O alcolitismo (de alcolito, variante vulgar de eucalipto) é a pandemia galaica consistente na adicción patolóxica a encher o territorio de eucaliptais, desatendendo as consecuencias nocivas que esta tendencia produce no ecosistema e na estrutura socioeconómica do país.
Como acontece con todas as adiccións, os alcólitos precisan adicar unha cantidade cada vez maior de recursos á súa teima. Negan o seu problema e autoengánanse pensando que o seu trastorno é simplemente unha afección controlada que non repercute negativamente en ningún aspecto da súa vida cotiá.
O tratamento non é doado, debido á expansión do fenómeno e á escasa sanción social da súa práctica. Ben ao contrario, as mensaxes difundidas polas administracións e outros organismos con intereses económicos na doenza contribúen á imaxe benfeitora do monocultivo foráneo, en detrimento da potenciación de hábitos forestais autóctonos, caracterizados pola biodiversidade e o respecto ao medio ambiente.
Os paseos por fragas centenarias, a atención aos consellos de asociacións ecoloxistas e a lectura de expertos na materia non financiados por industrias involucradas no problema poden axudar a desintoxicarse, aínda que a forza de vontade individual debe loitar contra un medio social excesivamente hostil aos cambios que non supoñan un enriquecemento económico a curto prazo (característica que facilitou a entrada e expansión do alcolitismo en boa parte do territorio).
Ningún comentario:
Publicar un comentario