Se nun período de 48 horas dúas persoas che explican cadansúa palabra de uso familiar, mais ausente dos dicionarios; non che queda máis remedio ca abrir un subapartado lingüístico no blog. Xorde así este acubillo antetitulado Palabriquiñas (a orixe etimolóxica do termo é tan, tan, tan transparente coma as pingas da rosada de boa mañá: palabra + riquiña), onde irei recollendo as voces inéditas que cheguen a min como gratas sorpresas, sen andar eu na súa procura.
Como se ve na imaxe, inaugura o novo espazo o verbo espirucar, do que me informa Manuela Rodríguez Pérez, alumna ourensá con ascendencia procedente das aldeas de Varalongo e Nogueira, no concello de Nogueira de Ramuín. Cóntame que talvez o vocábulo, de uso común por aquela contorna, proveña do barallete (a xerga dos afiadores-paraugueiros, tan abondosos noutrora polas anteditas terras).
Velaquí a definición e mais os exemplos de uso achegados pola miña informadora:
Espirucar é chuchar e aproveitar ao máximo a carne, o zume ou calquera susbtancia dun óso ou dunha superficie, ata deixalos completamente limpos.
En sentido figurado pode aplicárselles ás persoas cando alguén se aproveita delas nun grao máximo.
En sentido figurado pode aplicárselles ás persoas cando alguén se aproveita delas nun grao máximo.
Ex.: Moito me presta espirucar os ósos da soá. Espirúcalle ben o fondo de caramelo a esa tixola. Desaproveitas moito as costeletas, espirúcalles ben o óso! Espiruca mellor as carabuñas das cereixas, que son para sementar. Non deixes aí ese licor café, fai o favor de espirucar ben o vaso! Todos os días me pides favores e nunca cansas; non has parar ata espirucarme.
Préstame un montón esta nova sección !.
ResponderEliminar