Jordi Évole, a elegancia sinxela do traballo ben feito |
En galego, "golpe" é a palabra usada nalgunhas zonas para referirse ao raposo.
Onte puidemos ver na Sexta un documental de ficción sobre o 23-F: Operación Palace, ideado polo rapaz da camisa de cadros e o seu equipo. Revelouse raposiño no seu golpe de efecto o xenial Jordi, un xornalista que xa nos demostrou que se poden facer as cousas ben e destapar fraudes como a da falsa investigación do metro de Valencia, conseguindo mesmo, grazas ao seu programa, a reapertura do caso (algo que as manifestacións mensuais dos afectados durante anos non lograran).
A trama apuntada no documental sobre o intento de golpe de estado coincide coa teoría relatada na novela galega de Aníbal Malvar, Á de mosca: un golpe predeseñado e controlado para desbaratar outros previsibles e perigosos.
E por que resulta verosímil?
Primeiro, porque a verdade completa aínda non foi contada e os documentos referentes ao suceso do ano 1981 seguirán clasificados ata 25 anos despois da morte dos implicados. E segundo, porque os políticos e os xornalistas demostraron ser uns actores excelentes cando se interpretan a si mesmos finxindo.
E isto último é inquietante e provoca arrepíos: cantas máis nos estarán coando?
Ningún comentario:
Publicar un comentario