Hase de amar a cousa hastra que sangre.
O verdadeiro amor enferra en neve,
ara nun mar de rosas suco leve,
ai pro acadulla en sangre.
Tinguéuseche o machado en sangre
loura.
Ai cómo, cernador, dói a batalla
cos que ún ama! Qué moura é a sombra
moura
do machado na galla!
Despida contra o céio A Que Non Fala,
a póla firme coma un xuramento,
berra nos dentes do machado e estala
e tordea no vento...
Sobros cómbaros dondos coma un velro,
sobras cornas dos bois, sobro camiño,
a fraga berra, coucorexa o melro,,
cai arroulando un niño...
Eu vínte contra o sol, nunha hora
tola,
abrazado ó teu toro, derregando
a traxedia de Deus. Dóinos a póla,
pro seguimos cernando!
Hastra que caia a derradeira estrela,
cairá o machado en carne que choramos,
no sono puro de deixar máis bela
unha vida que amamos.
Me quedo con el final...
ResponderEliminar