Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

xoves, 25 de setembro de 2014

Menores para decidir?

Agora que o Goberno estatal recuou no tema da lei do aborto (que mediño dá perder votos) hai un aspecto que aínda se cuestiona e pretende mudar: o que se refire á posibilidade de que as mozas de 16 e 17 anos poidan abortar sen que os seus proxenitores o saiban. 
Vexamos en primeiro lugar cal é a letra da Lei vixente (no referente a esta cuestión), que a seguir traduzo literalmente do BOE:

No caso das mulleres de 16 e 17 anos, o consentimento para a interrupción voluntaria do embarazo correspóndelles exclusivamente a elas de acordo co réxime xeral aplicable ás mulleres maiores de idade.
Polo menos un dos representantes legais, pai ou nai, persoas con patria potestade ou titores das mulleres comprendidas nesas idades deberá ser informado da decisión da muller.
Prescindirase desta información cando a menor alegue fundadamente que isto lle provocará un conflito grave, manifestado no perigo certo de violencia intrafamiliar, ameazas, coaccións, malos tratos, ou se produza unha situación de desarraigamento ou desamparo.

Escoitamos as voces dos que ridiculizan este apartado da Lei manifestando a incoherencia de que mozas que non poden votar nin beber alcohol, por exemplo, poidan abortar sen que os seus pais sexan informados. Mais o terceiro parágrafo citado indica as circunstancias que posibilitarían esta opción, que me parecen razoables. Por que debería comunicarlles esta decisión aos pais unha menor que sufrise na propia casa malos tratos, ameazas ou desamparo? Por unha simple cuestión de comunicación? Non será que o que se pretende modificar realmente é o dereito que lle outorga o primeiro parágrafo a decidir exclusivamente a ela sobre a súa maternidade? Se fose así, entrariamos nun terreo esvaradío. Se os pais non estivesen de acordo coa decisión da menor..., que pasaría? Tería que ser nai á forza? Daquela, teriamos que admitir a situación oposta: que unha rapaza se vise obrigada a abortar contra a súa vontade co mesmo argumento: que os pais están máis capacitados que ela para decidir sobre a súa maternidade. Facer recaer noutros unha decisión tan íntima só nos levaría ao absurdo: que pasaría se o pai opinase unha cousa e a nai a contraria? Habería que acudir aos tribunais e acabaría sendo un xuíz quen decidise o futuro da muller?

Ningún comentario:

Publicar un comentario