ALELUIA! O Señor, que é misericordioso, escoitou os nosos rogos e por fin podemos contemplar cos nosos olliños o espectacular videoclip de Henry Churches no que se promociona Galicia a cambio de 302.500 euriños de nada (que unha cousa é ser fillo do fillo dun papuchi nado por estes lares e outra moi distinta, ser unha ONG sen ánimo de lucro).
A Xunta espera recuperar o diñeiro dos nosos petos multiplicado, grazas á publicidade que se fai do país ao incluír imaxes de lugares emblemáticos, como a Praia das Catedrais, a Praza do Obradoiro, a Muralla de Lugo, o complexo do G-ai!-ás... mais La Voz de Galicia (un xornal revolucionario e antisistema onde os haxa) xa contabilizou o tempo adicado á ambientación galaica na fita, que queda nun minutiño. Ademais, advirte que eses planos aparecen unicamente ao inicio e ao final do videoclip, sen a voz do cantante, polo que probablemente non serán escollidos polas televisións para promocionar o disco.
O esperable agora sería que eu vos deixase aquí a ligazón para acceder á peza audiovisual de Enriquito e Cía.; mais prefiro agasallarvos cun videoclip máis propio da nosa idiosincrasia retranqueira, realizado en Noia polos nosos (estes si) Monoulious DOP, e polo que non cobraron 302.500 euros das arcas municipais (que se saiba).
Ningún comentario:
Publicar un comentario