Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

xoves, 28 de novembro de 2013

Derrubando prexuízos

Un dos obxectivos evidentes deste blog é a difusión do galego, unha lingua minorizada que sofre ataques continuos desde moitos ámbitos. É especialmente grave o intento do goberno actual de desterrar o galego das aulas, coa escusa de mellorar a competencia en inglés. Pero ese será tema doutro día; hoxe tentarei botar embaixo só algúns (existen moitos) prexuízos contra o galego. 
A orde na que aparecen presentados non obedece a ningunha xerarquía: é soamente porque a escrita é lineal e consecutiva.


Prexuízo 1: "A mí me encanta el gallego. Es un idioma tan dulce. Suenan tan bien palabras como "bolboreta", "aloumiño"..."

VAI RAÑA-LO CU, MAMALÓN DE MERDA. ESTOU ATA O CARALLO DE TI. VAS LEVAR UNHA PATADA NOS COLLÓNS...!
(As maiúsculas significan que hai que ler o texto berrando e con moi mala hostia). 

Demostrado: O galego é doce cando ten que selo, pero tamén serve para amosar rabia cando cómpre.


Prexuízo 2: O galego ándano cambiando seguido e así non hai forma de aclararse.

A Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega son os organismos encargados de redactar a normativa oficial da lingua galega. A primeira norma publicouse en 1982, un ano despois da aprobación do Estatuto de Autonomía. A primeira revisión desa norma data de 1995 e a seguinte e última de 2003. Para un idioma asoballado durante séculos, conseguir establecer unha norma estándar en pouco máis de tres décadas é un mérito. Levamos dez anos coa mesma normativa. 
Os últimos cambios normativos da lingua española, regulados pola RAE, son dos anos 2010, 2005 e 1999 e ninguén deixa de falar castelán por iso nin se queixa.


Prexuízo 3: Eu non sei falar galego, falo "castrapo".

Todas as linguas do mundo teñen variedade de rexistros, adecuados ás situacións comunicativas concretas. En ningunha lingua do planeta @s falantes seguen ao pé da letra as recomendacións académicas. A lingua é  de quen a fala. As normas redáctanse despois, para establecer unha variedade estándar. Se falas galego, é que o falas ben.



Prexuízo 4: "A mí me encantaría hablar gallego, pero para hablarlo mal; mejor hablo castellano."

1º: Se pensas que o teu castelán é academicamente perfecto, estás equivocad@. 2º: A única forma de mellorar a competencia lingüística nunha lingua é soltarse a falala.
Cando @s galegofalantes escoitamos alguén que habitualmente fala castelán ou outro idioma usando o galego, non pensamos: "Mira que burriño é, que mal o fai." Pensamos: "Que riquiñ@!"


Prexuízo 5: O galego de agora está cheo de palabras raras que ninguén di.

As interferencias léxicas do castelán obedecen a unha historia de represión lingüística na que @s galegofalantes foron perdendo as palabras de seu e adoptaron as do pobo dominante. Que @s filólog@s consigan recuperar (mediante pescudas de campo en zonas conservadoras do territorio galego entre a xente maior ou estudando os textos medievais) as palabras que nos roubaron e nolas devolvan debería ser motivo de agradecemento. Como ben di a filóloga Ana Outón, ninguén se anoxaría con alguén que nos viñese devolver unha carteira roubada. Pois as palabras son un tesouro máis valioso que o diñeiro, porque conforman o noso pensamento.


Eu son neofalante. Aos quince anos decidín mudar de idioma para non sentir que vivía nunha contradición. Nunca me arrepentín, porque falar galego sempre me fai sentir ben comigo mesma. Así que, se queres falar galego, fálao!... 

4 comentarios:

  1. Ehhhhh! Acouga rapaza, esto non terá que ver conmigo?

    ResponderEliminar
  2. Moi ben dito. Se tod@s @s galeg@s pensaran asi e practicaran asi o conto sería distinto. Segue asi.

    ResponderEliminar
  3. A tod@s @s visitantes do blog:
    Moita atención a este comentario, porque se vén de quen eu imaxino, non se trata dun galego; senón dun home que chegou do Sur (de España).

    ResponderEliminar