Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

domingo, 16 de febreiro de 2014

Afumando nen@s

O tabaco comercializado polas empresas contén máis de 4.000 substancias, das cales máis de cincuenta son canceríxenas. A nicotina é a droga encargada de provocar a adicción primaria. É unha droga altamente efectiva, pois ao ser consumida en forma de cigarro só tarda uns sete segundos en alcanzar o cerebro. Á parte da nicotina, o alcatrán e o monóxido de carbono (que diminúe a entrada do osíxeno nas células) son as substancias altamente daniñas máis coñecidas dos cigarros, pero existen varios centos máis que as tabaqueiras non revelan (coa complicidade dos gobernos, que se lucran cos seus impostos). Son as encargadas de proporcionar diferente sabor a cada marca e por iso cada fumador ten unha preferencia moi acusada por unha en concreto.
Malia a percepción da maioría dos fumadores, a nicotina é unha droga estimulante. A sensación de relax que moitos afirman experimentar con cada calada débese á calma case inmediata da síndrome de abstinencia que produce, precisamente pola rapidez coa que actúa esta droga.

Consecuencias: a morte por consumo de tabaco en España provoca anualmente unhas 50.000 mortes, das cales unhas 2.000 afectan a fumadores pasivos. Trátase da principal causa de morte evitable.
O fume de segunda man, o que se produce na combustión do cigarro e que é respirado por calquera que estea preto, é máis prexudicial que o inhalado polo propio fumador. O fume de terceira man, o que fica aloxado nas superficies que entran en contacto con el (tapicerías, cortinas...) tamén afecta os seres vivos. Recentes estudos demostraron que a toxicidade acumulada no interior dos vehículos nos que se fuma, polas características dos materiais empregados nos habitáculos, resulta 23 veces superior ao existente nas vivendas.

As investigacións constatan, ademais, que os nenos criados en ambientes con fume sofren un 50% máis de infeccións de ouvidos e un 20% máis de crises asmáticas que os meniños "libres" de tabaco (libres ata certo punto, porque todos son fumadores pasivos, como indican as medicións de nicotina en aire expirado realizadas nos centros educativos).

Se falamos de números, as empresas tabaqueiras necesitan conseguir diariamente en España 450 novos fumadores para compensar os case 150 que lles morren e os 300 que conseguen deixalo. Os gastos sanitarios derivados do tabaquismo debemos sufragalos entre todos, así que estas empresas teñen un negocio redondo. Pero a lei prohíbelles desde hai tempo facer publicidade directa do seu produto. Por iso non escatiman en gastos para elaborar estratexias que aumenten as súas vendas (como o financiamento de películas nas que os cigarros son inseparables dos protagonistas ou o patrocinio de equipos deportivos, para asociar a marca con elementos percibidos como saudables). As súas presas son os menores, porque lles garanten máis anos de beneficios e porque son obxectivos fáciles que se inician no consumo incitados polo grupo e que ven no cigarro un símbolo de adultez (grazas á existencia de maiores fumadores ao seu redor).


Preguntas ao aire:

- Prohibir fumar no interior dos vehículos que transportan menores é unha intromisión na intimidade dos adultos?
- Por que persoas que se escandalizan e protestan cando ven "trapicheo" de drogas ilegais preto das escolas, non dubidan en fumar diante dos pequenos?
- Que pensariamos dun heroinómano que se inxectase diante dos fillos? (A heroína inxectada non envelena a través do ar).

- Que pasaría se unha banda terrorista asasinase cada día 150 persoas no estado español?
- Por que os medios de comunicación nos informan frecuentemente do número de mortos nas estradas (1.130 en 2013) e non das vítimas do tabaco (un número 45 veces superior)?

Ningún comentario:

Publicar un comentario