Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

martes, 16 de setembro de 2014

Margallo, que ghallo é!

Diada do 11-S (2014)
O ministro de Exteriores (ollo ao piollo: de Exteriores) ameaza con suspender a autonomía catalá se a Generalitat teima na intención de convocar o referendo.
Mentres en Escocia os partidarios dun bando e doutro se afanan por inclinar a balanza con argumentos de índole económica (cos bancos ameazando abandonar Escocia) e ideolóxica, aquí o goberno central aposta polo enfrontamento explícito, ignorando absolutamente a forza popular dos milleiros de persoas que saíron á rúa durante a Diada reclamando o simple dereito ao sufraxio.
Non parece de sentido común impedir un divorcio cando non existe o acordo mutuo, mais neste caso nin sequera se chegou a ese estadio, pois o que se nega é incluso a liberdade de expresión dunha das partes (mellor dito, das dúas; porque tampouco se lle pide a opinión ao resto do Estado).

Gallardón: 0 - Mulleres: 1

Finalmente, Gallardón deberá recuar porque os estudos de Pedro Arriola (o sociólogo que asesora o PP) confirman o que todo o mundo sabía: que pretender unha volta ao pasado no tema do aborto carrexaría unha perda significativa de votos. Agora asistiremos, sen dúbida, ao contraataque ultracatólico. En Ponteareas xa están preparadas.

Rimas na cara do "brother". Divas do Rap

Eva Rapdiva, Níria, G'Pamella e Khris Mc son catro cantoras angolanas. De cando en vez, unen as súas voces no colectivo Divas do Rap.


Dicionario visual. Ollar

Hai moitas formas de mirar o mundo...

luns, 15 de setembro de 2014

Cañete: a toupa destapada

En sentido figurado, unha "toupa" é unha persoa infiltrada nunha organización para espiala mentres traballa polos intereses contrarios. Para ser unha boa toupa é imprescindible camuflar as intencións e demostrar publicamente que se pertence ao grupo. 

O comisario, guiando un dos vehículos
da súa colección de clásicos
Hai uns días, Miguel Arias Cañete (o home que tanto loitou polo medio ambiente cando foi ministro, duchándose con auga fría e engulipando iogures caducados) foi nomeado comisario europeo de Enerxía e Acción polo Clima.
Mais Cañete non se disfraza nin se molesta en disimular: é presidente dos Consellos de Administración de Ducor S.L. e Petrologis Canarias S.L., empresas petroleiras das que posúe un 2,5% das accións.

Dicionario visual. Onomatopea

sábado, 13 de setembro de 2014

Ruxe Ruxe. Malos tempos

Un videoclip da banda Ruxe Ruxe, que actuará esta noite no Rock in Rian de Rianxo. Tamén estarán Forraje, Medomedá e Dios Ke Te Crew. 


venres, 12 de setembro de 2014

Quen defende Defensa?

Miguel Ángel, contentiño polo choio
Fotografía: Interviú
Seguridad Integral Canaria; que é a empresa de Miguel Ángel Ramírez, condenado por un delito contra a ordenación do territorio por construír nunha zona protexida. 
O tamén presidente da UD Las Palmas (cando un vale, hai tempo para todo) foi indultado polo goberno en 2013 e agora continúa conseguindo contratos millonarios para protexer edificios (entre eles, os de varios ministerios, incluído o de Defensa) e servizos de transporte.

Por que será? 
Non hai máis que velo. Quen podería resistirse a un home tan riseiro? Ben se ve que é boa xente.

Dicionario visual. Xoaniña

Coccinela septempunctata
Enlace ao cancioneiro recollido polo CEIP Espiñeira-Aldán, que contén algunha cantiga sobre a xoaniña en mp3: 

xoves, 11 de setembro de 2014

Dicionario visual. Loba-o

Fotografía polémica de José Luis Rodríguez
Canis lupus

Verlle as orellas ao lobo: intuír un perigo.
Viches o lobo?: Seica toleaches?
Lobos te coman!: maldición.
Na boca do lobo: en perigo inminente.
Quítalle lobos!: Non esaxeres!
Lobo con pel de ovella: persoa de aparencia manseliña mais pouco de fiar.
Lobo de mar: mariñeiro experimentado.
Lobishome; lobo da xente: licántropo.
Lobicán: froito do cruzamento entre can e loba ou lobo e cadela.
Lobeto: cría do lobo.

Enlace á wikipedia: O lobo na cultura popular galega

Monoulious Dop. Jalando

Monoulious Dop, trouleando en Noia (con moito máis xeito que o Enriquito)

Dicionario visual. Tiracroios

Fotografía de Andrés Martínez galardoada co Premio Nacional de Fotoperiodismo 2014. O Cairo (Exipto)


luns, 8 de setembro de 2014

Calamar*. The Homens

Este videoclip xa ten un tempiño, mais paga a pena rever a magnífica animación de Fundación Intemperie (Roi Fernández e Isaac Cordal). 



* "Calamar" é un castelanismo. A forma galega prescrita pola RAG e os dicionarios de Xerais, Galaxia e Cumio para o termo científico Loligo vulgaris é "lura". Esoutro cefalópodo meirande (Todarodes sagitattus) chámase "pota".

sábado, 6 de setembro de 2014

O deber cumprido

Hai ano e medio, o bombeiro da Coruña Roberto Rivas negouse a participar no desafiuzamento de Aurelia Rey.
Este xoves asistiu ao xuízo que se celebrou contra el por alteración da orde pública, froito dun expediente aberto pola Subdelegación do Goberno que, ademais, o sancionou cunha multa de 600 euros que el recorreu.
Roberto conta co apoio da cidadanía, que comprende e valora cando un traballador cumpre co seu deber real por riba de ordes espurias.

A raposa a coidar das galiñas

Magdalena, preparada para inspeccionar:
- Ollo ao piollo!
Obrigada a abandonar o cargo de vicepresidenta do BEI (Banco Europeo de Investimentos) pola súa imputación na fraude dos ERE, a socialista Magdalena Álvarez acaba de solicitar a súa reincorporación ao posto de inspectora de Facenda.

Lembremos que a xuíza Mercedes Alaya lle impuxo unha fianza de 29,5 millóns de euros por considerala responsable do sistema que permitiu a malversación dos fondos públicos para os ERE, que foi aprobado cando ela dirixía a consellería andaluza encargada das finazas. A perversión do método radicaba na autorización dun plan de transferencias dos pagamentos destinado a escapar aos controis dos interventores.

martes, 2 de setembro de 2014

Rajoy I de Sotomayor

A pasada fin de semana o PP celebrou a súa xuntanza anual co gallo do inicio do curso político (pero é que aprobaron en xuño?)  no Pazo de Soutomaior, rebautizado polo presidente español como Sotomayor. Non podemos evitar a morriña rememorando aqueles tempos de creatividade lingüística que deron orixe aos simpáticos Niño de la Guía, Sanjenjo, Villanueva de Arosa ou híbridos como Puenteareas, La Estrada... (non vexades imposición, censura ou interferencia lingüística onde só latexa unha sa fusión multicultural) e tantos e tantos topónimos nacidos de mentes orixinais que só pretendían innovar cos seus neoloxismos.




Rajoy I de Sotomayor co seu vasalo,
o Cabaleiro Feijóo-oh-oh-oh-oh




Lei 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG 14.07.1983)

Artigo 10 

Os topónimos terán como única forma oficial a galega.

Corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia. O nome das vías urbanas será determinado polo Concello correspondente. 

Estas denominacións son as legais a todos os efectos e a rotulación terá que concordar con elas. A Xunta de Galicia reglamentará a normalización da rotulación pública respectando en todos os casos as normas internacionais que subscriba o Estado.

Pacientes do Terceiro Mundo: doentes de terceira

As compañías farmacéuticas multiplican os seus esforzos para seren as primeiras en conseguir o tratamento que elimine o virus letal do Ébola e as súas accións levedan nas bolsas, coma o bo pan baixo o pano, ante o lucrativo negocio que se aveciña.
Hai pouco, presionada pola elevada porcentaxe de mortaldade, a OMS autorizou a experimentación de novos medicamentos con humanos en determinados casos sen esperanza, e mentres en África xa morreron máis de 1.500 enfermos (de arredor duns 3.000 contaxiados), só temos noticia de que o soro milagreiro lles fose administrado a media ducia de pacientes occidentais. 

Fotografía de Dominique Faget

luns, 1 de setembro de 2014

Rabuñadas de agarimo

Unha gata salvou recentemente unha familia australiana de morrer abrasada no incendio do seu fogar. O dono durmía tranquilamente cando a micha comezou a rabuñarlle a cabeza insistentemente para que acordase.
Hai poucos meses, outra gata salvaba un cativo estadounidense ao se enfrontar a un can que xa o trabara. Déixovos aquí o vídeo dunha cámara de seguridade que gravou o suceso.

105 bebés devorados

Os membros dunha tribo indíxena dun recanto do hemisferio Norte veñen de dar conta de máis de un cento de cochos, que degustaron logo de os asaren mediante a técnica ancestral do espeto. 
O suceso tivo lugar na parroquia morañesa de Amil o pasado domingo e contou coa presenza de arredor de dous mil comensais, que non dubidaron en meterlles o dente aos ranchiños, exemplares inmaturos do animal totémico do que afirman as lendas atávicas deste pobo primitivo que todo lle pode ser aproveitado.

O antes e o despois de dúas das vítimas inocentes deste rito gastronómico