Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

sábado, 10 de xaneiro de 2015

Reviva o calcetín!

De todos é ben sabido que as lavadoras, periodicamente, engolen un calcetín. Para darlle unha nova vida a ese pobre escarpín desemparellado que sobrevive ao compañeiro e que volva sentirse un membro útil da sociedade, propóñovos a confección de bonecos faciliños, aptos para zoupóns. 

Aínda que no vídeo non utilizan agulla, eu preferín coser en vez de atar, pero os máis cativos poden facelo coma no orixinal que vos deixo no enlace, evitando así o perigo de se picaren. Tampouco utilicei alfinetes para os ollos pola mesma razón.

E como sempre, deixade voar a imaxinación e facede os bonequiños ao voso gusto. Podedes engadirlles pelo feito con la de cores; colocarlles unha guitarra feita con cartón; unha gola branca de encaixe arredor do pescozo, ao xeito dun personaxe barroco, etc.

Enlace ao vídeo para facer un boneco de neve cun calcetín

[P.S.: Non cómpre esperar a que a lavadora teña fame; pódense usar carpíns vellos.]

Ningún comentario:

Publicar un comentario