Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

venres, 4 de xullo de 2014

A lei e a trampa


Segundo o PP,
o azul representa a maioría
Puidese parecer que garantir por lei a alcaldía para a lista máis votada é moi democrático. O argumento de Rajoy, paladín repentino da nova medida, susténtase na falacia do respecto á decisión dos electores. 
Explícome: imaxinemos unha vila con 14 edís. Supoñamos tamén que o escrutinio das urnas distribúe así os membros do Concello: 5 para PP, 3 para BNG, 2 para PSOE, 2 para Podemos e 2 para AGE. É un exemplo, tanto me teñen as siglas que queiramos poñer en cada caso. A pregunta é: nesa vila ou cidade calquera, a maioría do pobo escolleu que gobernase o PP? 
Non tal. O que poderiamos deducir deste abano de partidos é que a cidadanía opta por un goberno de esquerdas (mesmo contabilizando os votantes do PSOE na póla de centro-dereita, o resultado quedaría equiparado). En calquera caso, os datos semellan apuntar a que esa localidade ficiticia está composta por persoas con intereses e ideas diferentes. 
E eu pregunto: que hai de malo nos pactos de goberno? É que acaso a base da democracia non debería ser a capacidade para consensuar intereses distintos ao servizo dun ben común compartido pola maioría dos habitantes dun concello?
O que se agocha baixo esta pretensión de reformar a lei é dunha claridade tan evidente como vergoñenta; pois cos mesmos votos que nas últimas eleccións europeas, o PP só conseguría a maioría absoluta en Ceuta e Melilla (datos de El Mundo) e quere blindarse, tentando conseguir mediante un cambio na lei o que podería perder a través das urnas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario