor automático:berberechiñas).

Ningún comentario:

Publicar un comentario