Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

domingo, 24 de xaneiro de 2016

Fontán. Marcos Calveiro

Así o chamaban todos os nenos no quinteiro de Porta do Conde. Con rotundidade. E cun aquel de temor tamén.
O Mundo.
Logo, cando medraban, non o nomeaban. Mais non o esquecían, non. Quen podería esquecer o Mundo?
Algúns ollábano con nostalxia. Outros incluso se persignaban cando o divisaban ao lonxe.
Impoñente. Inalterable.
O Mundo.
Santuario de xogos. Atalaia. Campo de batalla. Fortaleza. Ara da infancia. Todo iso era. Ou fora. Ou sería.
O Mundo.
Mingos e o seu irmán maior, Andrés, agromaron ao seu pé. O fragueiro quedaba a unha carreiriña de can da casa de don Rosendo e da señora Sebastiana, os seus pais. Dende a cortiña ou o patamal víano sen sequera poñerse nas puntas dos pés.
E a carón do Mundo, o Mundiño. Un penedo máis pequeno e humilde. Coma o acólito dun crego ben mantido.


Así comeza a novela de Marcos Calveiro sobre Domingo Fontán, o científico que percorreu o noso país a cabalo durante dezasete anos co fin de cartografalo de forma sistemática e rigorosa. Un personaxe fascinante nunha época convulsa, empeñado nunha misión intelectual que finalmente acadou, malia as dificultades. Polifacético e gran traballador; Fontán viaxou, exerceu a docencia, estudou varias carreiras, formou unha familia, ocupou cargos políticos... mais tamén sufriu represión polas súas ideas liberais.
Un libro moi recomendable, protagonizado por un home movido pola ansia de coñecemento nunha época que deixara atrás o Século das Luces para ensumirse outra volta nas tebras.

1 comentario:

  1. Non vou tardar en mercar o libro.
    Souben de Fontán por Miguel Anxo Murado e encheume o ollo.

    ResponderEliminar