Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

mércores, 2 de xullo de 2014

A peneira





Estes son os datos sobre a evolución do emprego público en Galicia nos últimos catro anos.
Cóntannos que non hai diñeiro para atender todos os servizos e por iso hai que meter a tesoira no sector público. Para contrarrestar a protesta social, elaboran un discurso contra o funcionariado, tentando convencer a opinión pública de que é mellor privatizar porque sae máis barato, xa que os empregados públicos son unha especie de parasitos privilexiados que viven á conta dos impostos dos demais. Pero velaquí as cifras, que demostran o sustento ideolóxico que subxace á falsa política de austeridade. A tesoira actúa sobre a sanidade e, aínda máis profundamente, sobre a educación.

Xa levamos tempo escoitando que un dos problemas desta sociedade é que sobran universitarios. A presidenta do Círculo de Empresarios, Mónica de Oriol, láiase de que os camareiros que atenden os turistas non saiban ir alén da terceira frase en inglés e critica o sistema de acceso á universidade porque permite o ingreso da maioría de estudantes que se presenta ás probas.
E como non? As elites de sempre non pode soportar unha sociedade de cidadáns altamente instruídos, aínda que deban aceptar empregos por debaixo do seu nivel de estudos, porque son máis críticos e aspiran a mellorar. A aristocracia económica prefire unha maioría obreira, formada exclusivamente nas técnicas necesarias para amañarlles os seus vehículos de alta gama, cociñarlles os seus pratos favoritos ou peitear as súas coidadas cabeleiras. Por iso molesta tanto a universidade pública, porque permite que os membros das clases baixas obteñan un título igualiño ao que conseguen facilmente os das familias "ben". Moito mellor lles vai cando a verdadeira selectividade se fai mediante os prezos das taxas universitarias, porque entón a peneira só deixa pasar os membros máis "refinados", garantíndolles así que non deberán competir polos empregos de alta cualificación coas persoas que, con máis atrancos* finalmente conseguiron licenciarse e mesmo doutorarse. 

*Non recoñezo a igualdade de oportunidades, porque é moito máis fácil estudar se estás cómodo e tranquilo, se na túa casa non hai preocupación por chegar a fin de mes, se hai diñeiro para pagarche unha estadía no estranxeiro, profesores particulares, ordenador e internet, libros, se non debes contribuír ao sustento familiar con traballos esporádicos...

Ningún comentario:

Publicar un comentario