Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

mércores, 27 de xullo de 2016

Frankenstein 04155. Non foi un accidente

Frankenstein 04155 é o documental financiado, en parte mediante micromecenado e sobre todo, co diñeiro da produtora Boneca Lareta e do propio director, para esclarecer aspectos relevantes que foron a raíz do accidente acontecido en Angrois hai pouco máis de tres anos. Onte asistín á súa proxección na Casa da Cultura de Ordes e, aínda que eu adoitei seguir o tema do Alvia nos medios de comunicación, hei de dicir que a obra de Aitor Rei me achegou información descoñecida, exposta de forma clara e rigorosa. 


Información arrepiante, como coñecer por que os técnicos alcumaron Frankenstein o enxendro que Pepe Blanco gababa cando o presentou como un enxeño inaudito e único no mundo (un tren que vale para vía ancha e estreita, para funcionar con electricidade ou con gasóleo, para andar amodo ou a fume de carozo...); como nas propias fichas técnicas oficiais se omiten datos esenciais, tal o peso dos vagóns xeradores (para non desvelar ás claras que as modificacións realizadas sobre a estrutura do tren co fin de axilizar a súa posta en marcha incumprían as indicacións de seguridade); como se asinaron informes só un día antes da data exacta dunha inauguración anunciada polos políticos con meses de antelación; como se desconectou o sistema ERTMS co informe desfavorable da empresa instaladora e sen avaliar os riscos só porque había atrasos na chegada dos trens... e máis datos que descubriredes se vedes o documental, en liña ou nalgunha das exhibicións programadas no país.

Á parte dos técnicos e expertos, tamén se presentan as voces das vítimas e os familiares, mais non se trata dunha película que indague e explote os sentimentos; ao contrario: impresiona a dignidade e o esforzo de calma que amosan as persoas que perderon fillos, nais, parellas... sen música suxestiva e sentimental de fondo que convide ao desafogo lacrimóxeno. Estamos diante dun filme composto de retallos obxectivos e directos: reflexións contidas de vítimas e familiares; explicacións técnicas dos expertos; anacos de declaracións dos políticos antes e despois do suceso; extractos dos informes dos responsables de seguridade de Adif, Ineco e Renfe acerca do tren e a vía; fragmentos da publicidade que presumía de Alta Velocidade; triscos de vídeos aparecidos nos telexornais; etc. 

En fin, Frankenstein 04155 establece unha serie de datos tan incontestable que nos leva a concluír que, tal e como se fixeron as cousas por parte dos gobernos do PSOE e o PP, coa connivencia duns técnicos presionados para cumprir uns prazos absurdos, o accidente tiña que ocorrer, antes ou despois. E ocorreu; para desgraza dos mortos, dos feridos, das familias, da veciñanza de Angrois e de calquera que teña un mínimo sentido da solidariedade. Queda a impotencia de saber que os responsables primarios do que non foi un accidente, porque "accidente" é "un suceso imprevisto e casual que pode producirlles dano a persoas ou cousas" (DRAG) e o que pasou o 24 de xullo de 2013 naquela curva era totalmente previsible -e fora advertido repetidamente por máis dun condutor-, aqueles responsables, digo,  non só non recoñeceron a súa culpa, senón que están a ser premiados politicamente, mentres as vítimas claman por unha xustiza que parece serlles negada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario