Isto non é apoloxía da ditadura? |
1.400.000 traballadores inmigrantes costrúen as infraestruturas para o evento "deportivo" nun país (escollido pola FIFA) no que os sindicatos están prohibidos e non existe un salario mínimo. Os operarios padecen xornadas de 12 horas a temperaturas de ata 55º, a miúdo cobran menos do pactado e tarde, dormen amoreados en pendellos sen electricidade e con pouca auga... A lei kafala determina que os obreiros non poden mudar de traballo nin saír do país sen a autorización do empresario, de forma que cando non aturan as condicións laborais e queren fuxir, retéñenlles varios meses de soldo e non lles devolven os pasaportes. O goberno anunciou a reforma deste sistema de patrocinio en febreiro, ante a presión da FIFA e dos organismos internacionais, pero Amnistía Internacional denuncia que só se maquillou a letra da norma, mantendo o seu espírito: a falta de liberdade de circulación dos traballadores e a súa desprotección ante os abusos.
Qatar ten a renta per cápita máis alta do mundo. Só 250.000 persoas dos 2 millóns que viven alí son cidadáns qatarís. |
A miña conclusión: crime perfecto, perpetrado por un réxime absolutista coa cooperación necesaria da FIFA, que encontrou axeitado celebrar o Mundial nun Estado onde non se respectan os dereitos humanos e que escraviza os inmigrantes. A miseria de moitos alicerza os rañaceos, as estradas e os estadios para que unha minoría presuma de país cando cheguen os convidados ao espectáculo global, que vibrarán sobre as bancadas sen pensar nos cadáveres que as sustentan.
Se queres ler o informe completo da Confederación Sindical Internacional, preme no enlace:
http://www.ituccsi.org/IMG/pdf/qatar_es_web_mars_2014.pdf
Ningún comentario:
Publicar un comentario