Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

martes, 8 de marzo de 2016

Cada elo fai cadea

Sucédense sen pausa as agresións contra as mulleres, acá e acolá, como un rosario infame de doas negras para nos acovardar e nos excluír unha vez máis dos espazos públicos e para impedir que, revelándonos, nos rebelemos. Podería expór aquí centos de casos, mais aludirei unicamente a catro novas dos últimos días:

Hai menos dunha semana asasinaron a ecoloxista Berta Cáceres. Quen fixera recuar á maior construtora do mundo (a chinesa Sinohydro) no proxecto hidroeléctrico de Agua Zarca (Honduras) non cedera ás ameazas de morte, de violación, de secuestro das súas fillas... e pagouno coa vida. Berta non calou.

O mes pasado, unha estudante -María Fungueiro- denunciou un profesor da USC -Luciano Méndez Naya- polos seus comentarios machistas verbo da súa vestimenta. Ao remate da clase, a moza recriminou ao docente a súa actitude, sen conseguir que se desculpase. Ben ao contrario, este respondeulle cunha saída de ton digna de mellor causa, o que motivou a denuncia da afectada e mais de varios compañeiros ante o reitorado. María non calou.

A finais de febreiro, dúas mozas arxentinas, María e Marina, que viaxaban por Ecuador, foron asasinadas (unha, a golpes; a outra, apuñalada) por non acceder ás pretensións sexuais de dous homes. Os medios de comunicación publicaron a noticia remarcando que as turistas viaxaban "soas": paradoxo lingüístico nunca aplicado aos varóns. Unha estudante de Ciencias da Comunicación paraguaia, Guadalupe Acosta, escribiu entón Ayer me mataron: a apócrifa carta póstuma dunha das mozas, un relato de xustiza e dignidade que os medios lles negaban. Guadalupe non calou.

O 17 de febreiro, a xuíza María Carmen Molina, do Xulgado de Violencia sobre a Muller, de Vitoria, preguntoulle a unha denunciante de agresión sexual se "pechara ben as pernas". A Asociación Clara Campoamor, que asesora mulleres en risco de exclusión social, solicitou que a maxistrada fose cesada ou, cando menos, afastada do seu cargo. A entidade feminista non calou.

Diráseme que os casos non son comparables: que non é o mesmo que te violen ou te maten a que se metan coa túa forma de vestir; que desconfiar dunha denunciante de abusos sexuais non significa humillación tras a humillación; que os titulares dos xornais son unicamente palabras escollidas ao chou.  E máis: que cobrar un salario menor polo mesmo traballo non é maltrato, que gabar o físico dunha descoñecida pola rúa é un piropo, que o reparto desigual das tarefas no fogar é unha decisión doméstica tomada libremente, que o teito de cristal é un enxeño arquitectónico, que hai mulleres empoleiradas sobre tacóns de agulla por afán equlibrista e que ás nenas lles gusta o rosa porque si.

E non. A violencia contra as mulleres non é un conxunto de casos illados que acontecen por mala sorte. Falamos dunha estrutura social noxenta, asentada nunha ideoloxía dominante, o machismo, que estende as súas poutas opresoras sobre as nenas e as mulleres desde antes do seu nacemento (polas expectativas diferenciadas que se xeran en función do xénero) ata despois da súa morte (como pon de relevo a carta de Guadalupe Acosta). Falo de que os mal chamados "micromachismos" son o primeiro elo dunha cadea que desemboca, no seu extremo, nos asasinatos de mulleres; e digo que non poderemos crebar esa cadea sen atacar todos e cada un dos aneis que a compoñen, por insignificantes que parezan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario