Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

domingo, 21 de setembro de 2014

O realismo máxico de Jimmy Lawlor

Comezarei por dicir que non entendo de pintura, así que este pequeno artigo expón unicamente a miña opinión persoal e acientífica sobre un artista que me encanta.

Jimmy Lawlor vén sendo denominado "surrealista" e mesmo "surruralista" polo seu reflexo peculiar do mundo rural irlandés. Establecendo unha comparación coa literatura, eu encadraría as súas obras no "realismo máxico", pois consegue crear atmosferas oníricas partindo de elementos cotiáns, que descontextualiza de diversas formas para crear ambientes marabillosos. 
A natureza adoita ser o escenario escollido por Lawlor para enmarcar os seus protagonistas: persoas e animais extraídos da súa contorna cultural: animais domésticos (vacas, ovellas, galiñas...) e persoas caracterizadas de forma realista (anciáns con roupas correntes, infantes experimentando e xogando...). 
Non falta o humor nos seus cadros, ao representar situacións nas que os obxectos son axigantados e descontextualizados (augamares voando polos aires, unha máquina de coser colosal convivindo pacificamente na pradaría coas ovellas, dúas velliñas a navegar embarcadas nun paraugas...), pero baixo esa ollada retranqueira agóchase unha tenrura cara aos seus paisanos que me fai lembrar as cousas de Castelao.
Noutras ocasións, elementos urbanos (como conos de tráfico, bombillas ou teléfonos dos primeiros tempos) confróntanse con ese universo rural, recordándonos esa dualidade por veces conflitiva que decote aparece na nosa literatura (Manuel Rivas, Suso de Toro...).

Recomendo a páxina de Jimmy Lawlor, onde atoparedes probablemente escenas que vos farán sorrir. (Se sodes galeg@s, encontraredes grandes semellanzas entre as súas paisaxes e as nosas).
http://www.jimmylawlor.com/

Ningún comentario:

Publicar un comentario