Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

mércores, 23 de decembro de 2015

Carta de recomendación, Morrer de pracer & Contos. Luís Pirucha

Hoxe quero recomendarvos un blog que contén relatos breves e poemas da autoría dun mozo ao que non lle gusta ler literatura, segundo confesa nun programa televisivo (no que atinxe á sinceridade, parece que imos ben). Escritor compulsivo ao que de cando en vez lle gustaría poder reprimir esa febre creadora, difunde o seu traballo por terra (postes, muros...), mar (redes varias) e aire (ondas televisivas); ademais do tradicional papel (cun prezo máis que razoable de 4 euriños polo libro autoeditado Luisteratura).
Velaquí vos van tres mostras tiradas do seu sitio (MINISTERIO DE ASUNTOS LITERARIOS) e, a pé de páxina, o enlace para accederdes ao tal.
_____________________________________________________________________
CARTA DE RECOMENDACIÓN
Á atención do departamento de Recursos Humanos da empresa Madeiras Murta:
No referente á nosa experiencia co traballador Luís Pirucha, podemos confirmar que fixo parte do cadro de persoal da nosa empresa entre maio de 1998 e novembro de 2000. Durante ese tempo desempeñou unha única tarefa: mozo de ouriñal, o posto máis baixo da nosa fábrica. Asistía ás persoas que ocupaban as máquinas á hora de facer as súas necesidades. Desenvolveu o traballo maxistralmente, axudando a que ninguén perdese nin un segundo indo ao cuarto de baño. Grazas a iso a produtividade da fábrica aumentou nun 47%. Merecedor dun ascenso, optamos por darlle simplemente aumentos de salario graduais, debido a que non atopamos ningunha persoa capacitada para poder substituílo eficazmente. Aínda que era unha das persoas que máis diñeiro gañaba, decidiu abandonar a empresa debido á súa ambición por ocupar un posto menos humillante nalgún outro lugar.
Atentamente,
Suevia Ferreiro Pazos
Responsable de Recursos Humanos da empresa Madeiras Buxo
_________________________________________________________________________________

MORRER DE PRACER
A vida de Antía era moi fodida. Porén, en lugar de enfrontarse aos causantes dos seus problemas, mordía os beizos. Maltrataba, buscando descargar a rabia acumulada, aquel corpo que detestaba.
O día no que máis lle doía vivir, fíxoo con tanta forza que arrancou a metade do beizo inferior. Cuspiuno, e contemplouno pensativa. Preguntábase por que os vermes comen persoas mortas. “Se cadra saben ben”, pensou. Abaixouse para recoller do chan o anaco mutilado do seu pequeno corpo, e mastigouno. Tiña un sabor incrible. Continuou alimentándose de si mesma ata que desapareceu completamente, morrendo de pracer.
_______________________________________________________________
CONTOS
Os meus mellores contos
naceron na túa cama,
e morreron lonxe dela
intoxicados coa tinta podre
que circula polas miñas veas.
___________________________________________________

2 comentarios: