Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

sábado, 15 de febreiro de 2014

O trazo invisible

Último cadáver rescatado do mar na costa ceutí
O pensamento abstracto é un proceso mental de alto nivel que considera os conceptos de forma ampla. Oponse ao pensamento concreto, que se limita aos obxectos específicos.
Grazas ao pensamento abstracto podemos trazar, por exemplo, as liñas divisorias que transforman a esfera terráquea nun conxunto de estados políticos delimitados por fronteiras antinaturais que nos mapas se perfilan con liñas claramente definidas.


Xa ascende a trece (de momento) o número de mortos afogados fronte á costa ceutí. Afirma o ministro do Interior, Fernández Díaz, que non hai culpabilidade nin responsabilidade por parte das autoridades nin das forzas de seguridade españolas, posto que as autopsias demostran que as mortes non se produciron por mor das bólas de goma lanzadas desde España (acción negada polo director da Garda Civil, Arsenio Fernández de Mesa, aquel home inspiradísimo que xestionou a traxedia do Prestige) senón por afogamento (mira ti!). A poderosa razón para utilizar este material antidisturbios contra os inmigrantes é, en palabras do ministro, "fixar o trazo fronteirizo no mar".

En conclusión: os nosos representantes gobernamentais son persoas de alta capacidade intelectual, pois manexan á perfección o pensamento abstracto. Deste xeito, onde calquera común mortal vería trece cadáveres por culpa das medidas de repulsión españolas, eles son quen de velar por unha verdade superior: o mantemento da liña fronteiriza invisible. Mágoa que a nosa cacholiña non dea para tanto e, limitados como estamos, ao pensamento concreto e específico, só vexamos xente morta.

1 comentario:

  1. Isto sólo podía ser cousa do estúpido ser humano. Indignante,matar persoas así por que sí....

    ResponderEliminar